O 25 de xullo as galegas e os galegos botámonos á rúa porque, como dixo Castelao, ese é “o día da festa maior de Galicia”. E festa hai, e celebración e algueirada, mais tamén bandeiras e proclamas, tras as que se deixa sentir a nosa identidade colectiva. Desde a ruada da noite do 24 deica a Alba de Groria do 25, resoan no país os que poderían ser ecos de ancestrais ritos pagáns de orixe celta. En 1920, as Irmandades da Fala danlle nome: Día de Galicia. A cousa estaba clara e non deberían facer falla máis explicacións, pero as circunstancias históricas e políticas esixiron poñer máis palabras: en 1931, Día da Nosa Fala Nacional, nos anos setenta Día Nacional de Galicia ou tamén Día da Patria Galega.
Sexa como for, un día para festexar Galicia e a identidade que nos define, pero… cales son os símbolos desta? Séculos de historia non han caber nun Setestrelo, pero temos as sete palabras que mellor poden axudarnos a entendela.