vichelocrego

(Foto: Paco Gómez, 2006. Wikipedia)
(Ilustración: Magnus von Wright, (1805-1868))

(Oriolus oriolus) Paxaro da familia dos oriólidos, de cor amarela, con ás e rabo negros, peteiro rosado e ollos vermellos, o macho, e de cor verdosa nas partes superiores, parda nas ás e no rabo e abrancazada con raias pardas nas inferiores, a femia.

Etimoloxía

Este nome creouse ao se aglutinar a expresión “viches o crego”.

Exemplos *

“… aquel amigo que tiña voz de ouriolo, pelo de vichelocrego crecho, pencas de papafigos.” (Anxo Angueira: Terra de Iria)

“Ergueuse a parruma levando a humidade e permitiu ollar o panorama montesío. Cruzou polo ar unha parella de vichelocregos.” (Hixinio Puentes: Aguillóns de Ortegal)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.