xinecocracia

Goberno feminino

Etimoloxía

Termo formado por “xineco-” que nos leva ao grego gynaiko, ‘muller’ e por “-cracia” tamén do grego -kratía, derivado da raíz krátos 'forza'.

Exemplos *

“Bachofen reinterpretou magnificamente todo o que durante o século XIX se dixera sobre as orixes da sociedade e da relixión, e chegou ao concepto de xinecocracia, existente nos albores da humanidade.” (Miriam Couceiro Castro: A Galiza feminista. Tebras e alboradas, 2021)

“Autores gregos e romanos (...) relataron as características da sociedade castrexa. Destaca a magna Xeografía do grego Estrabón (64 a. C.-19 d. C.), en dezasete volumes, onde se ofrecen moitos detalles, como o da xinecocracia castrexa. Descartado o matriarcado, hoxe sábese que había certo equilibrio social e económico entre homes e mulleres.” (Anxo Serafín Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil: Novas do Eixo Atlántico, 6-2015)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.