xabreiro

Que é frío e no que dá pouco o sol

Etimoloxía

Termo que se forma sobre a palabra “sabre” que viña do latín sabulu ‘area’.

Exemplos *

“O protagonista da obra de Fole que escoitaba as historias contadas nesas noites de inverno do Caurel creadas para trasnos e lobos, sentaría ao outro día, nunha mañá xabreira, na solaina, a escribilas nun caderno que gardaba na lacena do comedor.” (Miguel Mato Fondo: Xope de Lilaina, 2005)

“O pobo está nun val, un pozo bretemoso, xabreiro. Limitado por altos montes neboentos.” (Xavier Rodríguez Barro: A fundición e outras narracións, 1978)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.