As follas das árbores

No vídeo As estacións do ano, o académico Francisco Fernández Rei explícanos que nesta zona da Terra, iso de que existen catro estacións é unha verdade a medias pois, especialmente na máis chuviosa Galicia atlántica, o que distinguimos claramente é “o tempo da calor” e “o tempo de chuvias” e, no paso dun ao outro, danse dúas situacións intermedias que popularmente, nalgunhas zonas, son coñecidas como as dúas primaveras, a primavera de verán (por abril e maio) e mais a primavera de outono, que cadra aproximadamente desde primeiros de setembro ata finais de outubro.

Se na primavera de verán as protagonistas indiscutidas son as flores, na de outono todas as miradas van para as árbores, para as súas pólas espidas, ou non, e máis aínda para as súas follas, que andan en plena muda. Sobre elas vai este Setestrelo, para que fixándonos ben na súa forma recoñezamos case todas as árbores ou plantas. En botánica, existen varios termos específicos do ámbito para falar da súa feitura e canda eles outros adxectivos de uso común, que se aplican para describilas. En forma de ovo, de agulla ou de corazón… imos ver cales son os seus sete modelos básicos.

1

lanceolada

Que ten forma de punta de lanza.

Dise na Enciclopedia Galega Universal que na prehistoria, en concreto na etapa solutreana, no Paleolítico superior, unha das ferramentas máis características era a que hoxe se coñece como folla de loureiro, un útil delgado e longo, con punta nun dos seus extremos. O nome déuselle loxicamente porque lembra á folla desa árbore, que se distingue, entre outras cousas, pola súa forma lanceolada –a xeito de lanza– a mesma que observamos nas follas do vimieiro, a nogueira, o sabugueiro ou o sauce chorón.

Cando falamos dunha lanza referímonos a “unha arma que se tira coa man, composta dun mango longo rematado en punta”. Esta palabra chéganos a través do latín, lancea, que se empregaba co mesmo significado, e parece que especificamente aludindo á arma que os romanos asociaban cos guerreiros suevos. Con todo, o máis probable é que a súa orixe primeira sexa céltica. Como diminutivo de lancea, existía en latín lanceola, unha lanciña pequena, e desde aí se chegou ao adxectivo lanceolado -a.

Outro cualificativo derivado de lanza, tamén referido á forma, é lanzal, que se lle aplica ao que é “alto, delgado e ben proporcionado, como unha lanza”.

2

elíptica

Que ten forma de elipse.

A palabra elipse forma parte do léxico de varias disciplinas, desde a gramática ata a astronomía. En xeometría, a elipse enténdese como unha “curva cerrada, con dous focos, que resulta de cortar un cono por un plano non perpendicular ao seu eixe”. Para os que somos de letras, é posible que de primeiras non logremos visualizar o que describe esta definición, por iso é útil saber que, para alén de nas órbitas dos planetas ao redor do Sol, tamén podemos observar curvas elípticas en varios elementos naturais do noso arredor. É o caso das follas de árbores tan comúns para nós como o castiñeiro ou tamén o limoeiro e a laranxeira, e doutras algo máis exóticas pero con presenza no noso territorio como o pradairo de América (Acer negundo).

O termo elipse chega a nós polo latín ellipsis, se ben a súa orixe está no grego elleipsis, que podería traducirse por ‘falta’ ou ‘supresión’, xa que especificamente se empregaba aludindo á acción de eliminar palabras dunha frase. O significado etimolóxico consérvase na lingua de hoxe, xa que en gramática unha elipse é a “omisión dunha ou máis palabras que se sobreentenden”. O adxectivo elíptico -a, do grego elleiptikós, debe interpretarse daquela como ‘que está incompleto, ou marcado por elipse’, e certamente elíptica é a curva á que algo lle falta para ser un círculo perfecto.

3

aciculada

Que é alongada, delgada e aguzada.

Os piñeiros son unhas das árbores máis abondosas nos nosos montes e, malia non seren autóctonas a maioría das especies, chegaron a identificarnos tanto que se consideran, canda o carballo e o toxo, un símbolo botánico do país, non en van os rumorosos son os protagonistas do Himno. A súa folla é ben recoñecida por todos e da súa forma típica xorden algúns dos nomes que se lle atribúen, por exemplo garfa, pica ou directamente agulla.

A palabra empregada en latín como equivalente da nosa agulla era acus, -us, mais o substantivo que utilizamos hoxe en día procede en realidade do diminutivo acucula, que sería daquela para os romanos unha agulliña pequena. No latín tardío, dáse outra variante deste diminutivo, acicula, para a que se recollen moitos significados, desde un alfinete que as mulleres prendían no cabelo ata unha especie de peixe. Nesta variante con explícase tanto o subtantivo romance acícula coma o adxectivo aciculado -a (ou acicular).

A folla aciculada non é exclusiva dos piñeiros senón que pode observarse noutras moitas especies da clase das coníferas, como o teixo, o abeto, a sequoia ou a araucaria.

4

oval

Que ten forma de curva cerrada e alongada, semellante á do perfil dun ovo.

A morfoloxía da palabra oval déixalle pouca marxe á imaxinación para adiviñar a orixe do adxectivo, que aínda queda máis evidente na definición que se propón no Dicionario, onde se indica que se asocia coa silueta dun ovo. Efectivamente, sobre o latín ovum constrúese o derivado, só engadindo un sufixo recorrente para este tipo de cualificativos, –al, como sucede en esferoidal, helicoidal ou trapezoidal, todos eles tamén, o mesmo ca oval, invariables en canto ao xénero. Nalgúns manuais de botánica, aparece con frecuencia como sinónimo ovado -a.

O étimo de oval é evidente, mais non así distinguir as follas deste grupo, xa que poden confundirse nalgúns casos coas do tipo redondo. Son follas claramente ovais as da aciñeira, o buxo ou o carballo, e arredondadas as do ameneiro ou a pereira, en tanto que as da maceira sitúanse a medio camiño de ambas.

5

cordiforme

Que ten forma de corazón.

O substantivo latino cor non se trasladou directamente á nosa lingua para chamarlle ao corazón (de corationem), mais si que serviu de base a varias palabras relacionadas semanticamente co músculo –ben sexa polo aspecto, ben polas propiedades que se lle atribúen– as cales se introduciron no idioma por vía culta. É o caso de cordiforme, un composto dos equivalentes latinos de corazón e forma, vinculados mediante o interfixo –i-. Outras voces que parten do mesmo étimo son cordial, ou tamén as prefixadas acordar, concordar, discordar, recordar etc.

No bidueiro, no chopo ou no olmo, atopamos as follas cordiformes, que teñen o ápice en bico agudo e a base curva arremedando a dun corazón, cando menos na representación que calquera de nós fai del se quere debuxalo ou engadilo nunha mensaxe electrónica, marcando o 3 (canda o ángulo <). Na literatura botánica, tamén atopamos o sinónimo cardioide, outro cultismo pero neste caso de ascendencia grega, kardioidés, con idéntico significado.

6

lineal

Que presenta forma con figura semellante a unha liña.

Nas estampas máis típicas da paisaxe de noso, seguro que moitos incluiriades a urceira pois que a urce ou breixo é un arbusto moi común nos bosques galegos, e abondoso en xeral na Europa atlántica. Alén da súa floriña miúda, morada ou abrancazada, na Erica arborea tamén destaca a finura das súas pólas e follas de tipo lineal, de feito, dise que o nome científico podería facer alusión á fraxilidade das ramiñas, xa que ereíko en grego significa ‘romper’.

Non do grego, senón do latín, procede lineal, directamente da forma tardía linealis, ben que na evolución ao romance, tras a caída da terminación, vacílase na consoante líquida final, de xeito que resultan dúas variantes, a devandita lineal e mais linear, ambas as dúas sancionadas pola norma actual. Maior pegada evolutiva observamos no substantivo patrimonial liña, onde se deixa ver mellor a relación etimolóxica con liño. Aínda que sorprenda o vínculo coa planta, o certo é que na orixe latina das dúas palabras, liño e liña, está a voz lineus, usada para se referir ao fío do liño e que, por analoxía, pasou despois a nomear o trazo continuo e fino.

7

saxitada

Rubindo polos valados, os muros de pedra e as paredes das casas, é moi común atopar na nosa paisaxe a planta enredadeira, da que se coñecen numerosas especies, e que lle debe o nome popular a ese afán escalador que a ten enleada a calquera cousa que se levante do chan. Alén desta disposición para achegarse á luz, a enredadeira tamén é recoñecible pola forma das súas follas, que nos lembran inmediatamente a silueta da punta dunha frecha.

Esta é a razón de que se denominen follas saxitadas, ou saxitais, xa que a palabra latina da que procede o noso seta –a “arma consistente nunha barra fina rematada en punta”, xeralmente con plumas no outro extremo– é sagitta, que na evolución ao romance acabou por desenvolver unha consoante fricativa < x > /∫/ nas palabras semicultas (saxitada, saxital), en tanto que nas máis evolucionadas desapareceu a oclusiva (seta).  Para chamarlle á acción de lanzar frechas, derivouse o verbo sagittare, co seu participio saggitatum, co que se relacionan varias outras palabras coñecidas por todos na actualidade, como o nome da constelación saxitario, o arqueiro, cuxa representación máis típica é a dun centauro disparando as súas setas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir