Desde Galicia para o mundo

Estaba o galego errante, a representación de non darmos unha ao dereito, na xanela, mirando ao lonxe, ao pasado, e dicía:

– Ai, tempos aqueles! Aló algo antes dos séculos X e XI mandabamos na cuarta parte da península e a nosa era unha das linguas de cultura europeas. Logo –somos uns miñaxoias–, agardamos ver que pasaba coa creación do Condado Portucalense e despois fómonos metendo en leas, malas apostas e guerras ata perdermos os territorios do sur e máis tarde o propio reino. É dicir, de victoria en victoria…

Sexa como for, o certo é que ao tempo que os nosos veciños de alén Miño se independizaban, o que era a lingua galego-portuguesa comezou a ter máis trazos propios en cada zona, pero moito do léxico seguiu a ser común até hoxe en día.

Os portugueses saíron ao Mar Maior para descubriren e colonizaren medio mundo e con eles levaron o idioma do seu novo estado, o portugués, polo que moitas palabras galegas chegaron así a terras ben afastadas.

Cando lemos que Portugal bautizou lugares como Labrador, Barbados, o río Volta ou Formosa, ben podemos imaxinar a xente da Limia, de Cuntis ou de Neda chamándolle así a unha zona do seu territorio. O mesmo sucede cando din que do portugués viría o nome da técnica de cociña xaponesa "tempura" (de "temperar") ou moitas das denominacións de especies animais e vexetais. O normal, e con razón, é que nos soen a galego.

En fin, ben fora directamente ou por medio da lingua lusitana, voces de noso dinse na maioría dos idiomas do mundo. Exportamos palabras e temos que consideralo unha achega á cultura universal, feito do que podemos ter orgullo. Por iso, neste Setestrelo, repasamos sete termos comúns moi estendidos, que se cadra nos sorprenden ao descubrirmos que se orixinaron nas nosas latitudes.
 

1

carabela

Antiga embarcación a vela con tres mastros.

Aló no século XIII, os galegos e mais os  independizados portugueses utilizabamos diversas embarcacións para andar á pesca. Unha delas, unha pequena de vela latina, acabou tendo éxito como barco para travesías longas e os nosos veciños do sur empregárona nas súas primeiras viaxes. Mellorárona durante máis dun século e a fins do XV xa se convertera no navío que foi quen de atravesar o Atlántico.

 

Este barco, orixinalmente con fasquía de cesta, colleu o nome por similitude con esta forma. Carabela é un diminutivo do latino carabus ‘vasilla, cesto’, se ben este procede do grego kárabo, que literalmente pode traducirse por ‘escaravello’, polo parecido coas ás ríxidas do insecto.

 

Debido ao comercio marítimo, a palabra está testemuñada en portugués en 1286, mentres que en francés se usaba por 1433 e en inglés contra 1527.

 

A carabela foi o principal tipo de veleiros co que se acometeron as descubertas dos portugueses e mais dos españois, popularizándose o barco en toda Europa e chegando entre outros ao francés (caravelle), ao italiano (caravella), ao español (carabela) ou ao inglés (caravel).

 

Os usos dos equivalentes caravel e caravelle non quedaron no barco, senón que máis tarde se empregaron adoito para outros medios de transporte: un coche francés (Renault), unha furgoneta alemá (a típica VW dos hippies) ou o avión francés predecesor do Concorde.
 

2

ría

Val fluvial ocupado polo mar debido ao aumento de nivel deste, á erosión dos ríos ou aos movementos tectónicos.

Somos o país das rías, polo que é normal que o nome deste accidente xeográfico se empregase no resto do mundo cando tiveron que designar un val fluvial asolagado. Con todo, a piques estivo de quedar fiorde, de orixe nórdica, para chamarlle a calquera tipo de depresión inundada polo mar, e non só ás de orixe glaciar. Foron os alemáns os que comezaron a defender o uso de ría como termo diferenciado en Xeomorfoloxía e hoxe en día a nosa exportación léxica aplícaselles a lugares tan afastados como a ría de Huelva, a baía de San Francisco ou moitos esteiros dos antípodas, en Nova Zelandia.
 

Hai dúas posibilidades para a orixe da ría: podería vir de ripa (latino para "ribeira"), aínda que máis probable é que se formase como feminino de río (do latín rivus), igual ca moitos outros aumentativos en galego (como acontece no caso de carballo fronte a carballa).
 

A utilización internacional de ría comezou no XIX, englobando un concepto máis xeral: de feito, aínda hoxe se interpreta a palabra lato sensu para incluír os fiordes. O seu proceso de expansión foi máis lento ca noutras palabras: non chegou ao francés ata 1908.

3

cobra

Réptil sen patas da suborde dos ofidios, de corpo longo e cilíndrico e pel con escamas, do cal existen moitas especies de distintas cores e tamaños, algunhas das cales son velenosas.

Entre os animais de maior importancia etnográfica na nosa cosmovisión están as serpes. Tamén lles chamamos serpente, becha, bicha ou cobra. Esta última denominación procede do latín colubra, que evolucionou caendo o <l>, como en dolorem (dor) ou molinum (muíño). Cobra, e o seu sinónimo cóbrega, forman parte do grupo de palabras patrimoniais máis antigo, cando se fala de lingua galego-portuguesa.
 

Os portugueses en África ou no sur de Asia usárona para designar un grupo de especies, habitualmente con bandas, que ao sentírense atacadas erguen boa parte do corpo e anchean as costelas do pescozo para responder. O nome que lle puxeron foi cobra-capelo, é dicir, cobra de capelo (ou o que é o mesmo, de carapucha), pola concavidade que forma arredor da cabeza. A primeira parte da palabra, cobra, exportouse a outras linguas como o inglés ou o francés, mentres que a segunda adaptouse no caso do africáner (kapel).
 

Mentres que a palabra existe en galego e portugués desde o inicio dos tempos, en inglés non entrou ata 1802.
 

4

cebra

Mamífero da familia dos équidos do que existen diversas especies propias do sur de África, cun aspecto intermedio entre o cabalo e o asno, e o pelo branco tirando a amarelo, con listas pardas e negras ao través.

Xogando a etimoloxistas afeccionados, o normal é aventurar que o nome desa especie de cabalo ou asno de raias brancas e negras procede dalgunha lingua de África, pero o certo é que as cebras estiveron máis cerca nosa ca de calquera outro lugar da Terra.
 

Hai indicios de que o nome co que se coñecen en todo o mundo as tres especies africanas de Equus con raias foi o xeito co que os descubridores portugueses bautizaron os animais que atoparon ao baixaren ao continente situado ao noso sur. Parece atinado pensar que os lusos utilizasen algo que coñecían da súa terra, un cabalo ou burro con bandas, que xa Sarmiento en Disertación sobre el animal zebra remarcou que andara solto polos nosos montes na época prerromana, e que se chamaba precisamente cebra. Poderían confirmar isto vocablos semellantes para a choiva ou a neve con vento forte (a homónima cebra, cebrina ou cebrisca), que ao caeren do ceo serían precisamente os causantes de que aparecesen as raias.

A orixe do nome é escura, pero o máis probable é que proceda do latín equiferus (‘cabalo salvaxe’), a través dunha suposta forma vulgar eciferus,  ou ben do grego Zephyrus, por consideralas “fillas do vento”, o que lles daría a súa velocidade.
 

Dado que a colonización sistemática portuguesa de África foi posterior á de América, a palabra cebra espállase máis tarde ca carabela: aparece por primeira vez no galego-portugués de 1166 e non se documenta no francés e no inglés ata principios do século XVII.

5

marmelada

Doce feito con froita cocida con azucre ou mel, de consistencia pastosa.

Aínda que chegou aos oídos de todos a través da versión da canción de Labelle cantada por Nicole Kidman en Moulin Rouge, o tema Lady Marmalade afinca os seus sabores no grego, previo paso polo noso occidente ibérico.
 

Marmelada arribou ó inglés a través do francés, e os galos tomárono das nosas latitudes. A aplicación do sufixo é marca de produción propia, partindo da froita chamada marmelo, que a nós chegounos a través do latín desde o grego, onde xuntaron meli (‘mel’) e melon (‘mazá’ ou ‘froita esférica, en xeral’) .
 

Mentres que en portugués marmelada se utiliza só para o doce de consistencia dura, en galego distinguimos a compota pastosa feita co froito do marmeleiro (marmelo) e a branda de calquera froita (marmelada). Noutras linguas, o nome da árbore ou do froito derivan de Cydonia, a actual vila cretense de onde se importaban os mellores esqueixes, que lle quedou como nome botánico para a planta (Cydonia oblonga). Nos idiomas nos que se fai esta diferenza, usan o galeguismo para a compota branda e o nome vulgar para a de marmelo: en italiano (cotognata e marmellata), castelán (codoñate, membrillate ou ate/carne/dulce de membrillo e mermelada), francés (gelée/pâte de coing ou cotignac e marmelade), inglés (quince cheese e marmalade), alemán (quittenpaste e marmelade) ou polaco (marmolada).
 

6

caramelo

Lambetada de azucre fundido, de distintos aromas e sabores, que pode estar reenchido e ter formas variadas.

A orixe do nome, que inicialmente tiña o significado de ‘cocemento de azucre con auga’, pode estar en que a consistencia e determinadas aparencias desta preparación semellan ás do xeo, e de aí que se denominase cun sinónimo de candea, o xeo que se forma ao conxelárense as pingas que caen dun tellado ou similar.
 

Independentemente de como se expandise despois e do significado no que rematou derivando, na nosa lingua aparenta haber unha liña etimolóxica clara: caramelo vén da simplificación de carambelo, que á súa vez é diminutivo de carambo, todas en uso aínda e co mesmo significado de ‘estalactita de auga conxelada’.  
 

Documéntase en 1593 en portugués, foi ó francés non antes de 1601, e é en 1653 cando se usa por primeira vez en inglés.

7

fetiche

Obxecto, polo xeral unha estatua ou imaxe, que en moitos pobos primitivos ten un significado relixioso ou máxico.

Aínda que non o pareza, fetiche e facer son palabras emparentadas, estando entre delas  feitizo, do substantivo latino factitiu, derivado do verbo facere ‘facer’.
 

Cando a descuberta e colonización portuguesa de África, os nosos veciños utilizaron a palabra común feitiços para chamarlles aos amuletos nos que se concentran permanentemente forzas e poderes especiais para moitas das culturas do continente negro. Isto chegou posteriormente ao inglés, en 1610, como fetish, pero pasando antes polo francés fétiche. O termo popularizouse debido a un libro de antropoloxía de 1760, Le culte des dieux fétiches, e instalouse definitivamente grazas aos libros de Hegel e Freud, entre outros.
 

Tras varios séculos de paseo, a palabra volveu a nós totalmente cambiada e o termo fetiche serviu para denominar, en ambientes cultos, obxectos como figas, escritos con oracións, o codeso e o loureiro, os cairos de porco bravo e os allos, e non só os axóuxeres, figuras de vodú, reliquias de santos e obxectos de atracción erótica, mentres que feitizo continuou usándose, no ámbito máis popular, para meigallos, tangaraños e outras actividades onde non participe ningún obxecto físico.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir