Peixe mariño da familia dos lábridos, de corpo alongado, ollos pequenos en relación ao corpo, cor castaña, azul ou verde escuras no lombo, cunha banda alaranxada desde a cabeza ata a aleta caudal, que habita no litoral sobre fondos rochosos, areosos e baixíos
Etimoloxía
Denominación que se relaciona co antropónimo Xulia, que procede do latín Iulius 'orixinario da gens Iulia'.
Exemplos *
“Era mediodía e regresaba á casa dende a praia de Areasgordas cargando un lote de peixe, varias xardas, unha pescada e un par de xulias, que pescara dende unha das dornas dos Soliño fronte ás illas Cíes, coñecidas tamén como illas de Baiona, invitado polo meu amigo Pedro Martínez.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)
“Unha noite de xolda, o Turo quedou prendido dunha moza rubia, de ollos azuis, moi falangueira. Enviaba cervexa por aquela gorxiña branca como deben tragar auga as xulias no fondo do mar, e por iso demos en pórlle Xulia.” (Xesús Franco González: Matalote, 2000)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.