xílgaro

Paxaro da familia dos frinxílidos (Carduelis carduelis), de cor parda no lombo, co rabo e a cabeza brancos e negros, as ás tamén brancas e negras cunha franxa amarela e a cara vermella.

Etimoloxía

Se ben non hai acordo sobre o seu étimo, a opción máis aceptada na actualidade indica que se tomou de silybum 'especie de cardo'.

Exemplos *

"… agora andaba coa cabeza levantada, alegre coma un xílgaro, gozando da conversación da xente coma se fose un viño de prezada colleita do que xa só quedase unha botelliña pequena." (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras)

"Na horta, unha pega rabilonga enceta unha reineta que se desprendeu da mazaira e un xílgaro asubía entrañado nas cerdeiras da Telva." (Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.