Unha das facetas que cultivou de xeito excelente foi a tradución. Darío aseguraba que de toda a súa obra publicada do que máis orgulloso se sentía era das súas traducións. Como voraz lector desde moi neno, leu os textos de Verne e de Dumas. Recorda que a súa primeira lectura, iso si, en castelán, foi Os tres mosqueteiros. Sendo adulto comprendeu que as galegas e os galegos tiñamos o dereito a acceder ás literaturas doutras linguas desde a nosa e non desde unha interposta.
Por iso, a partir de 1984 comezou a dedicarse á tradución, principiou cos poetas clásicos, primeiro achegouse aos italianos Petrarca ou Dante. Fíxoo respectando de xeito rigoroso a métrica e a rima dos orixinais que fai máis dificultoso o traballo do tradutor e que xustifican plenamente que as versións galegas de Darío fosen premiadas. A Divina Comedia recibiu o Premio Otero Pedrayo en Galicia; e logo, o propio Concello de Florencia concedeulle a Medalla de Ouro pola calidade e fidelidade da súa versión, que moito gabou Giuseppe Tavani. Posteriormente resultou premiada a tradución Vida nova de Dante, co Ramón Cabanillas. Tamén traduciu poemas franceses e cataláns.
Ten dito que se el foi tradutor foi grazas a Xosé María Álvarez Blázquez que lle amosara libros estraños descoñecidos para el na súa editorial, Edicións Castrelos. Indica que del aprendeu a ter a virtude da pacencia, a propia dos eruditos e a necesaria para traducir textos universais con rigorosidade. Álvarez Blázquez mostroulle obras que o enfeitizaron tanto que creu que aquilo debía ser compartido na nosa lingua. Por iso, facía alarde das súas traducións, que as consideraba máis necesarias para a literatura galega que a obra propia.
A palabra tradutor, -a, que significa “persoa que fai traducións”, procede do latín traductor, -ōris 'o que fai pasar dun lugar a outro’. Próximo semanticamente está o vocábulo intérprete, que é a “persoa que traduce oralmente para outra as palabras que alguén di nunha lingua descoñecida para ela". Darío Xohán Cabana practicou a tradución directa, que se define como “aquela que é feita do idioma orixinal da obra á lingua materna do autor”. Outra colocación frecuente é tradución literal, a máis achegada ao orixinal, afastándose do texto só para evitar incorreccións na lingua á que se chega. A versión moderna e froito do avance informático é a tradución automática, aquela que se elabora grazas a un programa que verte o texto de orixe no seu equivalente noutra lingua dunha maneira automática. Mais, sen dúbida ningunha, non hai programa, nin algoritmo que poida substituír a persoa que traduce, e moito menos, a precisión e sutiliza que Darío outorgaba as súas versións.