Un estudo de hai poucos anos calculaba que no país existen máis de catrocentas igrexas prerrománicas, ou os restos delas –é ben lembrar que son as que se construíron entre o século V e os comezos do XI–. Xuntando ao anterior que en toda parroquia –e son case 3.800–, hai normalmente un templo e sumándolle logo as catedrais, as capelas, as ermidas, os conventos, os mosteiros, as abadías, as colexiatas… de non haber un santuario por cada 500 de nós, andaralle preto.
A presenza cristiá, e en concreto a da rama católica, é innegable na cultura galega e mesmo agora, cunha sociedade urbana secularizada, no rural segue tendo unha importancia notoria e, loxicamente, reflíctese na lingua. Tantas palabras hai deste ámbito, moitas delas de uso exclusivo no contexto relixioso, que no Dicionario mereceron unha marca propia (Catol.). E entre elas un dos campos máis extenso é o do vestiario ou paramentos, que é o nome que reciben as vestimentas dos clérigos. Dourados, vermellos, púrpuras, luces e brillos, tecidos nobres e complementos, hai vida máis aló da negra sotana ou do máis moderno clergyman. Nas súas actividades litúrxicas, os cregos visten roupas rechamantes, moitas delas herdadas das que usaban hai milleiros de anos os sacerdotes xudeus, gregos ou romanos –que á súa vez copiaron de asirios, persas, babilonios etc.–.
Todo o anterior axúdanos a entender por que o uso xerárquico destas roupas está fortemente regularizado e o seu conxunto ben normalizado e clasificado e que, lingüisticamente falando, andamos por unha zona do idioma de rexistro culto, ás veces arcaico, con moitos diminutivos na súa construción e unha forte reminiscencia do latín, lingua da liturxia ata hai pouco.
Sen pretendermos caer na irreverencia, propoñemos un paseo por uns cantos termos relacionados cos uniformes de traballo dos curas. E que a paz sexa convosco.