Xogo de baralla en que se reparten oito ou dez cartas segundo o número de xogadores, dous ou catro, e se saca trunfo, podendo cantar corenta se se ten o rei e o cabalo de trunfo e se fai baza sen utilizalos, ou vinte se o cabalo e o rei son doutro pau, e resultando gañador quen máis puntos faga
Etimoloxía
Adaptación da voz italiana tutti 'todos', xa que ao xuntar todos os reis ou todos os cabalos, gáñase.
Exemplos *
“Ramallo era o tipo máis bravo, máis espelido e con máis capacidade de persuasión. O escapado en quen confiaban os desconfiados labregos, capaz de botar unha partida de tute a carón dunha parella da Garda Civil sen engurrar unha cella.” (Manuel Gago: O exército de fume, 2018)
“Despois contáballe as moitas xornadas de travesía, amoreados nun humilde camarote de terceira clase compartido con outros cinco homes, sen máis diversión ca unhas mans de tute ou de brisca coas que gañar de paso unhas cadelas.” (Celia Díaz Núñez: Unha verdade amarga, 2017)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


