Aniversario da wikipedia

O dominio e sistema de Wikipedia.org foi lanzado o 15 de xaneiro de 2001, polo que fai nestes días os 18 anos, o que significa en moitos países a maioría de idade. En cales? Botádelle un ollo a wikipedia se queredes sabelo. O que comezou como un proxecto de enciclopedia en inglés espallouse ata alcanzar os cincuenta millóns de artigos en trescentos idiomas. A idea herdouse da Nupedia, tamén unha enciclopedia con contido libre pero sen o xestor de contido chamado wiki e cunha estrita revisión por expertos, polo que en case catro anos só chegou a producir 25 artigos con outros 150 en proceso. O diferente modo de edición da Wikipedia sen revisión probou o seu éxito con dezaoito mil artigos no primeiro ano e a Nupedia acabaría por cancelarse, pasando os seus contidos ao novo proxecto.

Co paso dos anos, a Wikipedia converteuse na maior enciclopedia creada nunca, situouse entre os lugares máis visitados de Internet e diversificou os seus obxectivos. Englobados tamén baixo a protección da Wikimedia Foundation, xurdiron outros proxectos de edición en cadansúa lingua como Wiktionary, un dicionario; Wikiquote, unha colección de citas; Wikisource, para recuperar obras sen dereitos de autor; Wikibooks, onde se producen recursos por parte dos usuarios; Wikivoyage, unha guía de viaxes; Wikinews, para xornalismo cidadán; e Wikiversity, para materiais de aprendizaxe. Como recursos unificados para todos os idiomas existen cinco: Wikimedia Commons, un inventario de material multimedia dispoñible para todas os proxectos; Wikispecies, un catálogo de especies; Wikidata, unha base de datos relacional de coñecemento; MediaWiki (ou WikiMedia) para documentar programación e desenvolvemento técnico; e Meta-Wiki, de comunicación e coordinación internacional de todos os proxectos.

Cómpre lembrar que todos estes proxectos son editables por parte de calquera, e os seus cambios son visibles inmediatamente. Polo tanto, o desenvolvemento dos proxectos depende en moita medida dos seus editores: se hai máis edicións desde Brasil que desde Portugal, é de esperar que un proxecto en portugués terá unha perspectiva máis suramericana. Moito se lle criticou á Wikipedia especialmente porque o seu método permite que calquera engada datos errados, e mesmo estaría mal visto usala nunha bibliografía académica. É certo que nada impide que haxa erros, pero hai proxectos que modificaron os seus procesos de inclusión de datos, por exemplo en biografías de persoas vivas. De feito, o normal é engadir referencias que permitan verificar o que se afirma para emendar posibles incorreccións, especialmente en Wikipedia, Wikispecies e algún Wiktionary. De todos modos, a Wikipedia non é unha fonte primaria, é dicir, non se permite incluír contidos que non estean contrastados, nin facer especulacións, así como propaganda. Sexa como sexa, é un bo lugar para comezar unha investigación, para informarse, para ler, para colaborar, e mesmo para pasar un bo tempo aprendendo. É un elemento da nosa cultura, da nosa actualidade e que leva case dúas décadas connosco.

Non é doado reducir estes cincuenta millóns de artigos a sete palabras, pero ímolo tentar.

1

libre

Que non está baixo o dominio de ninguén

Esta é a base fundamental da Wikipedia: que o coñecemento (libre) é de todos, non se poden pór limitacións nin censuras á distribución e compartilo non pode restrinxirse por dereitos de autor. De feito, o habitual no traspaso da información é modificala e redistribuíla. Está moi relacionado con esta reivindicación co debate do concepto de aberto, sen restricións e con transparencia (código aberto).

O problema en inglés é que na suposta tradución free converxe co concepto de gratuidade. Para diferencialos, na comunidade informática anglófona distínguese o adxectivo libre tomándoo dalgunhas linguas románicas (castelán ou francés) fronte a gratis, tomado do latín. É por iso que ao paquete de programas derivado de OpenOffice se lle chamou LibreOffice.

Xa para nós, a raíz latina liber deunos desde libertino e liberal ata liberar, libracións, libertador e Liberia. O verbo latino orixe de aberto (aperire) e a súa raíz derivaron tamén noutras formas galegas: desde abertal ou abertura/apertura ata aperitivo. Tamén hai un programa de código aberto cuxo nome se basea precisamente nestas formas latinas: Apertium, un tradutor automático que entre outras linguas inclúe o galego.

2

ligazón

Elemento nun documento, xeralmente de hipertexto, que permite conectar con outros recursos ou con partes do mesmo documento

Se hai algo que define á Wikipedia é o seu formato. O deseño en HTML conta en paralelo cunha linguaxe específica máis simple para chegar ao mesmo resultado, o código wiki. Tanto un coma outro se destacan pola existencia de ligazóns ou hiperligazóns, que son partes do texto normalmente subliñadas que permiten abrir outras páxinas ou executar accións.

Este primeiro tipo de ligazóns son importantes para relacionar información, levando por exemplo dun animal á lista de todos os do seu xénero ou dunha película ao libro en que está baseada. Estas ligazóns dirixen a un enderezo URL pero poden amosar un texto distinto. Ademais, dado que dous conceptos distintos poden ter unha mesma denominación (por exemplo, Beade é tanto unha parroquia de Vigo como un concello de Ourense), existen tamén páxinas de homónimos que axudan a desambiguar e reconducir a busca. En cambio, as outras accións das ligazóns son máis variadas: acceder a un ficheiro multimedia, despregar ou ordenar unha táboa con datos, cambiar un mapa ou acceder tanto a outra parte da mesma páxina como a onde editala.

A palabra ligazón procede do latín ligatio. Cunha orixe común temos palabras con varios graos de evolución dentro da lingua. Por unha banda están cultismos que manteñen a oclusiva sonora como ligadura, ligamento, ligar e tamén liga. Entre eles está o caso de obrigar que, debido a que engadiu un prefixo, provocou a formación dun grupo consonántico que acabaría modificándose e evolucionando máis en comparación cos anteriores. Por outra banda existen outras formas nas que se perdeu a oclusiva, debido a que son patrimoniais (enlear, aliar, alianza) ou chegaron a nós vía outros idiomas (liana, rally). Para algúns autores, tamén relixión se orixina nunha variante latina do verbo ligare.

3

categoría

Cada un dos grupos en que se clasifican persoas ou cousas da mesma natureza

Un libro ten sempre unha orde de páxinas fixas, polo que normalmente se numeran. Nas enciclopedias en papel, isto permite manter unha orde (normalmente alfabética) e axudar nas buscas. Desde o momento en que existen ligazóns, a Wikipedia parte doutra base: xuntar páxinas semellantes nun grupo, chamados categoría, cuxo nome comeza sempre con este prefixo. Este expresa o tema xeral do que se está a falar, polo que unha mesma páxina pode clasificarse en varias categorías. Por exemplo: a muralla de Lugo está clasificada tanto como unha muralla de Galicia, como un monumento de Lugo ou como Patrimonio da Humanidade en Galicia (á súa vez en Patrimonio da Humanidade en España, etc., etc.). As categorías tamén poden incluírse noutras categorías, polo que se obtén así ao mesmo tempo unha estrutura en árbore e en rede que se actualiza automaticamente, o que contribúe a localizar artigos semellantes, complementarios, duplicados ou relacionados.

Os termos categoría, categórico e categorema orixínanse no latino categoria ('acusación; afirmación sobre algo ou as súas propiedades'), e no grego κατηγορία, composto de κατα- ('atrás; contra') e mais ἀγορεύω ('falar na asemblea'; da mesma orixe que ágora). Desde a filosofía kantiana e mesmo antes, o termo expandiuse a numerosas linguas con diversas acentuacións, terminacións e ortografías: categoria, kategoria, kategória, catégorie, category, Kategorie, kategorie, kategori, kategorio...

4

usuario, a

Que usa xeralmente unha cousa

As cousas non se fan soas. As wikipedias en distintos idiomas son editadas desinteresadamente por milleiros, millóns de persoas (e tamén por programas), espalladas por todo o mundo que teña conexión á rede. Isto parece un pouco caótico, pero en realidade funciona debido á filosofía colaborativa. Non exento de conflitos, a xente traballa nas páxinas ou temas que pode (nos que quere, nos que sabe, nos que se documenta, nos que cómpre revisar). Hai moitas tarefas distintas e calquera é benvido.

Para coordinarse, ademais dos artigos con contidos, existen grupos de páxinas que lles permiten aos editores, os wikipedistas, comunicarse entre si. Cando se remiten aos contidos dun artigo, estas subpáxinas teñen o prefixo Conversa, pero é que ademais cada usuario rexistrado conta coa súa páxina propia e persoal co prefixo Usuario (coa correspondente Conversa usuario) que lle permite ser contactado e falar directamente con outro editor. Ademais destes mencionados prefixos ou espazos de nomes, hai moitos outros máis dependendo do seu contido e a súa funcionalidade: Ficheiro (para imaxes, vídeos, audios e outros documentos), Axuda, Especial, Wikipedia, MediaWiki, Wikiproxecto, Portal, Libro, Anexo, Modelo ou Módulo.

Usuario e usar proceden do participio usus do verbo latino utor. No propio latín tardío, a súa conxugación regularizouse a usare co seu participio usatus. Nalgunhas das palabras descendentes consérvase a raíz orixinal ut-, como en utensilio, (in)útil(idade), (in)utilizar e utilitario, mentres que outros casos derivaron da raíz us-, como usufrutuar, usucapión, usura e usurpar, ou a forma con prefixo abuso.

5

bot

Programa informático encargado de automatizar accións repetitivas, imitando o comportamento dun humano

Hai certas funcións e actividades que se poden reiterar constantemente, ata a extenuación nalgúns casos. Se os 93 concellos ourensáns precisasen ser transferidos da Categoría: Concellos da provincia de Ourense á Categoría: Concellos de Galicia, facer este traballo repetitivo pode resultar tedioso e consumir demasiado tempo. Para sortear isto, hai usuarios rexistrados que manexan bots, programas que se encargan destas cousas masivas e moitas máis. Por exemplo: dar a benvida a novos usuarios, actualizar estatísticas, detectar grallas ortográficas, formatar textos e táboas, cargar ficheiros, traducir etc. E mentres tanto, os seres humanos poden dedicarse a tarefas máis artesanais que as computadoras non saben facer.

A palabra bot,aínda que non é unha forma incorporada ao léxico normativo, tratáse dun vocábulo común entre os editores das wikis  e úsase no mundo da programación como acurtamento de robot, que xa vimos noutro lugar que viña do checo robota. Este mesmo procede dunha raíz indoeuropea co significado de 'cambiar de estado de propiedade ou lealdade' e que tamén deu Arbeit ('traballo') e erbe ('herdar') en alemán, robić ('facer') en polaco, o grego ὀρφανός e orfo en galego, e orbus en latín (estes tres co mesmo significado de afectado pola morte, no noso caso do proxenitor, en latín tamén do fillo ou do cónxuxe).

6

modelo

Formato ou páxina preformatada cun esquema básico para visualizar as diferentes partes habituais dun documento electrónico

Hai outro método para tarefas de menor repetición pero máis manuais. Existe a posibilidade de meter unha páxina noutra, como quen crea un parágrafo de introdución para todas as especies de focas, pero coa particularidade de que se poden adaptar algúns datos en función da páxina na que estea (nome científico, tamaño, peso, distribución). De feito, a inclusión pode exceder o concepto de texto e ter o deseño dunha táboa, dun recadro ou dunha imaxe, ou resultar na pertenza a unha categoría, nun formato ou nunha función. En xeral, estas inclusións chámanse modelos, e entre elas están as chamadas caixas de navegación, que amosan dun xeito máis funcional e estético o que pode aparecer en varias categorías.

A palabra masculina modelo procede do substantivo masculino latino modus, de onde saíron moitas palabras. Por un lado, modo e moda, orixinado no francés mode, onde existe con dous xéneros gramaticais como homófono (o feminino derivado do masculino). Por outro, os que proceden dun diminutivo latino: o masculino modelo (de modelus), o epiceno modelo para as persoas no labor de posar (que procede do anterior), módulo (de modulus) e molde (tamén de modulus vía catalán antigo motlle). Ademais, están o noso patrimonial como adverbio e conxunción (do latín quomodo), prefixado ao xeito do actual cultismo omnímodo, e tamén cómodo, incómodo (con dobre prefixo) e acomodo (onde se pode ver un cambio de tónica, que en portugués non se deu). Finalmente, restan os derivados módico, modificar, moderar, moderno e modestia.

7

vandalismo

Comportamento destrutivo propio dos vándalos

Cando pensamos en vándalos, algúns vemos na mente xente rompendo cousas pola rúa. Agora que as papeleiras son de metal e a crise nos fixo darnos conta de que tamén hai quen destrúe a sociedade desde as súas casas, postos de traballo ou cargos políticos, entenderemos que os wikipedistas tamén lle outorgaron un sentido especial á palabra vandalismo. Trátase dos que chegan para borrar traballo que non está mal feito, para meter mentiras á mantenta, para introducir insultos, bocaladas ou propaganda no textos dos demais, para crear disensión, para facer dano, para facer o parvo. Normalmente as súas edicións son corrixidas e eles expulsados polos administradores, que non son máis que editores normais que foron votados pola comunidade para delegar certas tarefas que implican máis responsabilidade. As correccións poden tardar máis ou menos dependendo de moitas cousas: do que se tarde na súa detección, do tipo e cantidade de edicións, do debate sobre a verificabilidade do que se afirma, do anonimato do editor e dos avisos que se lle dan, etc. Hai moitos tipos de vándalos e tamén outras figuras negativas (trolls, orcos, wikibárbaros, wikipeixes, wikisacaúntos). De feito, en paralelo a toda a actividade da Wikipedia creouse humoristicamente o que se deu en chamar wikifauna, tanto para estas edicións negativas como para as positivas (wikifadas, wikignomos, wikielfos) ou simplemente para actitudes ou labores (wikiquenllas, wikichacais).

O vocábulo vándalo procede das linguas xermánicas, e está emparentado coas palabras inglesas wind ('vento' e tamén na acepción verbal de 'xirar'), wander ('deambular') e wend ('xirar'). A súa historia é análoga á de bárbaro: inicialmente utilizados para denominar simplemente unha tribo externa ao Imperio Romano, coa disgregación imperial e as invasións exteriores (o saqueo de Roma en 455 foi feito polo vándalo Raquila) pasaron a utilizarse para os que derraman intencionadamente calquera cousa que se considere que non se debe destruír.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir