Aínda que xuraremos que nunca dixemos isto, non debemos fiarnos do Dicionario nin da nosa literatura, mesmo tampouco da historia publicada, para valorar a relación do pobo galego co mar. Máis aló de cada unha das múltiples pezas do carro, ou dos milleiros de formas de lle chamar a un cesto, e alén da lírica heroica de sufrimento labrega e da cantidade de sucesos e transformacións sufridos polo noso agro que nos transmitiron, somos un país marítimo e mariñeiro… por moito que ás veces non conste.
O mar galego tamén pode ser épico, temos navegantes e descubridores –e aí falta moito por saber–, temos unha das maiores frotas mundiais e mariñeiros que atoparon novos caladoiros por todo o planeta. A Terra non é nosa, pero o mar si, e así nos recoñecen no Atlántico.
A nosa costa é rica e variada. Foi sempre tan farturenta que non tiñamos motivos para ir largar o aparello moi lonxe das rías. Por iso os nosos barcos históricos son de preto, de baixura, de interior de ría e como cada unha delas é un mundo fomos creando ou adaptando diferentes tipos até ter unha diversidade coa que poucas culturas marítimas se poden comparar. Este Setestrelo vai diso, dalgunhas das embarcacións tradicionais de pesca que aínda navegan polo mar de Galicia.