Vehículo de transporte formado por unha serie de asentos individuais ou múltiples, que se desprazan pendurados dun cable único, e empregado para salvar grandes desniveis, sobre todo en montaña.
Etimoloxía
Formouse ao combinar dous elementos de orixe grega: tele-, que significa 'lonxe', e cadeira, que procede de kathédra 'asento'.
Exemplos *
"Funcionan tódolos sistemas de remontes ás cabeceiras de pista que son unha telecadeira e tres telesquís." (O Correo Galego 20-02-1996)
"Na xornada de onte permanecían abertos 4,8 quilómetros de pistas e funcionaron as telecadeiras e os telesquís." (O Correo Galego 20-02-1996)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.