Peixe fusiforme da familia dos escómbridos, de cor verde ou azul irisada con listas verticais negras no lombo e prateada ou branca no ventre
Etimoloxía
Palabra derivada sobre “verde” que vén do latín viridis ‘de cor verde’. A denominación garda relación coa cor do propio peixe, verdosa.
Exemplos *
“A súa comida era de adoito o caldo con algo de cocho, xa que logo a untanza, e peixe, o barato, sardiña, chicharro, verdel. Houbo un tempo en que había sardiñas en grande abundancia e foi unha bendición para a xente” (Lois Tobío: As décadas de T.L., 1994)
“Había en todos nós certas ansias por recobrar a vida na rúa; na praza do Mercado instalárase un posto de castañas asadas e outro onde se vendían vasos de augardente para todos aqueles que querían quentar o corpo antes de facer algunha saída ao mar para faenar na ría algún polbo, fanecas ou verdeis, que logo venderían na mesma praza ou servirían para o sustento familiar.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.