Celtismos

É moi complicado establecer con seguridade que a orixe dun termo é celta. O grupo de linguas celtas procede, ao igual ca o latín, do indoeuropeo, daquela comparten moitas raíces. Por outra parte, asumindo que houbo celtas no noso país antes da romanización, tamén é certo que os propios romanos trouxeron palabras consideradas celtas integradas no seu idioma, o que moitas veces xera confusión sobre a orixe.

Outros termos que coa mesma procedencia chegaron a nós fixérono por medio das antigas e xeneralizadas relacións históricas –como as conexións marítimas dos bretoñeses (ou britonienses) cos bretóns (e británicos)–, e máis recentemente grazas ao Camiño de Santiago.

Por mor desta complexidade, nas referencias e traballos etimolóxicos os étimos clasifícanse por veces como celta, céltico e celtolatino, deixando clara a orixe, mais –en moitos dos casos–, como prerromano, que en absoluto ten que indicar céltico.

Neste Setestrelo escollemos termos ben comúns e cunha orixe clara para a maioría dos especialistas, co obxectivo de que en calquera día de San Patricio ademais de brindar pola irmandade das setes nacións, poidades asegurar con fundamento o celtismo dalgunhas das nosas palabras, aínda que por experiencia podemos dicir que despois de tres cervexas, celta, celta pasa a ser o Dicionario enteiro. En fin, saúde, así se diga en galego, en galés –iechyd Dda–, ou en gaélico –sláinte–.

1

brío

Forza física ou moral con que se realiza unha acción que require un esforzo

Brío conserva na actualidade o valor semántico do étimo brigos, un termo celta que podería traducirse por 'forza' e que, a través dos seus derivados, está na base de topónimos coma Brión ou Bergantiños e tamén posiblemente no xentilicio brigantino, co significado de ‘vila’. A razón disto podería ser que antigamente as vilas eran os lugares onde se daban os dous factores que permitían unha mellor forza defensiva fronte aos ataques inimigos: a presenza dun edificio de protección e tamén unha agrupación maior de xente.

Tamén as brigadas empregan a forza nas situacións de conflito, polo que hai especialistas que supoñen tamén neste caso o étimo briga  (‘problema que se resolve pola forza’), o mesmo que en brigadier, un galicismo de orixe na mesma palabra celta, que serve para nomear o xeneral das brigadas de certos países. Idéntico valor etimolóxico podería estar detrás do verbo brigar e en briga, vixentes en portugués co significado de ‘loitar, pelexar’ e mais a acción correspondente, dos que tamén poden rexistrarse usos na nosa lingua (brigar ou a variante bregar) co mesmo significado.

2

camba

Cada unha das dúas pezas en forma de arco da roda do carro

Na orixe desta palabra estaría a forma céltica kamb ou kambos, achegando o significado de 'curvo' que caracteriza esta peza do carro. Así mesmo, da camba deriva a cambeta, que é a cuberta de ferro para a camba, e non parece controvertido pensar que outra compoñente do carro, a cambona ou cambón (ás veces grafado camón), teña a mesma orixe, tendo en conta a súa feitura característica.

Do devandito étimo kambos deriva o celta kambika que a nós chega como canga, con varias acepcións ('xugo', 'barra horizontal no carro') que continúan co significado de 'curva'. As palabras relacionadas serían case todas as que comezan por cang– (cangado, cangalla, cangallada, cangalleira, cangallo, cangar, cango, cangón), referíndose a persoas con posturas curvadas, a obstáculos ou a unha parte dos acios. No léxico toponímico, Cangas, que sempre leva un especificador (‘do Morrazo’, ‘de Onís’ e ‘de Narcea’) explícase por seren lugares situados contornando unha enseada ou rodeados de ríos.

3

vasca

Convulsión violenta do estómago que se produce cando se ten gana de vomitar

A palabra vasca pode significar tanto 'pertencente a Euskadi' coma 'náusea' pero, malia teren idéntica sonoridade o xentilicio e a ‘arcada’, son palabras homófonas que nada teñen que ver na súa orixe.

O substantivo feminino vasca 'convulsión' é o que vén a conto aquí, pois procede do céltico waska, co significado de 'opresión'. Esta opresión é a que se sente no peito ou no estómago e provoca o vómito. Debido á súa etimoloxía, a palabra está vinculada coas formas do galés gwâsg e do bretón gwask.

4

legua

Antiga medida de lonxitude que equivale aproximadamente a cinco quilómetros

Legua procede do celtolatino leuka ou leuga, á súa vez do celta laak ou leak, ao que se lle atribúe o significado de 'pedra'.

A medida foi moi usada na antigüidade como referencia para medir a lonxitude que se podía camiñar en só unha hora. Como se pasou desde a ‘pedra’ á ‘medida de lonxitude’ non é doado de imaxinar, se ben isto pode facernos lembrar un proceso semellante aínda que en sentido inverso: dos ‘mil pés’ que medía a milla romana chegouse a unha 'pedra', o miliario, o fito que marcaba o milleiro de pasos na marcha das tropas.

A legua usouse tamén noutras moitas linguas: lieue en francés (onde a homófona lieu significa 'lugar'), lega en italiano (onde tamén significa 'aliaxe' e 'liga') e league en inglés (outra vez tamén significa 'liga'). Da fertilidade desta palabra quedou constancia en coñecidas obras da tradición literaria oral ("As botas de sete leguas", popularizadas por Perrault) e escrita (as Vinte mil leguas de viaxe submarina, de Verne) e entrou mesmo na fraseoloxía na expresión verse ás leguas.

5

pico

Calquera cousa ou instrumento con forma de punta aguda

Pico é unha palabra polisémica mais, aínda que poida sorprender, todas as acepcións proceden do “obxecto de punta aguzada”. Se é para a “ferramenta”, debe o seu nome aos seus dous extremos; a “parte máis elevada”, á súa forma apuntada (por iso ninguén imaxina o punto máis alto do país, o pico de Pena Trevinca como unha meseta); o sentido do “e pico” usado na expresión numeral (“valía oitenta e pico euros”) procede de que as últimas unidades son a maiores, e "sobresaen" da cantidade básica. De todos estes significados derivan moitos substantivos, o verbo picar ou o adxectivo picante.

É probable que a orixe desta palabra sexa o celta bekku(s), de onde procede posiblemente tamén bico, que respecto a pico perde o significado de 'ferramenta' pero conserva os demais: gaña porén os de “boca das aves ou das persoas” e mais “mostra de afecto dada cos beizos”. De aí a bicar hai un paso, pero o significado tamén se estende a bical (“froita alongada”) ou bicudo (“peixe como unha raia pero co bico aguzado”).

6

seara

Campo sementado de trigo ou outros cereais

Un caso singular é a seara ou senra, cun significado que se estendería de 'campo a cereal' a 'o seu produto en gran', 'pago pola súa labranza' ou a 'outros tipos de campos'. Parece ben posible que se trate dun latinismo, procedente dun céltico senara, no que se unían o significado de ara, 'traballar as leiras' co de sen, 'á parte'. Este étimo evolucionou en dúas formas que se conservan na lingua de hoxe: unha é senra, perdendo a vogal, e a outra é seara, onde desaparece a nasal.

Aínda que agora é menos habitual na fala, debeu ser moi frecuente, pois deu lugar a topónimos en Vigo (a Seara, na Praza de América), Santiago (a Senra, na Alameda) ou A Coruña (a Senra, na estación de tren).

7

coto

Parte máis alta dun monte, que ten forma cónica

Á forma coto corresponden tres entradas no Dicionario, o que significa que se trata de tres palabras homónimas, coa mesma grafía pero con cadansúas acepcións e orixe, e só o coto ‘cume do monte’ está probado que sexa de xénese prerromana a partir de cottu ou cott, 'altura rochosa'.

Con ese significado deu numerosas formas para a toponimia, como por exemplo en Coto Redondo, Cotelo ou Coteliño. Coto está especialmente centrado no Noroeste ibérico e, xunto con outro trazo prerromano como é o sufixo átono –ara/-aro (como en Lóuzara e Gándara), formou Cótaro. Dada a existencia probada de Cotarelo, confírmase que -aro foi o primeiro sufixo en aplicarse e logo creouse o diminutivo romance en –elo (do mesmo xeito que no mencionado Coteliño, –iño é posterior a –elo).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir