A poesía de Carballo Calero en sete palabras

A dimensión máis pública de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) recae sobre todo na relevancia como estudoso da literatura e da lingua galega, pero o protagonista do Día das Letras Galegas reivindicouse sempre como poeta. “Poeta és / pois dache noxo todo / agás a poesía”, declarou nun dos seus poemarios. Este novo Setestrelo que lle dedicamos no Portal das Palabras é un convite a descubrirdes, se aínda non o fixestes, a súa lírica, dende os primeiros libros ata os póstumos. Comezamos!

1

Vieiro

Camiño estreito formado a forza de pasaren por el a pé persoas e animais.

Eu, neno, matéi a miña infanza

Co coitelo da miña gravedade.

(...)

Cando era a hora de vivir

foi pra min a hora de coidar.

Cómo voltar as agullas do tempo

a marcar no reloxe da miña vida

a hora da i-alba?

“Evocazón da infanza perdida”, Vieiros (1931)

Cuberta de Vieiros (1931)

z

“O biografismo de liña romántica pode escamotearnos a realidade da obra literaria”, advertía o Ricardo Carballo Calero crítico literario no libro que recolle as conversas que mantivo coa profesora Carmen Blanco. Compartimos a apreciación, pero nesta viaxe pola súa poesía non podemos resistirnos a entretecer vida e obra, comezando polo seu primeiro libro de poemas en galego, Vieiros (1931). Saíu do prelo cando o noso protagonista tiña apenas 20 anos, quen xa sendo adolescente publicara prosa e versos nas revistas Maruxa e Vida Gallega e no xornal El Correo Gallego. Aquelas primeiras composicións públicas, escritas aínda en castelán, chamaron a atención do médico, escritor e logo alcalde republicano de Ferrol, Xaime Quintanilla, quen o animou a crear en galego.

Os versos de Vieiros foron editados por quen sería tamén alcalde republicano, de Santiago de Compostela, Ánxel Casal, quen morrería no 1936 paseado polos golpistas. As lecturas da poesía de Rubén Darío deixaron pegada nestas páxinas, nas que aínda se advirten trazos romántico-modernistas e asoman elementos da vangarda creacionista. Pero quizais o máis importante é a presenza nesta obra inaugural da preocupación existencial que continuaría na obra posterior de Carballo Calero.

Este ton reflexivo, segundo confesou o autor, podería ter algo que ver cunha infancia triste, marcada polo pasamento da nai e de dous irmáns. Foi esta etapa, tomando como metáfora o título deste volume, un vieiro complicado.

A palabra vieiro é unha creación que toma como base o substantivo vía (espazo onde se transita). O vocábulo via en latín significaba xa ‘camiño’, ‘estrada’ ou ‘rúa’ e aparece recollido en todos os idiomas romances de Occidente. Aínda que a palabra camiño foi ocupando algunhas das acepcións orixinarias da palabra latina. Vieiro como “camiño estreito” está documentado xa por Sarmiento en Colección de voces y frases de la lengua gallega. Nun principio é unha palabra que se recolle amplamente no ámbito literario e conta entre os sinónimos con carreiro, senda, sendeiro e verea.

2

Silencio

Ausencia de calquera ruído ou son.

Cabeleira de chúvia, ollos de néboa. 

María Silenzo, esfarrapada, á espreita. 

(...)

María Silenzo, eu robaría

no ceo

a estrela de mel,

na auga

a estrela de prata,

pra che mercar a fala.

“María Silenzo”, O silenzo axionllado (1934)

O silenzo axionllado (1934)

Aínda en democracia, Carballo Calero publicou na editorial Nós O silenzo axionllado (1934), que xunto con Vieiros recompila os que o autor considerou os seus mellores poemas de todos os escritos ata os 25 anos. Desta volta o autor deixa atrás toda pegada modernista e mergúllase nas vangardas. As metáforas de tipo creacionista ou ultraísta son claras neste novo volume no que son frecuentes as imaxes mariñas e cosmolóxicas. Pero O silenzo axionllado destaca sobre todo por un erotismo ata o momento case inédito na poesía galega e pola repetida identificación da muller coa natureza, unha constante presente xa en Vieiros que cobra aínda máis forza.

A relación estreita entre muller e natureza é especialmente notable no poema “María Silenzo”, versos inesquecibles, en palabras de Otero Pedrayo, sobre a “nobre e santa escultura románica do pórtico da costa penedosa da Galiza”. O silencio, a ausencia de resposta, está presente en repetidas ocasións ao longo deste libro ata o punto de gravalo no seu título, extraído do poema “Madrigal a Rosalía”: (....) a ti, / de min, / aos pes, / a flor / dun silenzo axionllado.

Para a investigadora estadounidense Kathleen March, o silencio é, tanto neste volume coma en Vieiros, o medio polo que se deixa escoitar a voz creativa do autor. “Apurra as interrogacións, as dúbidas, as arelas, en fin, as ambigüidades que, semellante á obra de moitos escritores desta época de preguerra, fornecen unha apertura á interpretación”.

A palabra silencio é un continuador por vía culta do latín silentium, que ten un significado semellante e que pertence á mesma familia que o verbo silere ‘calar’. Non hai que esquecer que, xunto á primeira acepción, “ausencia de calquera ruído e son”, o noso dicionario tamén identifica o silencio como a “situación de quen se abstén de facer comentarios ou de quen se nega a dar algunha información”, é dicir, un xeito, voluntario ou non, de calar.

As linguas próximas beberon do mesmo étimo para designar este concepto e así atopamos silence en francés, silenzio en italiano, silêncio en portugués, silenci en catalán ou silencio en castelán. Da mesma familia léxica son o verbo silenciar e o adxectivo silencioso. Entre os parentes próximos gústannos especialmente silandeiro, -a; e silente, este último adxectivo de uso literario. Nun rexistro máis técnico, a lingua xurídica déixanos a frase silencio administrativo para referírmonos á “forma en que remata un procedemento administrativo, cando a Administración non o resolve no prazo fixado para facelo, o que pode ter sentido positivo ou negativo”.

3

Anxo

Ser espiritual que, segundo a Biblia e o Corán, é mensaxeiro entre Deus e os homes.

Anxo de terra, de cobarde arxila,

que co teu po queres rubir ao ceo.

Antre o verde e o azul fas o teu niño.

“Anxo de terra”, Anxo de terra (1950)

Anxo de terra (1950) foi un dos título da colección Benito Soto

Tras a guerra civil, Ricardo Carballo Calero regresou ás librarías como poeta en 1950 con Anxo de terra, publicado na Benito Soto, a colección co nome do pirata pontevedrés, e Poemas pendurados dun cabelo, que veu a lume dous anos despois na colección Xistral. Malia a data de publicación, a maioría dos versos que recompilan estes dous volumes foi escrita entre 1934 e 1939 e tardou en ver a luz por mor da persecución que o autor seguiu a sufrir por parte das autoridades franquistas, incluso anos despois de que cumprira condena de cárcere por defender o goberno democrático da II República. Nestes dous libros inicia unha etapa poética máis persoal na que profunda na preocupación existencial e reflexiona sobre a condición do home, o “anxo de terra”, que lle dá título ao primeiro destes poemarios.

O anxo desterrado do ceo atopa equivalente máis adiante no fillo de Eva, como el mesmo se identifica noutro célebre poema dedicado a Álvaro Cunqueiro: Os tristes fillos de Eva / mordemos as mazás que se desfán en cinza. O anxo é, en calquera caso, unha figura recorrente na poética de Carballo Calero. Podemos atopala en poemas tanto anteriores coma posteriores a Anxo de terra, dende “O sexo do anxo” ata “Caza de anxos”, “Cidade de anjos” ou “Rondel do ano do paraíso”.

A palabra anxo é un termo que pertence ao ámbito da relixión pero que pasou a ser empregado na lingua común para referírmonos, nun sentido figurado, a unha “persoa moi boa”. A orixe da palabra encontrámola no latín tardío angelus ‘o mensaxeiro de Deus’, que procede do equivalente grego ággelos ‘mensaxeiro’. Da familia léxica son as voces anxélico e anxelical, o adxectivo que indica ‘aquilo que está relacionado cos anxos’. Pola situación particular que viviu a lingua na súa historia, sobre todo durante gran parte do século XX, empregouse a forma castelanizada de aspecto galego *ánxel.

4

Salterio

Libro da Biblia que contén os Salmos. Antigo instrumento musical, cun número variable de cordas suxeitas a unha caixa de madeira en forma de triángulo ou trapecio, que se tocaba cos dedos.

Anda, home, arrandéate; é o teu fado:

de atrás adiante, adiante atrás, ¡Carriola

do pensamento! Négate e afírmate.

De Deus herdeiro ou orfo.

Salterio de Fingoy (1961)

Salterio de Fingoy (1961) viu a luz na colección Salnés de Galaxia

A mitoloxía está moi presente na obra de Carballo Calero, dende o clásica ata a bíblica. A grega foi para el unha paixón dende cativo, cando lía as traxedias de Sófocles ou Esquilo, mais co tempo tamén se interesaría moito pola Biblia, da que se chegou a declarar lector devoto e que inspirou versos tan fermosos como Un leopardo son que lese a Bíblia.

A influencia relixiosa é especialmente evidente en Salterio de Fingoy (1961), obra de madureza, fundamental na súa traxectoria. O volume expresa unha fonda anguria existencial: o poeta formula preguntas sobre a vida, ou a ausencia dela, máis alá da vida mesma e descobre por momentos desolado a inexistencia de Deus.

Salterio de Fingoy foi escrito durante a etapa que Ricardo Carballo Calero viviu en Lugo, onde dirixiu entre 1950 e 1965 o Colexio Fingoi, situado na parroquia do mesmo nome incorporado á cuberta deste libriño cuxo título avanza información esencial por partida dobre. O salterio, recorda o Dicionario, é o libro da Biblia que contén os salmos, os poemas de loanza a Deus na relixión hebrea e cristiá, e que serven de pregaria e de canto. Salterio de Fingoy dá, de feito, título á primeira das catro partes desta obra, que contén versos que poden considerarse salmos de lamentación dirixidos a un Deus que talvez non exista, e que insisten na imposibilidade de atopar esa transcendencia procurada polo anxo de terra.

A orixe do vocábulo refírese á outra acepción recollida no Dicionario, a referida a un antigo instrumento musical, similar a unha cítara, que podemos admirar tallado na pedra do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago ou no Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense. O termo procede do latín psalterium, un préstamo adaptado do grego psalterion, substantivo que se creou á súa vez sobre psalter ‘arpista’. Esta voz estaba relacionada co verbo psallein, que indicaba ‘a acción de facer vibrar unha corda cos dedos’.

A mesma raíz atopámola en psalmós ‘melodía tocada coa lira con ou sen canto’, que pasou ao latín baixo a forma psalmus, primeiro para referirse ao ‘canto acompañado co salterio’ e logo simplemente para designar o ‘salmo’, de onde bebe o noso salmo. Quen “canta salmos e os escribe” é un salmista, e súa música é denominada salmodia. O verbo salmodiar significa así “recitar ou cantar salmos”, pero, ollo, tamén se emprega para a ‘acción de cantar, falar ou recitar monotonamente algo’.

5

Escolma

Acción de escolmar, coller [o mellor ou o que interesa] dun conxunto de cousas.

Pura, no teu castelo solitario

ollache o ceo, enxergache o abismo,

veados os retratos familiares,

as cartas sen abrir, pechos os libros.

“Rosalía”, Salterio de Fingoy (1961)

Futuro condicional (1961-1980), poemario saído do prelo en 1982

Salterio de Fingoy foi o último libro de poemas de Carballo Calero durante case dúas décadas. Non sorprende, porque en 1965 converteuse no primeiro profesor de galego na Universidade de Santiago de Compostela e, alén de atender as obrigas docentes e publicar unha morea de traballos de investigación, nesta etapa asumiu dous proxectos especialmente ambiciosos e esenciais para a divulgación da lingua e da cultura de noso: a Historia da literatura galega contemporánea (1963) e mais a Gramática elemental del gallego común (1966), reeditadas en moitas ocasións. Mais don Ricardo nunca deixou de escribir versos, como demostran as dúas antoloxías da súa poética que apareceron a comezos dos anos 80.

A maior parte da produción anterior á súa incorporación á universidade foi recollida en Pretérito imperfeito (1927-1961) e a posterior, con poemas inéditos ou impresos en distintas publicacións periódicas, viu a luz en 1982 no título Futuro condicional (1961-1980). No primeiro, o autor prescinde de máis versos dos confesados, salienta a poeta Pilar Pallarés no limiar de Fillo de Eva. 88 poemas de Ricardo Carvalho Calero (1992), unha escolma que rescata o poema “Rosalía”– que si figura no Saltério de Fingoy de 1961­, e que para a antóloga é unha das visións máis persoais e fondas sobre a escritora padronesa que teña dado ningún poeta.

Pretérito imperfeito (1927-1961), de 1980

O propio Carballo Calero fixo, pois, nestes volumes a súa escolma, termo que no eido das artes funciona como sinónimo de antoloxía, a “colección de obras ou fragmentos escollidos, literarios ou musicais”. A palabra deriva do verbo escolmar “coller o mellor ou o que interesa dun conxunto de cousas” e hoxe aplícase a calquera campo, mais a súa orixe está no ámbito agrícola: o significado tradicional refírese a ‘separar o cereal da palla’ ou, mellor dito, a separar un tipo concreto de palla, o colmo, que é a palla escollida de centeo ou de trigo usada para cuberta de palleiros ou de certas construcións rústicas, coma a palloza. A orixe do termo semella estar, de feito, no latino culmus, que significaba tanto ‘palla’ como, por extensión, ‘teito de palla’.

Se indagamos nas orixes da antoloxía, atoparemos igualmente unha raíz na terra, porque este vocábulo, hoxe de uso artístico, deriva do termo grego anthología, que significaba ‘a recolección das flores’. De forma semellante, florilexio (colección de fragmentos literarios escollidos) resulta do étimo latino florem e legere, que equivale a ‘recoller flores’.

6

Cantiga

Composición en verso á que se lle pon música para ser cantada.

Amigo, talvez és

plural e intermitente, fragmentário e efémero.

Eu som eterna e múltipla,

moribunda e incólume.

“Amigo, sem necessidade”, Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986)

Fillo de Eva (1992), escolma de Pilar Pallarés que inclúe versos de Cantigas de amigo e outros poemas

Carballo Calero volveu ás librarías en 1986 cun novo poemario, Cantigas de amigo e outros poemas, 1980-1985, onde a muller adquire un papel aínda máis destacado ca en obras anteriores e cobra tamén un perfil diferente. Desta volta, xa non é simplemente obxecto de reflexión e desexo por parte do home, emerxe como suxeito, con voz propia e iniciativa, nunha versión actualizada das nosas cantigas de amigo, as composicións medievais profanas postas en boca de mulleres.

Pilar Pallarés volve escolmar no Ano Carballo Calero poemas do autor neste volume

A cantiga é a designación que se emprega na tradición literaria galego-portuguesa para se referir a calquera poema lírico, sexa profano ou relixioso, e á súa melodía, xa que a nosa poesía lírica medieval, tal como amosan os distintos cancioneiros, é letra e mais música. A orixe desta palabra tan popular non deixa de ser controvertida. Hai quen establece unha sorte de relación co termo canto, que se relacionaría co latín cantus, derivado do verbo canere que significaba ‘cantar’. Porén, hai outra hipótese que indica que a procedencia do termo haino que buscar nunha palabra hipotética celta *cantica que derivaría da raíz can-, e que se emparentaría coa latina nunha orixe indoeuropea común. Semella que os investigadores teñen claro que é unha voz antiga e non sería extraordinario que gardase relación con outras formacións célticas tamén pretéritas como son artica, carrica ou barrica. A mencionada raíz can- é frecuente nas linguas celtas estudadas da contorna, e a vinculación do galego-portugués con estas non sería un despropósito.

7

Poeta

Persoa que escribe poesía.

Verdadeiro poeta foi. Nom escreveu

para os poetas. Cantou

para os homes.

Reticências... 1986-1989 (1990)

Reticências... 1986-1989 (1990), o poemario póstumo de Carballo Calero

Rematamos este setestrelo coa palabra coa que Carballo Calero máis se identificou como escritor: poeta. Os versos que a acompañan pertencen ao seu derradeiro poemario, Reticências (publicado postumamente en 1990) e con eles comeza un poema que é unha declaración do que a poesía significou para el: o autor ferrolán escribiu poesía ante todo para si mesmo, non á procura da atención da crítica ou do público.

Atopámonos de novo ante unha palabra que nos chega sen cambios dende o latín, onde poeta significaba ‘autor literario’. As raíces máis profundas atópanse outra vez no grego, no termo poietés, que significaba ‘o que crea’, ‘o que fai algo’, e que remite ao verbo poiéo ‘fabricar’. Aínda en Grecia, o vocábulo foise especializando ata se referir ao ‘creador literario’, unha vez que o oficio deste deixou de ser exclusivamente oral e comezou a implicar a escrita. Mais non foi ata que a palabra pasou ao latín cando adoptou, na época de Cicerón, a acepción de escritor literario especializado no verso.

Da mesma familia léxica atopamos no Dicionario as voces líricas poesía, poema e poemario, que é a colección ou o libro de poemas. Se queremos embelecer algo dándolle un matiz poético, estaremos a poetizar ou a realizar unha poetización, pero se non se nos dá ben enfiar versos, daquela seremos uns poetastros, é dicir, poetas que escriben poesía de mala calidade.

Nos manuais de morfoloxía aínda se indica que o feminino do substantivo poeta é poetisa. Porén, como advirte o Dicionario, o habitual na lingua actual é o emprego de poeta tanto para referirse ao creador como á creadora de poesía.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir