Arde o país todo!

A noite do vinte e tres de xuño non debe quedar un curruncho en toda Galicia onde non arda un lume, e o cheiro da sardiñada alimenta a algarada das mulleres e homes de todas as idades que se botan á festa nas horas nas que, o resto do ano, xa andan vestindo o pixama para se meteren na cama. Mais, orixinariamente era a noite do vinte e un para o vinte e dous de xuño cando se prendían os lumes para darlle máis forza ao Sol, pois coa chegada do solsticio de verán os días empezaban a acurtarse e o rei dos astros vía minguar o seu poder.

Foi moitos anos despois cando, por influencia do cristianismo, xuntouse esta celebración coa da honra ao nacemento de san Xoán Bautista. A idea do lume e a festa prendeu na xente e foron xurdindo retrousos, cántigas e tamén moitos xeitos de lles chamar ás moreas de leña que se poñen a arder. Se queres saber máis, ven connosco seguir a pista destes nomes.

1

cacharela

Morea de leña ou outro combustible que arde e fai laparada

En Santiago de Compostela e a súa contorna a noite do vinte e tres ao vinte e catro préndense as cacharelas que son fogueiras que levantan grandes labaradas feitas con cachos, achas ou rachas de madeira que se recolleron ao longo dos días de antes para facer unha morea máis grande ca a do veciño. A escusa é facer lume porque ten poder purificador, xa que queimas todo o malo que tiveses, ben sexan meigallos ou enfermidades do corpo. De aí que, unha vez que baixa algo o lume, se teña que saltar por riba dela para nos limpar de todos os posibles males ata o ano que vén. Canda o chimpo, e para que sexa este efectivo, habemos de dicir un retrouso. Un dos máis populares é aquel que di: salto lume de san Xoán / para que non me trabe nin cobra, nin can. Antes de amosar as calidades atléticas, débese coller forza degustando a raíña culinaria da noite, a sardiña, nun cacho de pan ou cuns cachelos, patacas cocidas coa plana enterradas nas brasas.

Da orixe de cacharela, cachos e cachelos hai diferentes referencias: para uns proceden do verbo latino cappelare ‘cortar ou dividir en partes’ e para outros de *quassare ‘cascar’, a controversia non é pouca, mais veña de onde veña o caso é que deu en festa.

2

cacheira

Morea de leña ou outro combustible que arde e fai laparada

Se antes relacionamos a cacharela cos cachelos… que explicación lle podemos buscar á cacheira? porque aínda non se sabe de ningún lugar de Galicia onde fagan arder cabezas de porco na noite de san Xoán, e os mozos e mozas que saltan as fogueiras ben que escapan das faíscas para non queimaren as cachas.

Non hai acordo sobre a orixe desta palabra mais un dos posible xeitos de entendela é mirar cara ao portugués onde “cacheira” conserva o significado de “cacho de madeira” que pode empregarse para diferentes fins. A formación desta palabra témola por derivación a partir do medieval cacha, do latín clásico capula, que tiña o valor de “empuñadura dunha espada”, unha peza que moitas veces estaba realizada precisamente con este material. E se algo non pode faltar cando queremos facer lume é xustamente a madeira, que pola súa boa combustión é o mellor ingrediente para cociñarmos unha fogueira.

3

fogueira

Leña ou outro combustible que arde e fai labarada

Aínda que a orixe de fogueira está relacionada coa de fogar, a fogueira é un lume grande e, como tal, máis propio do exterior ca da lareira. Claro que para que as chamas fagan laparada temos que botar a arder unha boa morea de leña, é dicir, cómpre botarmos unha boa fogueirada.

Iso é o que facemos festivamente na noite de san Xoán, armamos un bo lume aproveitando mesmo para quitar do medio o que xa non usamos (ou non queremos usar máis), pero unha fogueira pode servir para destruírmos cousas que de por si arden mal, coma os libros. E xa non digamos en épocas pasadas, cando, unha vez que o lume valía, pasaban por el bruxas, herexes e demais persoas non gratas. Será por iso que, cando vai moita calor, cando sentimos fogaxe, hai quen di que arden as meigas…

4

lumarada

Morea grande de leña que arde, facendo chamas e resplandor

O que armamos a noite de San Xoán non é un lumiño íntimo e cativo, senón un que levante grandes chamas e produza resplandor, que se vexa de lonxe, mesmo que sirva de convocatoria. Esta é precisamente a clave do sentido deste nome: non esquezas que se forma sobre o substantivo “lume”, do latín lumen ‘claridade’ que á súa vez está relacionado con lux ‘luz’.

Claro que para cumprir o rito de saltar podemos agardar a que as lapas devalen un chisco. Era o que, segundo a tradición, facían as mozas que querían casar axiña, porque se ao saltar lles tocaban as chamas, non casaban nese ano. Mais tamén había que ter en conta outros factores, como o número de veces que se daba o chimpo sobre a lumarada, coidando especialmente que non fose número par.

E como a lumarada de san Xoán estendía os seus efectos ata cando o lume xa morrera, ao día seguinte era o gando o que se facía pasar por riba das cinsas para purificalo, un rito que vén de moi lonxe no tempo cando os celtas honraban a Belenos, deus do Sol, a luz e o lume.

5

luminaria

Morea grande de leña que arde con chamas e resplandor, en especial nalgúns lugares, as que se fan polo san Xoán

A noite de san Xoán debe ser unha das menos escuras do ano: para empezar a festa espérase a que marche o sol pero a escuridade esconxúrase coa alegría da xolda e, claro está, coas lapas das luminarias.

A orixe desta palabra déixase ver facilmente na súa base latina luminaria, que podía traducirse por “luz” ou “lámpada”. O de facer lume para botar luz sobre a noite é imprescindible no san Xoán mais a do vinte e tres de xuño non é a única data na que tradicionalmente se acendía o fogo para iluminar as tebras. Entre os séculos XV e XVIII, prendíanse en Santiago de Compostela pequenas lumaradas na porta das casas ao paso das procesións da Semana Santa e, tamén no século XVIII, o cabido compostelán alumeaba a praza do Hospital, o Obradoiro, a noite do vinte e catro de xullo, anterior á festividade do Apóstolo. Luz para destacar a figura e facerlles os honores aos santos e ás virxes… e tamén ás sardiñas!

6

larada

Morea grande de leña que arde con grandes chamas e resplandor

A noite do vinte e tres de xuño os elementos vivifican e cobran poderes e semella que na maxia da festa case todo vale para loitar contra os perigos que non son materiais. As herbas, a auga e o lume purifican e espantan os malos espíritos que enturban a vida da xente.

Pero como sempre ocorre, case todas as cousas teñen dúas caras e tampouco non todos os espíritos abrigan intencións daniñas. En latín existía o substantivo lar (en plural, lares) para referirse ás almas dos mortos encargadas de protexer a casa, a cidade, as rúas etc., e sobre esa base créase por derivación a forma larada. Desde logo, non era mala lóxica pensar que botar leña para avivecer o lume dos espíritos que nos protexen é a mellor maneira de impoñerse a aqueles outros que arelan facernos a vida imposible.

7

lume

Luz e calor producidas polas chamas que se desprenden dunha materia que arde

Logo de fogueiras, cacharelas, lumaradas, laradas e outras palabras exclusivas designadoras das moreas de leña incendiadas a propósito do san Xoán, habemos dicir que todo se resume en lume ardendo. E nalgúns lugares, curiosamente, sintetizan todo nese termo. Alí fan os lumes de san Xoán, van por leña para eses lumes e saltan os lumes para espantar os espíritos.

Está claro que na noite máis curta do ano, na que festexamos a chegada do verán e na que a maxia o envolve todo o lume é o protagonista, porén non debemos esquecer que, como no yin e o yang, hai a outra cara da moeda, a que complementa o ímpeto das chamas. Unha protagonista silandeira, aínda que relevante: a auga. Esta ten un gran poder, líbranos das enfermidades da pel e da alma, se recollemos o orballo. Mantennos fermosos e louzáns, se nos lavamos coa auga dos cachos (aquela posta na noite do vinte e tres nun recipiente ao relento e adobada con herbas e plantas aromáticas e medicinais). Se saltamos as nove ondas, quizais o ano que vén sexamos máis. E se agardamos a raiar o día, habemos de coller a auga de por riba das fontes ou do mar, a flor da auga, xa que é moi milagreira e ata ás doncelas lles cura o celibato… se elas queren, claro!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir