trouleiro, -a

Que é moi amigo de troulear

Etimoloxía

Vocábulo que se crea sobre “troula”, da que se propón como orixe o francés drôle ‘gracioso’ que, á súa vez, bebe do neerlandés drol ‘trasno’.

Exemplos *

“Fandiño, solteirón e trouleiro, pasaba as horas mirando revistas de cine metido no laboratorio que tiña nos baixos da farmacia, un soto iluminado por unha pequena bufarda a rentes da rúa.” (Paco Carro: Tempo ordinario (Historias de Compostela) / O licenciado, 2014)

“¡Tempo de Entroido! ¡Xa en Roma se anuncia o Carnaval! Unha máscara trouleira, toda vestida de colorado, axóuxeres nos pés, brinca pola porta de Sant'Angelo cun facho na man, fai unha cortesía e cruza á carreira a ponte antiga do Tíber que leva á cidade.” (Víctor Fdez. Freixanes: O enxoval da noiva, 1988)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.