trouleo

Diversión buliciosa en que participa un grupo de persoas

Etimoloxía

Derivado creado a partir do verbo “troulear”, e este de “troula” que procede do francés drôle ‘gracioso’.

Exemplos *

“Foi aquela noite cando os rapaces prestamos oídos a un rumor do que xa tiveramos noticia, era algo que se contaba para poñernos medo aos máis novos, para que non andásemos por aí de trouleo cando xa escurecera.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)

“Estas e outras gracias foron golpeándome os oídos, como se por unha misteriosa razón que eu daquela non era quen de comprender, todos e cada un dos presentes se puxesen previamente de acordo para escarnecerme, embromarme e ironizar sobre min, converténdome no centro de todo aquel trouleo, rebumbio e foliada, por non chamarlle xolda , esmorga ou carallada.” (Manuel Forcadela: A armada invencible, 1996)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.