Planta herbácea dicotiledónea, de follas pinnadas e flores rosas ou brancas en corimbos, que ten propiedades medicinais.
Etimoloxía
Denominación que procede do latín medieval valeriana, que, á súa vez, deriva do nome, Valeria, provincia da Panonia, designada co nome da filla de Diocleciano. O nome científico é Valeriana officinalis L.
Exemplos *
“Unha parte de bergamota, dúas de tila, unha da herba benta que tamén chaman valeriana –Hélène salmodia a receita coma se estivese ante un tribunal da Santa Inquisición: segura de si, un pouco pretensiosa, como quen domina o seu saber–, un chisco de milenrama, dúas partes de agripalma, un nada de gatuña e de beladona, e... finalmente unhas herbas que non podo dicirche...” (Teresa Moure: Herba moura, 2007)
“Cando chegaron ó seu destino, atoparon algúns homes e mulleres nas escaleiras e no corredor. Un cativiño loiro e gordecho era atendido por dúas nenas que tentaban tapa-la falla da nai que arestora durmía no cuarto, despois de que as comadres a ateigaran de infusións de durmideira, valeriana e outras herbas.” (Luís Manuel García Mañá: O lume de Santo Antón, 1997)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.