xoia

Obxecto de adorno feito con metais valiosos ou con pedras preciosas.

Etimoloxía

Chegounos da forma do francés antigo joie ‘obxecto precioso’, que remite en última instancia ao latín jocus ‘xogo’.

Exemplos *

“Tamén Lucía o miraba con receo cando chegaba, aínda que lle trouxera sempre algún regalo, algunha xoia exótica.” (Mª Xosé Queizán: Ten o seu punto a fresca rosa)

“Andou polas rúas de Compostela con vasta precaución, sentindo no seu peito o temor a perder aquela xoia irreparábel que levaba nas mans.” (Román Raña: O crime da rúa da moeda vella)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.