virazón

Vento do mar, en particular o que sopra durante o día / Cambio repentino na dirección do vento

Etimoloxía

Palabra derivada sobre o verbo "virar" que vén do celto latino *virare de significado semellante.

Exemplos *

“Unha man de crías xa ben medradas de corvos mariños aterran, amerizan por meo nos baixos do Seixo. Mais axiña erguen o seu voo rasante nas ondas retelladas da virazón cara á enseada do Vao, onde se perden afogadas no escuro, no mouro mar da ría.” (Anxo Angueira: Iria, 2012)

“O vento algo débil ó principio, foise volvendo máis duro con forte e súpeta virazón. O ruído retumbante da treboada acercábase velozmente. Os raios e chispas caían en todas direccións, e as nubes mouras, baixas e espesas corrían desbocadas apurradas polo vento que aumentaba en ímpeto e que asubiaba fortemente.” (Arturo Romaní: Barlovento, 1992)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.