xenxibre

Planta da familia das cinxiberáceas orixinaria da India, que pode chegar a un metro de altura, de follas lanceoladas grandes, flores amareladas en espiga e froito en cápsula, que se cultiva polo seu rizoma groso e aromático, empregado como medicamento, como condimento, en perfumaría etc.

Etimoloxía

Crese que procede do latín zingiber, -eris e este do grego zinggíberis co mesmo significado ca hoxe.

Exemplos *

“Desde había unhas horas sentíame atrapado na súa colonia, xenxibre, marmelo...” (Adolfo Domínguez: Juan Griego, 1992)

“E Xián, meu amigo, que lugar, onde a seda e o xenxibre abundan máis que en calquera outro lugar do mundo.” (Francisco Castro: O segredo de Marco Polo, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.