tobeira

Burato que fan debaixo da terra certos animais para viviren ou refuxiárense nel

Etimoloxía

Voz derivada sobre “toba” que procede do latín vulgar *tofa que remite ao clásico tofus ‘pedra porosa’.

Exemplos *

“O pobre, sen pensalo dúas veces foi esvarando como unha cobra polo oco da torada, mentres que coas mans ía escachando a madeira desfeita polas termitas e botándoa fóra como fan os coellos coa terra, cando están a arranxar a súa tobeira.” (Eduardo Prieto Casares: Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra, 2013)

“Máis aló, nun curruncho mouro, enxergábase a entrada dunha tobeira de animal grande, quizais dun porco bravo. En achegándose, notaron unha sorte de bafexo a saír da cova, coma unha brétema emitida para dar a benvida ao reino das sombras, unha delegación das ánimas.” (Marcelino Fernández Mallo: Cabilia, 2005)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.