Serpe velenosa da que existen diversas especies, de cores nas que predominan as pardas e grises, xeralmente cun debuxo dorsal en zigzag, coa cabeza de forma triangular, ollos con pupila vertical e dous dentes ocos cos que inocula veleno
Etimoloxía
Termo que bebe no latín científico Vipera, que, á súa vez, remite ao latín clásico vipera ‘serpe’.
Exemplos *
“Cando el era rapaz os cadáveres dos asasinos máis malvados metíanse nun saco e guindábanse ó mar xunto con outras catro alimarias coma eles: un can, un gato, un macaco e unha víbora.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)
“Eu non sei de rancores nin de armas. Os que falan niso son, se acaso, os mesmos que teñen esa tal pezoña do odio e da guerra no seu sangue por seren da raza das víboras.” (Bernardino Graña: Protoevanxeo do neto de Herodes, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.