xentil

De boa presenza, agradable tanto polo seu aspecto coma pola forma de comportarse / Que mostra interese ou afecto no trato social

Etimoloxía

Palabra que remite á latina gentīlis 'que pertence a unha mesma nación', que derivaba desta outra voz gens, gentis 'raza, liñaxe', 'nación'.

Exemplos *

“Aplausos e aclamacións de saúdo acompañaban o seu lento e firme avance cara ao palacio, unhas ovacións á que ela soubo responder cun sorriso maino, pousando unha mirada xentil e doce.” (Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul, 2009)

“Coñecía a súa astucia e a súa tenacidade coma para ser tan babeco de pensar que o seu novo comportamento, tan xentil e próximo, obedecía a algo distinto que a conseguir os fins que a trouxeran a Tintaxel.” (Begoña Caamaño: Morgana en Esmelle, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.