xeografía

Ciencia que estuda a superficie terrestre no aspecto físico (relevo, cursos de auga, clima etc.) e nos que se derivan da relación do home co medio (asentamentos humanos, poboación, actividades económicas).

Etimoloxía

Tomámola do latín, que á súa vez a collera do grego geographia 'descrición da terra', creada a partir dos elementos geo 'terra' e graphé 'escritura'.

Exemplos *

"Aínda lembro o exame, despois de ir durante tantos meses ás escolas nocturnas para aprender matemáticas e xeografía e ó final a pregunta máis difícil vén do cura da materia de relixión …" (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais)

"… había que facelo todo: viaxar, botar discursos, escribir nos xornais, estudar xeografía, etoloxía, historia da nosa terra …" (Goretti Sanmartín Rei: Nos camiños do entusiasmo. Calidade de lingua e planificación)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.