viquingo, -a

Relativo ou pertencente ao pobo de navegantes procedentes de Escandinavia que atacou e saqueou o litoral do norte e oeste de Europa entre os séculos VIII e XI / Individuo dese pobo

Etimoloxía

Adaptación do termo inglés viking que bebe do nórdico víkingr que se cre, ao primeiro, designaba ao ‘rei das baías’.

Exemplos *

“Ataque viquingo ó mosteiro de San Cibrán de Calogo, en Vilanova da Arousa, fundado por San Froitoso. Os nórdicos chegan polo Ulla ó interior de Galicia, aínda que volven ser rexeitados en Chantada polo rei Ramiro no lugar actualmente denominado Camporramiro.” (Xoán Bernández Vilar: A saga da illa sen noite / Apéndice, 2001)

“Despois pasei pola medieval torre de San Sadurniño, "beira do mar sobre os cons", restos xemelgos das da Lanzada e Catoira para defensa dos invasores, sobre todo viquingos, e reformada polo bispo Xelmírez no século XII.” (Miguel Anxo Fernández: Bícame, Frank, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.