A golpes

As persoas que redactamos estes textos somos –como non podía ser doutro xeito– moito de resolver as cousas con palabras: revolvemos nos dicionarios, cadramos significados, alentamos a diversidade e a amplitude léxicas e cremos profundamente que dar co termo adecuado axuda a facérmonos entender e a comprender mellor o que din os demais. E ata aquí o politicamente correcto…


Nos anos 90 do século pasado, na Facultade de Filosofía na Universidade de Santiago, comentábase e valorábase unha anécdota real sucedida nunha “tractorada”. Vinte mil tractores pechaban Compostela e ninguén agás as ambulancias podía entrar nin saír. As persoas dos sindicatos agrarios trasmitíranlles unha idea fundamental aos 50.000 labregos participantes: nada de violencia e, en caso de conflito, resolvámolo razoando. Unhas horas despois, un agricultor zorregáralle tres sopapos ao condutor dun coche que pretendía saltar o corte na estrada de circunvalación (hai que adiantar que a persoa agredida tiña gran facilidade de palabra e tratou o noso protagonista con boa dose de paternalismo). Os do sindicato foron ver que pasara e por que non se respectara a idea de solucionar dialogando. O dono do tractor foi sincero e transparente:


– Primeiro intentei razoar e logo deille.
– Pero por que? – preguntou o sindicalista.
– Porque razoando gañábame el.


Pois iso, aquí tedes sete termos para cando, coas palabras, non deades feito…
 

1

lambada

Golpe dado na cara coa man aberta.

Esta palabra pasou pola boca de todos cando, no verán do 89, a banda brasileira Kaoma copou as emisoras co seu éxito Chorando se foi, mais o certo é que a lambada está presente na lingua desde moito antes, pois xa se documenta por escrito a finais do XIX, non para chamarlle a ningunha danza sensual, nin tampouco referida a un golpe, senón como un alimento de sabor especialmente agradable, unha lamberetada. Figura no Dicionario como segunda acepción. Pensando neste significado é posible explicar a orixe do substantivo, que se trataría dun derivado do verbo lamber –do latino lambere, de idéntico valor– e certamente o xesto de lamber e relamber o bico despois de comer é, as máis das veces, sinal de que o que se comeu estaba delicioso. A partir de aí, xurdiu o sentido figurado do verbo como recibir un golpe, que logo se acabaría trasladando tamén ao substantivo.

 

Con todo, en estudos etimolóxicos do portugués dise que lambada podería ser unha variación sobre lombada, sen saír do mesmo ámbito semántico, de xeito que de levar o golpe no lombo pasaríase a recibilo en calquera parte do corpo, xa que parece que para os portugueses a lambada ten un sentido máis xenérico e non se refire especificamente ao lapote na face.

2

lapote

Golpe que se lle dá a alguén na cara ou na cabeza coa man aberta.

Aínda que na definición do Dicionario se especifica que o lapote se dá –ou se recibe– ben na cara, ben na cabeza, ao facer un repaso desta palabra nos textos literarios, atópanse usos relativos a outras partes do corpo –as mans ou as nádegas, por exemplo– especialmente a partir dos anos oitenta, que é tamén cando aumenta o seu índice de frecuencia.

 

O  máis probable é que lapote se trate dun substantivo creado a partir do verbo lapar, que se utiliza para falar dos animais cando comen ou beben facendo un ruído característico, ou tamén, referido ás persoas, cando engolen a comida ás présas, case sen mastigar, e con non moita discreción. Por asociación sonora, entenderíase tamén a orixe do verbo a partir dunha suposta raíz prerromana lap-, creada por onomatopea do ruído que se pode facer ao lamber ou chapuzar na auga, semellante ao que se produce ao darlle a alguén unha moufada.

3

moufada

Golpe dado na cara coa man aberta.

Na lingua de hoxe non é frecuente empregar moufa para chamarlle a cada unha das partes moles da cara situadas a ambos os lados da boca, ou sexa, o que adoito denominamos fazula ou meixela. Emporiso, este substantivo ten presenza no idioma cando menos desde o século XVIII pois xa deixou constancia del o bieito Sarmiento, o mesmo que hoxe en día figura como entrada no Dicionario da Academia. Relaciónanse con el os verbos mofar e moufar, que en principio significaban facer burla hinchando despectivamente os labios e comer á présa unha gran cantidade de comida, respectivamente. Ambas as accións terían como consecuencia o avultamento da parte lateral do rostro, de aí que o substantivo acabase por designar esta zona do corpo e posteriormente se crease o derivado moufada para o golpe dado na cara.

 

A opinión máis estendida entre os especialistas é que todos estes termos estarían relacionados cunha voz medieval do occitano, moflet, que valería tanto para caracterizar algo que é mol coma para describir a persoa de fazulas inchadas ou de moito peso. Non está tan claro de onde procede a palabra occitana, que probablemente se trate dunha creación expresiva. Sexa como for, queda clara a motivación pola localización do golpe, o mesmo que sucede co sopapo.

4

sopapo

Golpe dado na cara coa man.

Do latín clásico sub, herdouse para o galego medieval a preposición so(b), que aínda sobrevive na lingua de hoxe, co valor de ‘debaixo de’, en construcións do tipo “so a lousa de chumbo, a xentiña arde”, que tiramos da Terra de Iria, de Anxo Angueira. Non é unha forma de uso frecuente, aínda que si bastante produtiva formando parte doutras palabras, como elemento de composición, tal é o que acontece en sopapo, que podería parafrasearse como ‘debaixo do papo’.


Neste caso, o papo debe entenderse como sinónimo de queixo, isto é, a parte da cara que está entre a boca e o pescozo, e que recibe entre nós moitas outras denominacións, distribuídas dialectalmente, como por exemplo barba, barbadela ou queixelo. A súa etimoloxía remite á papa, do latín pappa, que alude a calquera substancia branda, en particular se é comestible, de onde tamén parte a explicación para as outras acepcións do papo, como parte do corpo de consistencia mol, que se observan nas frases papo da man, papo da orella ou papo da perna.


Por extensión, sopapo emprégase para calquera golpe dado na cara, e non só na queixada, o mesmo ca a losqueada.

5

losqueada

Golpe dado ou recibido coa man ou con outra cousa.

Losqueada é o substantivo derivado do verbo losquear, que non atopamos documentado por escrito antes do século XX e que tampouco tivo entre nós unha gran difusión; no entanto, recólleno Filgueira Valverde e os seus colaboradores no Vocabulario popular castelán-galego, de 1926, onde se propón como equivalente de zurrar. O máis probable é que o verbo se crease por derivación a partir de lasca, unha voz presente nos distintos romances peninsulares –e tamén fóra deses lindes, por exemplo en dialectos mozárabes, occitanos, de Francia, Italia e Alemaña– á que se lle atribúe unha orixe moi antiga, seguramente prerromana e prexermánica, e incluso poida que anterior ás linguas dos celtas, nas que se supón a existencia dunha forma vlisca, para chamarlle a unha variña fina.


Na lingua moderna, lasca emprégase baixo dúas acepcións moi próximas entre si, tal e como recolle o Dicionario; pode ser unha pedra pequena e plana que se desprende doutra ou ben un fragmento de pouco tamaño e delgado, separado doutro maior, primeiramente de madeira ou metal, aínda que tamén de calquera outro material, como sucede coa variante lisco, que acabou nomeando unha porción de certos alimentos, como o touciño ou o xamón, xeralmente alongada e fina. Agora ben, non se sabe con certeza cal foi o sentido primeiro da lasca, se habería que relacionala coa folliña plana da carriza (que se denominaba lesca antigamente en varios romances) ou porén identificala cun cacho a xeito de rebanda (en catalán, llesca). Sexa como for, logo das transformacións e derivacións devanditas, chegouse á losqueada, que hoxe conservamos para o golpe que se dá coa man ou outra cousa, por exemplo unha vara pequena, como en zorregada.

6

zorregada

Golpe dado cunha zorrega ou con calquera outra cousa.

Unha zorrega é un pau pequeniño e delgado, como se explica no Dicionario, onde tamén aparece outra definición referida á náutica, que queda fóra do ámbito que nos interesa neste caso. Tanto esta palabra coma zorregada están presentes na lingua desde hai tempo, como podemos ler no Coloquio de 24 gallegos rústicos, escrito por Sarmiento, quen tamén dá informe do infinitivo zorregar no seu Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, onde o identifica con zurrar e para o que se supón unha orixe prerromana.

 

É de notar que existe outra forma dialectal, zurriagazo, que rexistra por primeira vez nunha obra lexicográfica Eladio Rodríguez no Dicionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), pero da que temos documentación desde 1884, no semanario O Tío Marcos da Portela de Lamas Carvajal. É claramente un derivado de zurriago, que D. Eladio describía como “o látego co que se zurra”, común a distintas linguas peninsulares, a partir dunha suposta forma romance escorriata, por alteración de estorriaca, cun sentido moi próximo a zorrega, e cuxa documentación máis antiga dáse no árabe hispánico e magrebí para nomear unha clase de látegos feitos con pel de hipopótamo. Desde aí, xorde zorregada para o golpe dado precisamente cun látego ou calquera obxecto do xeito, o mesmo ca lampreazo.

7

lampreazo

Golpe dado cun látego, fusta etc.

O corpo cilíndrico e alongado da lamprea, e a súa flexibilidade, inspira a comparación co látego, a fusta, ou calquera outro instrumento destas características, sendo deste xeito a base da palabra lampreazo, para denominar o golpe que se dá con algún deles. A terminación –azo é recorrente achegando este valor en substantivos derivados doutros substantivos, como se pode comprobar en machadazo (o golpe que se dá coa machada ou o machado), mocazo (coa moca), fungueirazo (co fungueiro) ou tamén en lategazo, por citar só uns poucos.

 

A lamprea, do latín lampreda (posiblemente por influencia de lambere ‘lamber’ sobre a forma clásica naupreda) é un peixe que provoca por igual curiosidade e rexeitamento, tanto polo seu comportamento –é un animal parasito que se fixa a outros peixes para zugarlles o sangue– coma tamén polo seu tacto visguento e a característica forma da súa boca, circular e chea de dentiños dobrados cara a dentro, que funciona como unha ventosa, de onde lle vén o nome de chupona. Tamén na nomenclatura científica, Petromyzon marinus, se destaca esta calidade da lamprea, xa que a tradución literal da secuencia latina sería “chupador mariño de pedras”, de onde a etimoloxía popular lambepedras que é outro dos nomes con que se coñece dialectalmente.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir