Se dicimos dun cativo que é o cerraportelos que ninguén pense que estamos a facer cábalas sobre o seu futuro profesional porque apreciamos nel dotes especiais para ocuparse dos ferrollos. O portelo ao que fai alusión esta palabra motivada metaforicamente é un moi distinto do que se emprega para pechar os pasos dos valados.
En galego existen moitísimas variantes para lle chamar ao último dos fillos, o mesmo que para o primoxénito temos tamén distintos e curiosos nomes (vinculeiro, morgado, amellorado etc). Algunhas destas formas fan referencia ao feito de que ese neno chega con moitos anos de diferenza con seus irmáns maiores (serodio, redrollo). Outras están relacionadas co trato que recibe este fillo (mimiño, o dos mimos, gangos), o seu tamaño (tirizó, rastreiro, anano ou rapelo, xa que en tempos este último fillo padecía frecuentemente raquitismo) ou o valor que tradicionalmente representaba para a familia na comunidade (reboutallo, o dos raspallos, escorrallos, restebeiro). A variante cerraportelos (o mesmo ca cerracancelas, tapaburatos, tapacaneiro ou tapaportas) pode entenderse fundamentalmente de dúas maneiras: nun sentido máis físico, como metáfora da vaxina, isto é, o portelo por onde os nenos pasan ao mundo; e tamén, nunha interpretación máis social, coma o que dá por rematado o “ciclo produtivo” da familia, que xa ten máis ca asegurada a continuidade e non está no tempo de criar máis. Pechacancelas tamén se emprega para chamarlle a quen adoita ser o último ou a última en voltar dunha festa. Xa se sabe, o último que pase que peche a porta.