vendaval

Vento moi forte / Vento do sur

Etimoloxía

Vocábulo que é froito da adaptación á nosa lingua da frase do francés vent d'aval que significaba 'vento de alta mar, vento do oeste'.

Exemplos *

“Non bruaba coa forza desbocada do vendaval que levaba os paraugas como follas das plataneiras. Non, o nordés apenas o ouvías asubiar. Fungaba pola parte de atrás da casa, entre os capoeiros e as sebes.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)

“Marcelo non tivo ocasión de ir ao mar moitos días daquel febreiro. Despois da tregua que permitiu que se iniciase no cerco, chegou un forte vendaval. Era un temporal que traía ventos nor-nordeste, fríos e bravos, acompañado de mar de fondo.” (Vanesa Santiago: A vida sinxela de Marcelo Firmamento, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.