Begoña Caamaño

A autora que protagoniza as Letras Galegas 2026 é Begoña Caamaño Rascado. Unha viguesa nada en 1964 na casa familiar do barrio do Calvario. Residir nese lugar xogou un papel importante na nenez da escritora, alí participou libremente das vivencias infantís cos seus irmáns nunha contorna onde a poboación era de diversas orixes e proletaria. Despois mudaríase a Coia onde, sendo adolescente, participou activamente nas reivindicacións do alumnado do instituto.

Estudou maxisterio, mais acabou traballando como xornalista, sobre todo, como informadora no eido radiofónico; a partir de 1989, convértese en redactora dos servizos informativos da Radio Galega e posteriormente céntrase nas seccións de cultura e sociedade ao incorporarse ao Diario Cultural; foi unha articulista comprometida coa realidade que a rodeaba como podemos ver nos seus textos e reportaxes en cabeceiras como A Nosa Terra, Tempos, Novas da Galiza, Festa da Palabra Silenciada ou Deliberadamente.

E, logo de se converter nunha profesional recoñecida por nos contar o que pasaba na sociedade e no mundo que compartiamos, emerxe a narradora de ficción. A súa obra caracterízase por estar impregnada dunha visión feminista evidente; pero esta é moi lúcida, nunca maniqueísta e, ademais, destaca polo emprego dunha lingua moi coidada produto dun estudo rigoroso. Imos tentar coñecer en sete palabras como era a homenaxeada do 2026.

1

lectora

Que le, para si ou para outros

Begoña Caamaño foi unha lectora precoz. Adoraba ler, quizais consecuencia dun avó que lle contaba historias e dunha nai que lle lía poesía ao ir para a cama. Aínda así, as lecturas de rapaciña nova non se cinguían só á literatura xuvenil –asegura a súa irmá– , senón que a podía atopar con calquera dos clásicos na man. A ela non a intimidaba enfrontarse a obras máis propias de adultos, era maior a curiosidade por coñecer o que lles pasaba aos personaxes que aparecían.

A persoa que é ‘quen de ler para si ou para os demais’ denomínase lectora. Voz procedente do latín lector, -ōris ‘lector’, que remite ao verbo lego ‘ler’. Mais, como non nacemos aprendidos, cando comezamos a adquirir esta habilidade dise que soletreamos “empezar a ler ou ler con dificultade, marcando a separación das sílabas”, voz que se forma sobre “letra” que nos leva ao latín littĕra ‘carácter do abecedario’.

Froito das numerosas lecturas e de que estas deixen pouso nun xorde a voz lido e o seu feminino lida, que o Dicionario lle aplica a aquela persoa “que ten unha boa formación cultural adquirida por medio da lectura”; como sinónimo temos a voz letrado, -a que remite, de novo, ao vocábulo “letra” e á capacidade de ler moito e tirarlle partido. As persoas que son ávidas lectoras adoitan formar a súa propia biblioteca “peza dunha casa ou edificio onde está reunido un conxunto grande de libros para poder lelos”, e cando a persoa é particularmente amante dos libros mesmo dicimos dela que é bibliófila (amiga dos libros, en grego).

A nosa autora, quizais de escoitarlle ler á súa nai en voz alta de pequena e, probablemente, por ser unha devoradora de libros e gustarlle descubrir historias novas neles, escolleu ser xornalista, en particular, locutora “profesional da radio ou da televisión encargada de ler as noticias, anunciar e presentar os programas etc.” Unha gran lectora, que foi quen de ler a realidade coa habilidade para nola contar.

2

xornalista

Persoa que ten como profesión escribir para un xornal ou que participa na redacción ou difusión da información nun medio de comunicación / periodista / informadora

A escritora viguesa estudou a carreira de maxisterio, pero, por esas voltas que dá a vida, nunca exerceu esta profesión. Ao rematar a formación académica, fixo un curso de radiodifusión en Radio Noroeste en 1986 e acabou nos servizos informativos desta emisora. Naquela altura, o Vigo dos anos 80, dedicouse, sobre todo, ao xornalismo de rúa, ese que esixe contactar coa xente á procura da noticia e a verificación desta. Nesa cidade esencialmente obreira, onde o sindicalismo era moi activo e con grandes conflitos laborais por mor da crise da reconversión naval e do peche de empresas esenciais foi na que Begoña, sen ser allea a esta situación, comezou a exercer a súa profesión con rigor, compromiso e entusiasmo. O seu xornalismo era transformador, procuraba que non fose propagandista, sempre orientado cara ao servizo público, ofrecía as claves e camiños de análise para que a persoa receptora interpretase a noticia ela mesma. Defendía un periodismo plural.

O termo xornalista é unha voz derivada de xornal, que procede do occitano jornal, e este do latín diurnus 'diúrno’, ‘propio do día'; este vocábulo latino é o que está detrás do termo diario, sinónimo de xornal. Ambas as dúas palabras fan referencia a aquela publicación periódica que sae á rúa todos os días do ano. Estas tamén se denominan periódicos, nome que fai referencia ao feito de ser unha publicación que sae á rúa a intervalos regulares de tempo ou períodos.

No caso da nosa autora, o seu labor como periodista desenvolveuse maioritariamente na radio e, sobre todo, como informadora (persoa que traballa nun medio de comunicación) difundindo información –conxunto de noticias–. Nun principio, abordando a actualidade xeral e logo, especializándose nas novidades propias da cultura. O seu modo de transmitir as novas, a súa curiosidade e unha sólida formación fixo dela unha comunicadora solvente e eficaz, substantivo creado co verbo comunicar que procede do latín communicāre ‘facer participante de’, ‘facer común’, ‘falar’.

3

feminista

Partidaria do feminismo

Ninguén pode, nin é oportuno, ocultar que un trazo que definía Begoña Caamaño é a súa posición no mundo como muller. Para ela resultaba fundamental a igualdade entre as persoas, e esta comeza co recoñecemento dos dereitos da metade da poboación mundial, as mulleres. Ela mesma defínese como feminista convencida e militante, condición que a obriga a combater o sexismo e a discriminación do feminino ao longo da historia. De feito, foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e participa, no seu momento, na Marcha Mundial das Mulleres. Salientar, polo tanto, esta faceta da súa figura é necesario para comprender en gran medida o seu traballo creativo.

Feminista é o termo que se lle aplica á “persoa partidaria do feminismo”. Este é un neoloxismo procedente do francés. Se atendemos ao que nos di a filósofa gala Geneviève Fraisse, o termo procede do ámbito da sanidade, eido no que foi empregado na segunda metade do s. XIX nunha tese doutoral do médico Ferdinand-Valère Faneau de la Cour para referirse a unha feminización do corpo masculino por causa da tubercolose. En 1872 Alexandre Dumas fillo usou, por primeira vez, o adxectivo féministe, en L'Homme-Femme, cun sentido pexorativo. Dez anos despois, Hubertine Auclert, xornalista e pioneira do sufraxismo galo, recolleu o termo e empregouno para referirse á reivindicación da igualdade entre mulleres e homes, a realidade que segue a designar na actualidade.

Creado sobre o termo latino femina ‘muller’ ao que se lle engade o sufixo –ismo como designador de ‘movementos sociais’. Como tamén se debe indicar como formación neolóxica do século XX a denominación machista “ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller”, procedente do inglés, pero creada sobre a palabra do español de México macho.

4

contadora

Persoa que conta ou narra historias, sucesos etc.

A autora nada no Calvario foi unha escritora de madurez. Para o DRAG é a “persoa que escribe obras científicas ou, sobre todo, literarias”. No caso de Begoña Caamaño só puidemos gozar de dúas novelas da súa autoría: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle; e había outra ideada onde a protagonista sería Xerezade, a narradora nocturna dos contos das Mil e unha noites que lamentablemente non chegou a escribir.

Ela denominábase a si mesma –tal como dixo nunha presentación de Morgana en Esmelle contadora de historias, un bosquexo dunha narradora; aseguraba que era no xénero narrativo no que se sentía cómoda porque as ideas que me veñen a cabeza véxoas narradas coma novelas ou contos. A pesar da exigua produción, esta resultou innovadora e afouta, ao lle dar o protagonismo ás que sempre permaneceron na penumbra, á sombra de heroes recoñecidos e asentados no imaxinario colectivo. Reescribir estes relatos desde outra perspectiva non foi froito da improvisación, senón dunha rutina de estudo intenso, de procurar toda a documentación posible e da elaboración de esquemas prolixos para evitar as incoherencias. As técnicas que empregaba para na verificación das noticias xornalísticas aplicadas á escrita literaria.

Segundo o Dicionario contador, -a é a “persoa que conta ou narra historias, sucesos etc.”, voz formada sobre o verbo contar, que nos leva ao latín computāre ‘calcular’ derivado de putare ‘contar’; mais adquire a acepción ‘narrar’ ou ‘relatar’ porque non deixa de ser o resultado de ‘facer un reconto’ dun acontecido. As contadoras tamén son recoñecidas como narradoras, voz que nos leva ao latín narrātor, -ōris ‘a que conta algún feito’, formado sobre o verbo narrāre ‘dar a coñecer’. Pero tamén se denominan relatoras, termo cuxa orixe está no latín relātor, -ōris, onde significaba ‘o que fai relación’, ‘narrador’, e que garda relación co verbo relatar “expoñer algo en detalle, oralmente ou por escrito”.

5

evocadora

Que evoca

Begoña Caamaño pódese presentar como unha persoa evocadora. Xa que grazas ás protagonistas da súa obra somos quen de evocar (traer á memoria) determinados mitos que se empregaron para conformar a sociedade ao longo da historia; pero quizais desde unha óptica que non era imparcial. A escritora, como persoa curiosa e ávida lectora desde a nenez, estudou os relatos mitolóxicos que se empregaron en Europa desde a antigüidade para explicar a civilización occidental, e ela mesma confesa que lle faltaban neses relatos referentes femininos que fosen heroínas e protagonistas das historias intrépidas que se contaban.

As súas dúas únicas novelas publicadas son produto desa paixón declarada pola mitoloxía e o devezo de mudar a mirada coa que nos achegamos a ela. Esta voz debémola entender segundo nos indica o Dicionario como “conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión”. Os mitos son aqueles relatos vivos que axudaban a interpretar o presente de certas sociedades. Eran un xeito de construír as narracións colectivas, historias que falan de poder e de memoria, de quen conta a historia e de quen deixan fóra dela.

A autora homenaxeada este ano coas Letras convértese en mitóloga “especialista en mitoloxía”, e como tal foi quen de darlle unha segunda lectura ás personaxes mitolóxicas, cambiando a perspectiva desde a cal nos son presentadas. Poñendo a voz narradora nas mulleres –ata agora personaxes secundarias– que ao reescribir a historia desde a perspectiva feminina e espila dunha óptica patriarcal, as mulleres destes relatos nin son tan desapiadadas, nin tan anódinas. Simplemente pretenden convivir coas feridas que lles provocou a vida, afrontar as contradicións propias, e tentar atopar o seu propio espazo.

6

comprometida

Que está ao servizo dunha causa / Que adquiriu un compromiso

A familia de Begoña mudouse ao barrio de Coia sendo aínda unha rapaza nova. Instalouse nun barrio produto do crecemento urbanístico de Vigo, onde había vivendas pero faltaban os servizos. A protagonista das Letras 2026 demostrou o seu compromiso social desde ben cedo e reclamou aquilo que consideraba xusto para os seus e as súas compañeiras. Así se explica que, estando no instituto, participase nas protestas e reivindicacións estudantís, como "Pases pró bus".

Logo, cando comezou a facer radio como informadora, foi coñecedora das penosas consecuencias dos conflitos laborais que xurdiron na cidade olívica afectada pola reconversión industrial. Como traballadora da Radio Galega loitou por uns medios de comunicación públicos independentes e como muller nunca deixou de loitar pola promoción das ideas feministas, da igualdade e da xustiza.

Begoña Caamaño foi voceira das causas que a conmovían como era a violencia de xénero, os dereitos humanos, a lingua e a cultura galega; denuncia as consecuencias das catástrofes ambientais e foi unha convencida antimilitarista.

Por todo o dito é acertado definila como unha persoa comprometida. Adxectivo que se adapta á perfección nas súas dúas acepcións que ofrece o DRAG, unha “que está ao servizo dunha causa” e a outra “que adquiriu un compromiso” á personalidade de autora de Morgana en Esmelle. Voz que nos leva ao verbo comprometer, e este ao latín compromittĕre, termo que pertencía á xurisprudencia e formado sobre cum e promitto ‘prometer’, onde o conxunto significaba ‘deixar nas mans dun árbitro un acordo’ e tamén ‘facer unha promesa recíproca’. Outras palabras afíns, que se axeitan para debuxar a figura de Begoña Caamaño, son involucrada, participio do verbo involucrar que nos leva ao latín involūcrum 'envoltura', e tamén implicada definida polo DRAG “que participa ou participou nun asunto, suceso etc.” que nos leva ao verbo implicar, que procede do latino implicāre 'entrelazar', 'enredar’. Sen esquecer que foi unha recoñecida activista social que é aquela persoa que ‘intervén activamente na defensa de ideas políticas e sociais’.

7

irmá

Persoa que, con respecto a outra, comparte os seus mesmos intereses, ideais etc.

Ela era unha muller libre, rebelde, loitadora, afouta e defensora dos dereitos e liberdades, sobre todo, das mulleres. E neste aspecto particular podémola interpretar como unha irmá para as súas amigas e compañeiras.

Na nosa lingua as voces irmán e irmá mantiveron o significado de “persoa que, respecto doutra, é filla dos mesmos pais”. Aínda que no latín clásico as palabras que se empregaban para este significado eran frater, no masculino, e soror, no feminino, as cales continúan no idioma por vía culta, nos termos fraternidade ou fraternización e sororal ou sororidade. Na propia época latina, foi cando o adxectivo germanus -a -um acolleu os usos que en orixe correspondían a frater e soror, e fíxoo por redución da expresión frater germanus, que podería traducirse por “irmán auténtico”, entendido como “irmán de nai e de pai”.  O sentido partía, en último caso, do verbo gignere, que tiña, entre outras, a acepción de ‘xerar'.

Ao redor desta voces xorden outras que dan a idea da unión de persoas diversas con intereses comúns. Unha é irmandade, partindo de irmán, que aparece do século XV, en documentos notariais, como federación de municipios. E posteriormente arredor desa idea de ‘unión’ ou ‘relación estreita’ xurdirá a acepción actual de “asociación de persoas que teñen os mesmo ideais, a mesma crenza en determinada materia”. Outra é sororidade, voz que expresa a "solidariedade entre mulleres", e particularmente un pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes. É unha palabra con equivalentes nas linguas románicas próximas; en italiano, emprégase sororitá, en francés sororité, unha forma que está documentada por primeira vez no século XVI, co significado de 'irmandade de mulleres'. Formada a partir da voz medieval latina sororitas, sororitatis, cun sentido semellante, derivada do mencionado soror, sororis ‘irmá’, tomando o mesmo modelo ca fraternitas, fraternitatis, desde onde se chega a fraternidade (“relación de amizade e solidariedade existente entre irmáns ou entre persoas cando se senten coma irmáns”).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir