Adxectivos olímpicos

Na mitoloxía grega había un grupiño selecto de doce deuses entre todo o panteón que se consideraba que vivían na montaña máis alta de Grecia, o monte Olimpo. O nome desta elevación exportouse a outros lugares, e así atopámolo en Chipre, Turquía, Estados Unidos ou mesmo no planeta Marte. Cando se lle quere atribuír unha connotación mítica a un lugar elevado, dáselle figurativamente o nome de Olimpo: así, ao Monte Pindo no Barbanza chamóuselle o Olimpo celta ou galego.

Aínda que pareza que teña relación, o nome das Olimpíadas non procede deste monte. A súa orixe remóntase ao santuario de Olimpia, trescentos quilómetros ao sur, na península do Peloponeso. Por iso, aínda que o adxectivo olímpico se utiliza para o relativo aos dous lugares, os deuses olímpicos que imos ver son os que vivían no máis alto e non os que máis exercicio facían.

1

apolíneo

Atractivo.

O deus grego Apolo, asociado ás veces con Helio por ser o deus do Sol (de aí o nome dun programa espacial), é tamén o deus da beleza, das artes, das profecías e da purificación.

A pesar do significado que damos de apolíneo, o filósofo Nietzsche acuñou unha nova acepción para o 'que se caracteriza polo equilibrio, a proporción e a harmonía', en oposición a dionisíaco, que veremos no seguinte deus.

2

báquico

Relacionado co viño.

Non é de estrañar que, se os gregos tiñan para un mesmo deus (o da exuberancia e o teatro) dous nomes distintos en dúas etapas da súa vida, os dous derivasen en adxectivos de igual significado. Nunha das súas aventuras amorosas, Zeus fulminou a súa amante ao amosárselle como lóstrego, e por iso xestou o fillo mortal na súa coxa: Dionisio, 'o nacido dúas veces'. Cando a celosa Hera localizou o bastardo xa crecido, privouno da razón como castigo e de aí lle vén o outro nome: Baco, 'o atolado'.

Divinizado e asociado especialmente co viño, e de aí que se use báquico para o referido a esta bebida, as festas no seu honor (bacanais) convertéronse pronto en festas de costumes liberados, festíns gastronómicos e orxías sexuais. Os adxectivos análogos para festas derivados dalgúns outros deuses pasaron pola mesma xeralización, como saturnal, mentres que outros non, como minerval. Respecto ao primeiro nome do deus, esta actitude desenfreada é a que daría orixe a que Nietzsche aplicase dionisíaco ao 'producido por unha inspiración sen orde nin límite', en oposición a apolíneo.

3

cereal

Planta e gran da familia das gramíneas ou poáceas.

Non tivo moito tino o deus dos infernos (Hades ou Plutón) cando, namorado da filla de Deméter (asimilada á itálica Ceres), a secuestrou abrindo unha sima preto do Etna. Deméter buscou a Core, a quen despois do secuestro se lle chamaría Perséfone, ata que soubo a verdade, así que se negou a seguir cumprindo coas súas funcións de deusa da fecundidade.

Dado que o mundo se dirixía cara á desolación pero Deméter non podía saír dos infermos por estar xa desposada con Plutón, Zeus decidiu como con Adonis: que pasase parte do ano co marido e o resto coa nai. A alternancia das súas estadías no inferno correspóndese co ciclo da vexetación propia do mediterráneo. O cultivo do seu símbolo divino, o trigo, usaría o seu nome como adxectivo, cereal, máis tarde substantivizado (e do seu uso como substantivo xurdiu aínda outro adxectivo cunha terminación máis galega: cerealeiro).

4

hedonista

Que busca o pracer.

Hedone ou Hedoné é a deusa da voluptuosidade (a Voluptas latina), filla de Eros (Cupido ou Amor) con Psique.

Dado que hedoné significa 'pracer' en grego (da mesma orixe protoindoeuropea que o inglés sweet ou o noso suave), hedonista, ademais de seguidor de Hedoné, foi unha palabra que se usou para unha filosofía que buscaba a felicidade a través do pracer, o hedonismo, que despois daría as escolas cirenaica e epicúrea. Actualmente xeneralizouse para calquera que procura o seu pracer sen preocuparse especialmente do dos demais.

5

hermético

Pechado fisicamente, críptico intelectualmente ou introvertido socialmente.

Por seren os dous os encargados da economía, o deus romano Mercurio identificouse co grego Hermes, deus tamén dos inventores (ideou a lira e a siringa) e heraldo e intérprete dos deuses, razón pola que leva unhas ás nas sandalias ou no casco. Esta é a causa de que se use como símbolo do xornalismo.

Ademais o seu nome e hermenéutica proceden da mesma raíz, que significa 'interpretar'. Do seu fillo con Afrodita quedounos hermafrodita e da asimilación grega do Thot exipcio como Hermes Trismexistos (deus da química e da maxia) procede hermético.

6

mercante

Relativo ao transporte marítimo de mercancías, ou navío con este propósito.

Os nomes dos deuses gregos e latinos foron utilizados para bautizar innúmeras innovacións da ciencia, por exemplo singularidades astronómicas e elementos químicos (en competición con nomes de lugares e persoas). O único planeta do noso Sistema Solar que comparte nome historicamente cun elemento (e cun día da semana: mércores) é Mercurio (Urano, Neptuno e Plutón son máis recentes). Polo tanto, non é de estrañar que o adxectivo derivado mercurial se utilizase para as dúas acepcións. Ademais, un xénero en botánica, o das plantas mercurialis, tamén foi bautizado co adxectivo latino.

Era o deus dos ladróns, e por iso aplicóuselle mercurial tamén a calquera persoa cun humor cambiante (de aí o nome do planeta). Como tamén era o deus do comercio, comparte orixe con palabras deste ámbito (mercado, mercante, mercantil, mercancía ou o inglés market).

7

vestal

Muller moi casta.

É posible que este significado de vestal estea pouco divulgado, pero de feito procede do nome da deusa romana Vesta, que tiña un templo cuxas sacerdotisas debían permanecer virxes como os célibes sacerdotes católicos actualmente.

Máis difícil é que se saiba que Vesta e a súa correspondente olímpica Hestia teñen en realidade a mesma palabra fonte, que significaba 'corazón, lume'. Unha das teorías para estas orixes retrotrae a etimoloxía de Vesta e Hestia a unha palabra anterior, co significado de 'residir, estar' e de onde saíu parte da conxugación actual do verbo to be en inglés. Da mesma maneira que no latín e nos seus derivados, onde o verbo máis usado está composto de varios amalgamados (de aí as raíces distintas s– en "[nós] sexamos", e– en "[el] é" ou f– de "[eu] fun"), no caso do inglés os pasados was e were teñen orixe común con Vesta, e non proceden do mesmo conxunto que am, are, is, been ou being.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir