Antonio de Insuela en sete obras

Eu collín a flor da xesta
que é a primeira que vén,
desde que te vin a ti
non amei a máis ninguén

Antonio Fraguas foi un traballador incansable e seguiu a escribir case ata o último momento, cando en 1999 morreu aos 94 anos de idade. A súa ampla obra escrita abrangue unhas trescentas publicacións entre libros e artigos de revistas científicas, e, se consideramos tamén as columnas que apareceron na prensa perdemos a conta! Pero o importante non é botar números, senón saber que coñecementos nos legou o protagonista do Día das Letras Galegas nas palabras que deixou escritas.

Escolmamos sete dos seus libros a través doutros tantos termos nos que seguro que seredes quen de atopar o eixe que teñen en común. Adiviñades? Si, Galicia! E ganduxámolas como Fraguas fixo en moitas ocasións: con versos populares que el mesmo recompilou.

1

copla

Composición poética, polo xeral de catro versos, para ser cantada.

O teu paxaro, María
anda nas miñas cereixas,
come, paxariño, come,
veremos as que me deixas.

Antonio Fraguas e a rede de informantes que teceu permitíronnos seguir a gozar de moitos exemplos da rica literatura oral galega. O etnógrafo adoitaba levar enriba un pequeno caderno, sempre preparado para recoller lendas, ditos, adiviñas ou coplas populares, e tamén contaba coa colaboración doutras persoas, fontes que sempre citaba agradecido. Unha parte importante das manifestacións que inmortalizou sobre o papel pertencen ao patrimonio común da veciñanza do seu Cotobade natal, espazo que nunca deixou de ser un referente tanto na vida persoal como na obra do profesor. A esta terra dedicoulle en 1956 o discurso de ingreso na Real Academia Galega, Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán. As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade.

Aportacións ó cancioneiro de Cotobade

Este texto recolle e comenta unha pequena parte das preto de mil cantigas da súa terra que chegou a recoller e que publicaría case corenta anos despois en Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), editado pola fundación que preserva o legado de Otero Pedrayo, que lle concedeu o Premio Trasalba ese mesmo ano. O vello mestre ourensán fora, por certo, a persoa que lle deu resposta a Fraguas o 8 de maio de 1956 na sesión en que pasou a ocupar a cadeira de académico de número que antes fora doutro profesor moi querido: Castelao.

O Cancioneiro de Cotobade foi reeditado neste 2019 pola editorial Galaxia nun libro-disco no que lle poñen música Sonsoles Martínez e Carlos Quintá. Este selo tamén publicou Canta, miña pedra, canta, outro libro-disco no que Xoán Curiel adapta algunhas destas coplas para o público infantil.

Non temos constancia de que exista rexistro ningún de Fraguas cantando estas coplas, malia ser isto, o feito de seren cantadas, unha característica esencial deste tipo de composicións populares que retratan, a miúdo con moita retranca, as relacións sociais do momento. Os dobres sentidos son constantes, en especial nas rimas dedicadas ás relacións amorosas e sexuais nuns tempos nos que eran tabú.

A palabra copla ten a súa orixe no latín copula que significaba ‘enlace’ ou ‘unión’. No Dicionario está rexistrada como “unha composición poética para ser cantada” e adoita estar formada por catro versos, de oito sílabas cada un, onde riman os pares. É un tipo de peza de orixe popular e, polo tanto, anónima, na que se expoñían, como dixemos, distintos contidos e temas: amorosos, sociais, políticos etc. Algúns autores adoptaron este tipo de composición nalgunha das súas obras e xa as podemos atopar na lírica medieval galego-portuguesa da man de D. Dinís, Afonso X ou Joam Airas de Santiago.

Da mesma raíz latina atopamos o verbo acoplar, que está definido na súa primeira acepción como “xuntar dúas cousas de maneira que axusten perfectamente”. Tamén cómpre indicar o cultismo cópula, que remite á “unión sexual” e, no eido da gramática, ao verbo que une o suxeito co atributo, e á conxunción que une dúas oracións sintacticamente análogas.

2

crenzas

1. Idea que alguén ten acerca de algo no que cre, do que está convencido. 2. Cousas en que unha persoa cre, no que atinxe á maneira de pensar e de comportarse, particularmente en materia relixiosa.

Sácame o aire de morto
e dáme o de vivo,
aire de morto non ten conforto,
o do vivo é confortativo.

"O culto ós mortos" foi un dos primeiros artigos dun Antonio Fraguas ben novo e o primeiro de moitos dedicado a crenzas de todo tipo. Publicado no ano 1931 na revista Nós, recollía un relatorio pronunciado no Ateneo de Vigo baseado en “contos” procedentes de Cotobade que na súa infancia, confesaba, matábano de medo. Historias transmitidas, de novo, oralmente e nas que apreciaba fondas semellanzas coas doutros pobos, especialmente Portugal e a Bretaña.

Número 86 de Nós, onde se publica o artigo de Antonio Fraguas

Unha crenza estendida en moitas culturas é a da aparición das almas dos mortos, que se poden presentar en forma de figuras humanas, pero tamén petando nas portas, laiándose e mesmo tomando o corpo de corvos ou doutros paxaros, conta Fraguas.

Don Antonio tamén explica a crenza que sostén que o acabado de morrer pode transmitirlles o “aire de morto” aos pequenos. Se isto sucede, deixan de medrar e perden as forzas. O remedio é o seguinte: cómpre ir ás doce da noite ata a sepultura do finado, chamar tres veces por el ata que responda e daquela dicirlle os versos que introducen esta entrada: Sácame o aire de morto / e dáme o de vivo, / aire de morto non ten conforto, / o do vivo é confortativo.

Extracto da conferencia "O culto aos mortos", publicada en Nós o 15 de marzo de 1931

O vocábulo crenza, como o seu plural, nace no latín medieval credentia ‘acción de crer’ ou ‘fe’ que bebía do verbo credere ‘crer, ‘confiar’ ou ‘dar por certo’. Así, ao carón de crenza e o seu plural crenzas, atopamos unha serie de termos de carácter culto como credo, que é o “conxunto de ideas básicas, principios etc. dunha persoa”, ademais dunha “oración” e o “conxunto das doutrinas dunha relixión”. Credulidade é a “característica de ser crédulo”, que é aquel que cre no que din os demais con facilidade. Ten certo valor pexorativo e podemos relacionalo con outras palabras como inxenuo, cándido e miñaxoia. O seu antónimo culto sería incrédulo e o máis común para todos descrido/a. Pero que as persoas confíen en alguén ou que dean por certo algo está vinculado á credibilidade. Na esfera laboral o documento que indica o nomeamento dunha persoa para un posto ou traballo é a credencial.

3

insólita

Que sorprende pola súa rareza.

Coa auga do cu lávoche a cara,
pra que Dios che quite a mala fada.

En 1973 saíu do prelo por primeira vez unha das obras máis populares de Antonio Fraguas, La Galicia insólita (Librigal, 1973), unha síntese que explica expresións da antropoloxía cultural galega, fundamentalmente supersticións arredor de distintos momentos da vida ou do suposto poder máxico de certos animais e personaxes como as meigas e os biosbardos, que xa foron protagonistas doutro Setestrelo.

O primeiro capítulo céntrase no nacemento e na infancia, empezando pola concepción e o embarazo. Seguro que coñecedes as supostas propiedades fomentadoras da fertilidade das augas da praia da Lanzada ou da pedra de abalar no santuario da Virxe da Barca, pero Fraguas dá conta doutras penas e augas igualmente válidas para este fin, segundo a tradición. Don Antonio descóbrenos tamén que era habitual na maior parte de Galicia que as campás tocasen a parto cando se lle presentaban dificultades a unha muller parturiente. A pedimento da familia interesada, o toque consistía en nove badaladas que se repetían dúas ou tres veces, chamando así á veciñanza a que rezase para que todo fose ben. Esta práctica foi caendo no esquecemento ou foi suprimida, tal como aconteceu en Santiago de Compostela no ano 1841.

Con bos propósitos tamén se lles puña ás mulleres no momento do parto unha bolsa atada ao pescozo con sapos vivos, á que se lle atribuía a capacidade de combater as posibles hemorraxias. E se todo ía ben, a recua de supersticións non remataba aí. Fraguas recolle rituais coma o que consistía en poñer unha moeda de prata na auga do primeiro baño da criatura para protexela de doenzas ou o de lle dicir nese momento Coa auga do cu, lávoche a cara, / pra que Dios che quite a mala fada. Todas estas e moitas outras eras expresións cotiás dunha Galicia supersticiosa, pero que resultaban xa cada vez máis insólitas naqueles primeiros anos 70 nos que Fraguas publicou este libro.

A palabra insólito/a, que significa “que sorprende pola súa rareza”, é un cultismo que se vincula a un adxectivo latino insolitus, -a, -um que significaba ‘estraño’, ‘alleo’. Está relacionado co verbo solere ‘acostumar’, ‘adoitar’. Hoxe podemos atopar pistas del noutras palabras cultas como insolente, “o que falta ao respecto”, insolencia, a “falta de respecto”, ou obsoleto, que indica “o que xa non se usa”.

4

romaría

Festa popular en que a xente acode a un santuario por motivos relixiosos e se divirte, ao mesmo tempo.

Nosa Señora de Amil
ten uns zapatiños brancos,
para pasear polo adro
domingos e días santos.

A dos Milagres de Amil é unha das romarías máis concorridas de Galicia e unha das 72 das catro provincias das que fala polo miúdo Antonio Fraguas en Romarías e santuarios (Galaxia, 1988). El mesmo participou como romeiro, na compaña da súa nai, nesta celebración que segue a ter lugar na parroquia de San Mamede de Amil, no concello pontevedrés de Moraña. Moita xente chega na véspera e pasa alí a noite para se ofrecer á Virxe, que segundo a tradición que recolle o protagonista do Día das Letras Galegas 2019 intercedeu por un arrieiro dándolle un manancial ao pé da casa. O seu caudal era tan poderoso durante todo o ano que mesmo lle permitiu manter un muíño!

A Virxe do Portal, Nosa Señora de Guadalupe de Rianxo, Santo Cristo de Fisterra, Os Remedios de Mondoñedo, o San Froilán de Lugo, a Virxe do Cristal, Os Milagres de Monte Medo, Santa Tegra da Guardia, o Santo Cristo de Xende… Antonio Fraguas vai indo neste volume de romaría en romaría, de santuario en santuario, explicando a orixe e as características de cada unha destas mostras de fe colectivas, a miúdo relacionadas con vellos elementos pagáns.

Romarías e Santuarios, publicado en Galaxia en 1989

Estas festas teñen tamén con frecuencia o seu lado profano e festivo, por iso a boa comida e o baile son normalmente elementos que acompañan esa parte relixiosa que emerxe nas raíces da palabra romaría. O termo procede nada máis e nada menos que de Roma e designaba antigamente a peregrinación dos católicos á cidade dos papas. Co tempo romaría acabou tendo o significado de viaxe a calquera santuario da cristiandade, explica o limiar desta obra de Fraguas, quen deixa clara a súa relixiosidade na introdución.

De par de romaría atopamos o sinónimo romaxe, introducido no idioma desde o equivalente provenzal romeatge. Remóntase, como o vocábulo anterior, ao topónimo Roma, lugar de peregrinación da cristiandade. Tamén debemos vincular o termo romeu co topónimo, pero desde outra ollada, segundo di Corominas, xa que nos chega desde o baixo latín romaeus e este do grego bizantino romaios, que significaba ‘romanos’, a designación outorgada aos peregrinos occidentais que ían a Terra Santa. Logo o termo e o seu significado foi aplicado a todas as persoas que acudían a un santuario, primeiro a Roma e a Santiago e posteriormente aos lugares de culto máis próximos.

As pegadas do termo na fraseoloxía galega son abondosas. Imos ver só algunhas: pasou o día, pasou a romaría, que se pode relacionar co feito de que unha vez que se celebrou un acontecemento ou se rematou unha tarefa, independentemente do traballo previo a esta, todo pasa ao esquecemento. Aplícase ás situacións onde un chega tarde para facer unha encomenda. Outra expresión que se di é enterro sen choros e romaría sen gaita non ten gracia, onde se indica que un elemento indispensable para a festa é a música e a foliada. Relacionado co dispendio económico que supón a organización de certos eventos temos voda e romaría non son para cada día. Vinculado co feito de andar con certa prevención para non incomodar a alguén, porque lle temos certo aprecio ou consideración, está o fraseoloxismo nas romarías levan o santo andas.

5

traxe

1. Vestimenta exterior completa dunha persoa, en especial o conxunto formado por chaqueta, chaleco e pantalón, para o home e, para a muller, o vestido dunha soa peza ou de dúas. 4. Maneira de vestir propia das persoas dun certo país ou dunha época determinada.

Tres varas ten a miña saia nova,
Tres varas ten e non me fai roda.

Como etnógrafo Antonio Fraguas destacou sobre todo como estudoso do patrimonio inmaterial, pero tamén ten numerosos traballos sobre a cultura tanxible, a material. É o caso dos seus traballos sobre a indumentaria tradicional, entre eles o libro El traje gallego, editado pola Fundación Barrié. Nestas páxinas o profesor fai un pouco de historia na procura das raíces dos nosos traxes tradicionais, empezando polas orixes das materias primas empregadas na confección, como é o caso do liño, cultivado na nosa terra desde hai máis de dous mil anos, ou a la.

Dengue, mantelo, chambra, panos, cirolas, xibón ou polainas son algunhas das pezas que vestían os nosos devanceiros e que Fraguas describe polo miúdo, sen esquecer as variantes comarcais, porque non se vestía exactamente igual á beira do mar ca nas zonas interiores.

O traxe tal e como o coñecemos é un termo que tomamos da lingua portuguesa traje que á súa vez parece ser que é un substantivo que deriva do verbo portugués antigo e dialectal trager. Esta última forma é unha variante de trazer ‘traer’, do que resultaría a substantivación e a concreción de ‘levar un vestido ou adorno’. Ao redor da primeira acepción da palabra traxe, e seguida dunha frase formada pola preposición de, compóñense as denominacións traxe de augas (impermeable), traxe de baño (o que se emprega para se bañar), traxe de etiqueta (aquel de gala masculino), traxe de noite (de gala feminino) ou traxe de luces (o que empregan os matadores de touros).

Noutras linguas para o mesmo concepto botan man doutros termos de diferente procedencia. En inglés usan suit; en francés, costume; en italiano, abito ou vestito. Esta última forma tamén a comparte o catalán, vestit.

El traje gallego (1985)

O uso do traxe relaciónase coa elegancia e tamén co poder adquisitivo da persoa que é quen de mercalo. Pero o refraneiro advírtenos de que hai que estar precavidos ante o que se agocha debaixo dun traxe, porque non sempre todo é bo: o bo traxe cobre a mal liñaxe ou o bo traxe fai a señoriaxe. Relacionado coa habilidade e a pericia do profesional que traballa confeccionando traxes, o xastre/a ou o alfaiate, temos que entender a seguinte expresión: con bo pano e bo xastre faise un bo traxe. Pouco desexable é o significado que expresa cortarlle un traxe a alguén, que é falar mal dunha persoa, criticala.

6

xeografía

Ciencia que estuda a superficie terrestre no aspecto físico (relevo, cursos de auga, clima etc.) e nos que se derivan da relación do home co medio (asentamentos humanos, poboación, actividades económicas).

De Loureiro a Rebordelo
todo é camiño chan,
todas son rosas e flores
postas pola miña man.

Non foi a disciplina que máis cultivou, pero don Antonio tamén estudou a relación das persoas co medio. A principal obra que nos deixou neste eido é Geografía de Galicia (1953), un libro divulgativo concibido para informar o lector dos principais problemas da nosa terra, segundo explicaba el mesmo no prólogo. É, de feito, un xeito de presentar de forma sintética traballos anteriores, entre os que cómpre destacar os do seu amigo e mestre Otero Pedrayo, pero tamén artigos científicos editados fóra de Galicia con referencias ao noso territorio.

Malia ser fundamentalmente un manual, Fraguas tamén realiza achegas novidosas naquel momento e repara, por exemplo, na importancia do traballo das mulleres na economía galega en xeral e na agropecuaria en concreto.

Geografía de Galicia publicado en 1953

A palabra xeografía ten a súa orixe no grego geographía, inda que a recibimos a través do latín geographia, -ae, e significa a ‘descrición dun lugar’. Na súa formación interveñen a raíz grega, que era ‘terra’ nun sentido amplo, ‘país’ ou ‘rexión’; por outra banda, a palabra contén o elemento graphé ‘descrición’ e o sufixo fornecedor de substantivos abstractos, xa no propio grego e latín –ía. Posteriormente, na linguaxe científica ambos os dous elementos foron empregados amplamente na creación de terminoloxía. O primeiro elemento aparece, por exemplo, en xeofísico, xeotermia ou xeoestratexia; e o segundo en telegrafía, topografía ou radiografía.

7

colexio

1. Institución educativa, pública ou privada, de ensino infantil, primario ou secundario. 2. Edificio e instalacións onde se imparte ensino infantil, primario ou secundario.

Os Sete Estrelos son postos,
meniña, vaite deitare,
que xa cho teño sabido,
mañá hei de madrugare.

Se aínda non vos quedou claro que Antonio Fraguas foi un home polifacético, velaquí tendes outra das súas facianas: a de historiador documental. Neste eido a súa achega esencial foi a súa tese de doutoramento, dedicada ao Colexio de Fonseca, unha das primeiras obras sobre a historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Defendeuna na daquela Universidade Central de Madrid no ano 1948 e viuna publicada en dúas edicións complementarias nos anos 1956 e 1958.

Edición d'O Colexio de Fonseca (1995)

O pazo de Fonseca é hoxe a sede da Biblioteca Xeral da USC pero non foi sempre así. O arcebispo que lle deu nome mandouno construír no século XVI e este edificio nobre foi a cerna da vida universitaria ata finais do XVIII. Antonio Fraguas detalla a vida do colexio universitario desde a súa constitución ata que desapareceu como tal por decisión da comisión de desamortización e da xunta gobernativa local. Achega ademais información biográfica de máis de medio milleiro de colexiais que levaron manto e beca desde 1522 do que en realidade se chama Colexio de Santiago Alfeo, e de 137 fámulos, que eran tamén estudantes, pero ao servizo doutros.

A palabra colexio é un vocábulo que nos chega desde o latín collegium, un derivado do verbo colligere ‘reunir’, que tiña o sentido de ‘asociación’ ou ‘corporación’. O colexio era unha institución recoñecida na antiga Roma que contaba cos seus propios estatutos onde se establecían as normas de funcionamento interno e os criterios de admisión das persoas asociadas. Na Idade Media comezou a ser unha asociación de iguais, os colegas, de feito, na actualidade no Dicionario esta palabra designa, na linguaxe formal, a “persoa que con relación a outra exerce a súa mesma actividade ou profesión”. Mais nunha conversación informal a palabra é sinónimo de amigo. Xa avanzando no tempo ( século XII) a palabra colexio pasou a indicar o lugar onde residían e completaban a súa formación os estudantes universitarios. Incluso se converteron en centros onde se preparaban as persoas para acceder á universidade. Hoxe o termo posúe dúas acepción ben diferenciadas: a de institución educativa e a de asociación de profesionais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir