Hai libros que co paso dos anos acaban converténdose en clásicos da literatura universal. Neste grupo de obras selectas podemos incluír, sen unha miga de dúbida, A divina comedia de Dante Alighieri. No setecentos aniversario do seu pasamento queremos achegar o noso gran de area e celebralo como mellor sabemos: pescudando nas palabras e indagando tamén na pegada de Dante nas nosas propias letras!
O apelativo divina que acompaña o título -Dante chamouna só Comedia– semella que llo debemos ao escritor e humanista Giovanni Boccaccio coetáneo do poeta florentino, que nos seus traballos se refería a ela como tal. Non obstante, a importancia desta obra e a súa repercusión transcenderon máis alá do tempo no que foi publicada, principios do século XIV. Abonda con rastrexar minimamente nas diferentes artes para atoparmos múltiples referencias á obra de Dante, singularmente na literatura, onde os exemplos da súa influencia son máis numerosos. As letras galegas non quedaron libres do seu influxo, e será Curros, un dos grandes poetas da tríade do noso Rexurdimento, quen o reflectirá na súa obra O divino sainete. A estes versos satíricos do poeta celanovés xa nos referimos noutro setestrelo, Sete formas para un poema, no que se trata a sátira como xénero poético. No poema de Curros é o poeta Francisco Añón quen o guía na súa peregrinación a Roma, papel semellante ao que desempeña Virxilio na obra de Dante.
As citas e referencias bibliográficas deste setestrelo están escolmadas da tradución que o académico e escritor Darío Xohán Cabana fixo d’A divina comedia na súa edición de 2014.
Se alguén sente curiosidade, e ganas de aprender un pouco de italiano, tamén pode consultar a sección da web da Accademia della Crusca La parola di Dante fresca di giornata na que se escolle como palabra do día durante todo este 2021 algunha das voces que o poeta empregou nos seus libros.