Variedade de chícharo (Pisum sativum), de casulas moi tenras, que se comen cando as sementes aínda son pequenas.
Etimoloxía
É unha forma procedente do catalán tirabec, composta a partir de tirar mais bec ‘bico’.
Exemplos *
"… quedaba na horta dándolle volta á terra e poñéndolle esterco de cabalo para sementar, agora que estaban na fin da primavera, fabas e cebolas, leitugas e tirabeques, pementos e tomates." (Xavier Queipo: Papaventos)
"… o millo enchía os canastros, o viño volvía ferver nas pipas, mazás, peras, abruños, pexegos, patacas, grelos, verdura, tomates e tirabeques volvían encher cestas e cestas." (J.A. Xesteira: Contos de familia)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.