trueiro

Aparello de pesca que consiste nun aro cunha rede en forma de saco, atado a un mango longo

Etimoloxía

Crese que podería estar relacionado co vocábulo do francés truelle que procede do latín trulla que designaba unha serie de obxectos do enxoval da cociña.

Exemplos *

“Pero o pai, de repente, colle a forcada e o trueiro, pónse de pé, dálle as costas e disponse a saltar. El só ten tempo a manobrar para facerlle o xeito.” (Manuel Rivas: ¿Que me queres, amor? / O míster & Iron Maiden, 1996)

“Diríxeo todo o patrón maior, e esperan contar con barcos das dúas marxes da ría e mais da illa: gamelas, botes, planadoras, bucetas, bateeiros, vacas; ata tres milleiros. Como ferramentas: raquetas metálicas, escumadeiras, trueiros, redes e barreiras Made in Arousa.” (Luís Rei Núñez: Días que non foron / O corvo de chapapote, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.