xirín

Paxaro pequeno da familia dos frinxílidos, de peteiro curto e groso, canto moi agradable, e cor verde tirando a amarela pola cabeza e polo corpo, e castaña polas ás e o rabo, que é gallado

Etimoloxía

Esta denominación ten unha orixe onomatopeica.

Exemplos *

“Ó ouvirse este rebulicio en todo o arboredo, de repente comezaron a garullar con moito barullo as pegas e os gaios, deixou de cantar a rula e calaron os xiríns, as acías, os piscos e mái-los verderois. Desapareceu así naquel intre o sosego na carballeira e a tranquilidade dos animaliños que a habitaban .” (Manuel Rodríguez Troncoso: Raíces rurais, 1996)

“O mestre dos paxaros moraba nun muíño, preto de Cereo. (...) E que ao tempo que os nomeaba, ía nacendo un paxaro de cada vez. (...) E dixo xirín, e o xirín que xirineaba no máis alto dunha póla, deu resposta e revoou lizgairo polas flores máis novas das cerdeiras.” (Miguel A. Mato: La Voz de Galicia, 28-2-2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.