trasgo

Ser fantástico nocturno que adoita facer estragos e enredar sen producir dano grave.

Etimoloxía

Substantivo de orixe escura, inda que se aventura como posible étimo o antigo verbo trasgreer 'facer travesuras' que viría do latín transgredi 'cometer infraccións'.

Exemplos *

"En calquera momento pode aparecer por un destes camiños a morte, un home lobo, a santa compaña, un trasgo ou o mesmísimo diaño." (Roberto Vidal Bodaño: Bailadela da morte ditosa)

"Un trasgo é un espírito algo mordaz, con figura humana, a quen lle encanta montar barullo pola noite, andar a mexer con diferentes obxectos, facer renxer as portas, bater trastes…" (Ángel de la Cruz: O descenso do derradeiro ocaso)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.