Insecto de gran tamaño da orde dos coleópteros, de cor negra e loura, que, no caso do macho, ten dúas mandíbulas semellantes a cornos en forma de arco
Etimoloxía
Formación composta polo substantivo “vaca” e o adxectivo “loura” e que se pode relacionar co feito que as mandíbulas do macho parecen cornos. O nome científico é lucanus cervus.
Exemplos *
“Alí non houbo concentración parcelaria, polo que aínda quedan carballeiras, e as vacalouras son amigas dos carballos. Un dos encontros produciuse nunha corredoira, onde atopamos un exemplar que espernexaba barriga arriba tratando de gañar unha postura máis decorosa.” (Pepe Salvadores: Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 2010)
“E algunhas veces iamos ver voar as vacalouras, facendo a godalla, é dicir latando, cousa que levantaba a acalorada desaprobación de don Abel, o mestre.” (Xosé Manuel G. Trigo: Extintos básicos, 1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.