As partes dunha moeda

Habitualmente andamos con cartos, en moeda, en billete ou mesmo en plástico, pero poucas veces nos paramos a observalos detidamente. Con todo, desde a xente que bota as sortes a cara ou cruz ata os que as coleccionan (os numismáticos), moitos andan a buscarlles nomes ás partes das moedas. Este é un bo exemplo de andar ás cousas con detalle.

As máis das palabras que destacamos neste setestrelo aparecen recollidas no Dicionario da Real Academia Galega; mais tamén comentamos algún outro léxico relacionado coas moedas que se define noutros dicionarios galegos recoñecidos.

1

anverso

Lado principal da moeda.

É o lado onde aparece o tipo, é dicir as efixies ou brasóns que se consideran a cara principal, aínda que contemporaneamente os deseños son moito máis variados, aparecendo no dos euros actuais por exemplo a catedral de Santiago de Compostela.

Esta palabra procede de anteversum, que á súa vez vén de versare, 'xirar', por ser o que se ve cando a moeda xira. Chámaselle tamén face ou cara, aínda que esta última pode usarse como xenérico indistintamente para anverso e reverso (“son como dúas caras da mesma moeda”). Noutras linguas úsanse os equivalentes para cabeza (inglés head), dereito ou recto.

2

reverso

Lado oposto ao anverso.

Nas moedas actuais é onde vai inscrito o seu valor económico, normalmente expresado con números: noutras épocas, sabíase o valor dunha moeda polo seu tamaño, a súa cor, a súa forma, o seu debuxo ou outras características.

Malia que se supón que chegou a nós a través do italiano reverso (aínda que na actualidade utilizan as denominacións rovescio ou verso), ten unha etimoloxía moi similar á da súa tradución ao inglés (obverse) ou á do nome da cara oposta (anverso). Tamén se lle chama cruz ou revés, e noutras linguas tradúcese por 'rabo' (inglés tail).

3

contorno

Canto dunha moeda.

Poden ser lisos, estriados ou decorados. As nosas moedas de dous euros teñen por exemplo seis veces o número 2 e as doce estrelas da bandeira da Unión Europea.

Fabrícase grazas ao virol, un anel de aceiro que lle dá a forma ao contorno ou canto. Por certo, que para 'estampar no metal mediante cuños ou selos' úsase cuñar ou acuñar. Para o proceso en xeral úsase amoedar ou monetizar.

4

exergo

Parte baixo o tipo onde aparece unha inscrición.

Pode ser o valor, unha data, unha lenda ou a marca da fábrica ou ceca, e moitas veces estaba separado da efixie por unha liña horizontal. E é que o seu nome está composto dos gregos ex ('fóra') e ergo ('obra'), por entenderse que o tipo é o lugar onde "traballa" o cuño.

En España as inscricións habituais eran o ano da cuñaxe e un M cunha coroa, o símbolo da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que tamén fabrica os selos. Cando falta, a moeda chámase anepigráfica (literalmente, 'que lle falta o escrito').

5

grafila

Orla no campo.

Moitas moedas teñen o anverso ou o reverso beireados por puntiños ou liñas e isto é a grafila (portugués: grafila ou grafilha; castelán: grafila ou gráfila). Por exemplo, nas de euro pasa nas tres de menor cantidade e nas dúas máis valiosas.

A palabra procede do grego grafos ('escribir'). Dentro desta grafila hai normalmente un espazo con debuxos e inscricións: o campo é a parte deste espazo sen imaxe, é dicir, a parte plana do cospel ('placa orixinal onde se peta', dunha palabra idéntica no francés usada para 'cavaco, racha, estela') que non recibiu o impacto do cuño. Evidentemente, cando non hai grafila, o campo chega ata o contorno ou canto.

6

módulo

Diámetro dunha moeda.

A constancia do módulo, do ancho e do peso (ou da lei, liga, aliaxe ou composición) nas moedas e das súas tolerancias (a diferenza dos valores reais respecto aos valores cos que se pretende fabricar) son de suma importancia para as máquinas que admiten moedas: expendedoras, de xogos, de consigna, etc.

A palabra módulo non significaba orixinariamente outra cousa que 'modo pequeniño' (ao xeito de cúmulo, glóbulo, lóbulo, párvulo ou versículo), pois o modo era o 'tamaño polo que se medían as cousas'.

7

bracteado

Que non ten reverso.

As moedas ou numismas que só se cuñan por un lado unicamente teñen anverso. Polo reverso xa que logo non teñen deseño. Bracteado usouse como nome para moitas moedas xermánicas antigas e procede de bractea, que xa en latín significaba 'laminiña de ouro ou outro metal', pois as moedas de pouco espesor resistían menos a cuñaxe.

Con todo, en ocasións dáse que o reverso e o anverso teñen o mesmo deseño, pero un en relevo e outro en oco: neste caso chámanse incusas (do participio latino para 'petado co martelo, cara adentro'), que é o nome que se lles dá cando as cuñaxes se fan por debaixo da superficie lisa inicial do cospel ou placa orixinal. Non obstante, cando se cuña o mesmo deseño en relevo nos dous lados, a moeda non ten propiamente anverso nin reverso, porque de feito son iguais: entón chámase con toda a razón repetida.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir