zopilote

Ave de rapina semellante ao voitre propia do continente americano, de plumaxe negra, coa cabeza e o pescozo nus e agrisados

Etimoloxía

Adaptación do náhuatl tzopílotl, palabra composta de tzotl ‘prea’ e piloa ‘colgar’ porque voan coas presas mortas.

Exemplos *

“A granxa da Castiñeira transmitía un cheiro fedorento, unha mestura de esterco e curral que incomodaba ós homes e que a Pedro Pascual lle fixo lembra-lo cheiro das vísceras polas que baixo o sol pelexaban os zopilotes nas terras altas de Medellín.” (Francisco X. Fernández Naval: Sombras no labirinto, 1997)

“...ao vé-las deambular perto dos bidóns fan lembrar un equivalente ecolóxico dos abutres e zopilotes tan abundantes nalgunhas cidades da África subsahariana e de Iberoamérica, onde a miseria rampla.” (Xurxo Pérez Pintos e Xosé Bouzó Fernández: As bioinvasións na Galiza, 2004)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.