verderolo

Paxaro da familia dos frinxílidos, do que existen varias especies, con tons verdosos na parte inferior do corpo, no inicio do rabo e, xeralmente, nas ás

Etimoloxía

A designación está motivada pola tonalidade da plumaxe e fórmase tomando como base “verde” ‘cor verde’ que vén do latín viridis de significado semellante.

Exemplos *

“Do mesmo xeito, eu non ouzo falar moito de "paxaros", senón de xílgaros, reiseñores, verderolos, petos, peifocos, paspallases, pincaouros, picafollas... , e de lavandeiras, chascos, carrizos, andoriñas, lavercas, escribentas... Non hai ningún cativo que os confunda cando anda ós niños.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)

“Ébora, na primavera, cheiraba a mimosa e chorima, verde, e as cotovías danzaban no aire cos verderolos inquietos.” (Xosé Carlos Caneiro: Ébora, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.