Quero dicirche: penso en ti e sen medo
farei un poema coma ti, caricia.
Acendede as almenaras, 2008
Non se entende a obra literaria e a propia vida de Bernardino Graña sen a poesía. Non en balde foi alcumado como o poeta do mar e do amar, por ser o mar e o amor as dúas constantes temáticas ao longo da súa traxectoria como autor. Sentiu a necesidade de versificar desde adolescente, primeiro en castelán, logo ao coñecer outros poetas en lingua galega comezou a escribir, coma eles, a súa poesía en galego. Mesmo se incorporou ao comité de redacción da revista de poesía de Vigo Alba, grazas á amizade con Faustino Rey Romero. Ao chegar a Santiago de Compostela, xa sendo universitario, continuou escribindo poesía e incluso foi o gañador en diversas edicións do certame de poesía das Festas Minervais (1954, 1955, 1959 e 1969). Tivo que marchar para Madrid, onde se incorporou ao grupo Brais Pinto, un conxunto de intelectuais galeguistas que residían alí por mor dos seus estudos (Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo e Raimundo Patiño...), e con eles publicou o primeiro libro, Poema do home que quixo vivir, de marcado carácter existencialista. A partir deste, unha longa relación de títulos Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amar e os peixes (1980), Sima-Cima do voar do tolo (1984), Himno verde (1992), Ardentía. Obra poética completa (1995), Luz de novembro (1997), Sen sombra e sen amor (2004) e, o último, Acendede as almenaras (2008).
Se Bernardino é poeta, como acabamos de ver, tamén o podemos considerar recitador, aquel que recita poemas. Dado que os poemas deben posuír musicalidade, ritmo e ton... sería o natural que o escritor recitase os seus propios versos dentro do proceso de escritura. Mais, despois de ser publicados, tampouco é raro que o autor participe en recitais declamando as estrofas propias ou doutros. A presenza do poeta do mar era habitual en festivais líricos, en recitais poéticos nos que homenaxea a outros compañeiros, e tamén tivo algunha que outra participación en programas de radio e televisión. O vocábulo recitador, -a, que significa “persoa que recita”, procede do latín recitātor, -ōris, termo que se lle aplicaba ‘ao que lía en público’; sinónimos na nosa lingua desta voz son declamador, que nos leva tamén ao latín declamātor, -ōris ‘o que exercita a oratoria’, e tamén o cultismo, rapsodo que bebe do grego rapsōidós ‘recitador da Grecia antiga’.