Doce elaborado con auga, crema, zume de froita ou outros ingredientes mesturados e conxelados
Etimoloxía
A voz xorde da substantivación do participio pasado do verbo “xear” que nos chega desde o latino gelare ‘conxelar’.
Exemplos *
“Camiñamos xuntos á casa ao saír da clase. Quedamos para tomar un xeado un día de calor. Atopámonos na libraría un sábado pola mañá. Mirámonos aos ollos no medio dunha explicación sobre a xeometría cartesiana.”
“Eran días enteiros para non ler, non facer contas, non aprender nos libros de texto e, a cambio, escoitar música a medias compartindo auriculares e cintas de casete, comer xeados a deshora, ler revistas no autobús, xantar sentadas na herba (...) e xogar a Verdade, bico ou consecuencia no tempo morto despois da comida.” (Inma López Silva: Aqueles días en que eramos malas, 2019)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.