Mulleres sabias da terra

Pola esquerda e de arriba a abaixo, Ángela Ruiz Robles, Aida Fernández Ríos, María Wonenburger, Jimena Fernández de la Vega, Antonia Ferrín, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño e Elisa Fernández de la Vega.

O acceso ao coñecemento foilles prohibido ás mulleres durante moitos séculos, e aínda así foron moitas as que desafiaron os atrancos do tempo que lles tocou vivir e foron quen de facer avanzar a ciencia. Mulleres sabias como a astrónoma Maria Cunitz (1610-1664), que determinou a posición dos planetas mediante cálculos e corrixiu os erros que cometera Kepler;  Ada Lovelace (1815-1852), que creou o primeiro algoritmo para ser interpretado por unha máquina, o que lle concedeu o título de primeira programadora do mundo; ou Ellen Swallow Richards (1842-1911), considerada a fundadora da ecoloxía e a enxeñaría ambiental e primeira muller que obtivo un título universitario no MIT, onde foi vetada durante un tempo como profesora porque non se admitían as mulleres nos laboratorios.

Hoxe a lei recoñece na nosa contorna a igualdade das mulleres e dos homes a todos os niveis, pero coma en moitos outros eidos no científico tamén hai fendas que perduran. A educación sexista segue a afastar as mozas das carreiras percibidas como máis tecnolóxicas, como é o caso da informática ou a enxeñería de telecomunicacións, e a discriminación laboral por motivos de xénero tamén deixa pegada neste eido, onde a promoción profesional feminina bate tamén contra o teito de cristal. Co obxectivo de combater estas eivas, a ONU proclamou o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha celebración á que o Portal das Palabras se suma lembrando a pioneiras vinculadas a Galicia, dignas da admiración colectiva e fonte de inspiración para as científicas do futuro.

 

1

médica

Persoa que rematou a carreira de medicina e obtivo o título correspondente

Jimena e Elisa Fernández de la Vega

As xemelgas Fernández de la Vega, naturais de Vegadeo, foron as primeiras mulleres que se licenciaron pola Universidade de Santiago de Compostela (daquela a única que había en Galicia) como médicas. Cando ingresaron na Facultade de Medicina, no curso 1913-1914, só pasaran tres anos da aprobación de decreto estatal que permitiu que as mulleres españolas estudasen unha carreira sen contaren cun permiso especial. O camiño non foi doado. Foron unhas estudantes excepcionais, pero isto non as librou de sufriren o machismo da época por parte do profesorado e do alumnado. Algún docente houbo que non as quería na clase de anatomía para que non visen homes espidos! As dúas continuaron a súa formación doutorándose na Universidade Central de Madrid. Elisa especializouse como pediatra e Jimena, como xenetista, campo no que desenvolveu unha frutífera carreira investigadora, con diversas estadías no estranxeiro, que se veu truncada co estoupido da guerra civil. Na contenda exerceu como médica en Santiago de Compostela e posteriormente aprobou as oposicións para traballar tamén como doutora no balneario de Guitiriz, pero seguiu a publicar estudos tanto de xenética como de hidroloxía.

Hoxe estas dúas doutoras non estarían en absoluto soas na Facultade de Medicina de Santiago. Cunha nota de acceso das máis altas do país, as aulas énchense de futuras médicas, o 67% das persoas que estudan na actualidade esta carreira en Galicia.

A denominación médico, -a designa ao profesional que practica a medicina, “ciencia que ten por obxecto curar e previr as enfermidades”. Ambos os dous termos son cultismos. A profesión procede do latín medicus ‘médico ou cirurxián’, que derivaba do verbo mederi ‘coidar’, mentres que a disciplina chega desde o equivalente latino medicina ‘arte de curar’. Variantes patrimoniais desde o mesmo étimo son menciña, “substancia preparada para curar algunha doenza ou enfermidade” e “aquilo que serve para aliviar unha pena ou un mal calquera”; tamén menciñar,“administrarlle a unha persoa ou animal menciñas”; e por suposto menciñeiro, -a, “persoa que se dedica a curar a xente ou o gando, sen ser nin médico nin veterinario”.

Un sinónimo de médica é doutora, que chegaría desde o latín doctor ‘mestre ou preceptor’. De aí que a palabra teña unha acepción máis: “persoa que posúe o máis alto grao académico nunha determinada materia”, que se relaciona directamente coa significación clásica de docente. Cando a medicina non é ben exercida ao mal profesional chámase coloquialmente matasáns ou curandeiro, -a.

2

xinecóloga

Médica especialista en xinecoloxía

Olimpia Valencia

Olimpia Valencia (Baltar, Ourense, 1898 – Vigo, 1987) foi a primeira xinecóloga galega. Igual que Jimena e Elisa Fernández de la Vega, estudou Medicina en Santiago cunhas notas espectaculares e tamén se doutorou en Madrid, cando non era posible facelo en Compostela. En 1928 abriu consulta en Vigo, a primeira dunha muller en Galicia, anunciada cunha placa que dicía especialista en enfermedades de la mujer. A doutora Valencia quería dedicarse á pneumoloxía, pero fíxose xinecóloga polas presións familiares e dos seus docentes, que consideraban pouco adecuado que tratase a homes e que crían que debía dedicarse a aspectos relacionados coa maternidade. Fóra da consulta, Olimpia Valencia foi tamén unha muller activa, no profesional, no social e no político. Foi cofundadora da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo (1930), da que chegou a ser vicepresidenta, e en 1936 manifestouse publicamente a favor do si no plebiscito do Estatuto de Galicia. En 1937 chegou a ser arrestada pola súa posición galeguista e, como consecuencia da súa actitude crítica coa ditadura, nos anos seguintes moitas persoas deixaron de recorrer a ela como médica.

Temos unha serie de termos que teñen unha raíz común, xineco-, que procede da grega gynaiko- que significaba ‘muller’. No caso particular da denominación referida á persoa que exerce unha das especialidades médicas estamos ante unha formación neolóxica que remite á raíz grega, pero que chega ao idioma desde a denominación equivalente francesa gynécologue no século XIX. Do mencionado lexema tamén deriva xinecoloxía,“rama da medicina que ten por obxecto o estudo e tratamento das enfermidades do aparato xenital feminino”, onde se bota man da terminación clásica –loxía, coa se forman substantivos abstractos que indican ciencia, estudo ou tratado. Dentro deste ámbito médico a parte da disciplina que estuda a xestación, parto e o puerperio dos humanos é a obstetricia; nesta ocasión batemos cun cultismo latino obstetricia, ‘función de matrona’.

Cando a embarazada non tiña acceso á medicina profesionalizada, daquela ás casas acudían mulleres sen titulación pero con experiencia abonda denominadas as parteiras, derivado indicador de oficio ou profesión creado sobre parto; ou as comadroas, termo que remite ao latín da igrexa commater, ‘muller que actuaba como unha segunda nai’. Fenáreta, nai de Sócrates, foi unha delas. Practicaba a maiéutica, maieutikê, que en orixe é a ‘ciência ou arte do parto', pero que chegou ata hoxe co novo significado que lle asignou o filósofo: método que “consiste en facerlle descubrir ao discípulo, por si mesmo, as verdades que posúe sen sabelo”.

O Dicionario recolle ademais termos como xinecocracia, o goberno das mulleres; xinecomastia e mesmo xineceo, arcaísmo que remite á estancia na casa da Grecia antiga reservada ás mulleres.

3

inventora

Persoa que inventa ou inventou algo

Ángela Ruiz Robles

Ángela Ruiz Robles (Villamanín, León, 1895 – Ferrol, 1975) foi a creadora de diversos libros mecánicos considerados precursores dos actuais libros electrónicos. Nada en León, estableceuse en Ferrol aos 23 anos como mestra, unha profesión que exerceu tomando como fonte de inspiración os novos métodos pedagóxicos que se afastaban do ensino memorístico e ríxido da época. Sempre á procura de facilitar a aprendizaxe dos nenos e nenas, publicou distintas obras centradas na lingua ou a relación desta coa xeografía, pero se hoxe falamos aquí dela é polos seus libros mecánicos. En 1949 rexistrou a primeira patente do procedemento "mecánico, eléctrico e a presión de aire para a lectura de libros" que deseñara, e que foi perfeccionando até tomar a forma da Enciclopedia Mecánica.

Con este trebello, rexistrado en 1962, colleitou éxitos en distintas feiras de inventos internacionais, e non era para menos. Ángela Ruiz Robles introduciu nel conceptos presentes hoxe na comunicación dixital como o de hipertexto e apostou, igual que sucede coas tableta ou cos libros electrónicos, por unha ferramenta facilmente transportable e válida para distintos contidos. Con todo, hai unha gran diferenza entre a Enciclopedia Mecánica da nosa inventora e os actuais dispositivos intelixentes. Estes últimos son electrónicos e a primeiro, como o seu nome indica, basea o seu funcionamento na mecánica.

Lingüisticamente, inventora ou inventor é un vocábulo culto que deriva do substantivo latino inventor, que significaba ‘autor’, ‘descubridor’ ou ‘inventor’ que, á súa vez, garda relación co verbo invenire ‘achar’. A denominación é común ás linguas próximas dado que no portugués, castelán e mesmo inglés atopamos inventor; en francés, inventeur e en italiano, inventore. Do mesmo étimo provén invención e inventar e da mesma familia léxica encontramos invento e inventivo. Destes dous vocábulos pódese indicar que se lle outorga como significado figurado o de engano (para o primeiro) e o de imaxinativo ou fabulador (para o segundo).

Por outra banda, cómpre falarmos de mecánica, “ciencia que ten por obxecto o estudo do movemento, as súas aplicacións, a maneira como se produce, as súas propiedades etc.”. É froito de acurtar a locución latina mechanica ars, que facía referencia á ‘arte de construír unha máquina’, pero que, á súa vez, remite ao grego mechaniké, ‘invención enxeñosa’ ou ‘máquina’. Ademais da ciencia que estuda o movemento, tamén designa a de construír e arranxar máquinas e, por extensión, temos a profesión de mecánica ou mecánico, a persoa que se dedica á reparación de máquinas, en particular as de coches, barcos, avións etc.

4

astrónoma

Persoa que se dedica á astronomía

Antonia Ferrín Moreiras

Antonia Ferrín Moreiras (Ourense, 1914 – Santiago, 2009) foi a primeira muller investigadora en astronomía na Universidade de Santiago de Compostela e tamén a primeira en formar parte do cadro docente da Sección de Matemáticas desta institución. Durante as case dúas décadas que foi profesora no campus galego, acudiu cada tarde ao seu observatorio astronómico para facer observacións micrométricas de estrelas dobres e doutros fenómenos.

A nosa astrónoma licenciouse en 1934 en Ciencias Químicas. Axiña comezou a dar clases na universidade como axudante de prácticas de física e matemáticas, pero sen cobran un can, así que tamén ensinaba nas aulas de bacharelato cun soldo de 150 pesetas. Mentres seguía a estudar: Farmacia e os dous únicos cursos de Ciencias Exactas que daquela se impartían en Galicia. Coa guerra civil cesou a vida universitaria e unha denuncia anónima provocou que fose sancionada por motivos políticos no ensino secundario, aínda que puido seguir dando clases nun colexio. Nos anos 40 puido volver á universidade e formarse como astrónoma. E como tal doutorouse na década seguinte coa primeira tese defendida na acabada de nacer licenciatura de Matemáticas da USC. O traballo de doutoramento de Antonia Ferrín baseouse en observacións de pasos de estrelas por dúas verticais. O estudo publicouse en Urania, revista na que viron tamén a luz as súas análises sobre observacións meridianas e no primeiro vertical. En varios artigos do seu mestre, Ramón María Aller, tamén se dá conta de que foi ela quen fixo as observacións e os cálculos correspondentes, achegas todas elas que a acreditan como unha astrónoma pioneira na nosa terra.

A palabra astrónoma chega ao galego desde o latín tardío astronomus que bebe no grego astronómos. Xa daquela era unha formación ao redor da raíz ástron ‘astro’ ou ‘constelación’ que se opoñía a áster ‘estrela’. Ambas as dúas teñen unha presenza significativa na linguaxe científica e culta actual. Do primeiro elemento temos astronomía, astronauta ou astrolabio, pero a súa introdución no idioma é diversa. Crese que a designación da ciencia é unha formación latina astronomia que remite a astro, pero que se relaciona co francés astrenomie. O astrolabio é un instrumento que mide a altura dos astros, palabra formada no latín medieval astrolabium e, en cambio, astronauta é unha formación do século XX, ‘ viaxeiro, -a do espazo’, popularizada nos anos 60 polo programa espacial do USA. Do segundo elemento de formación descubrimos: asteroide, “corpo celeste de características rochosas”; asteria, “imaxe en forma de estrela”; asterismo, “figura que forma un conxunto de estrelas”, e asterisco, “signo tipográfico en forma de estrela (*)”. Aínda que algunhas das palabras vistas teñen orixe clásica, grecolatina, non deixa de ser certo que ambas as raíces se converteron en formantes da terminoloxía científica do século XIX en diante e en creadoras de neoloxismos.

5

oceanógrafa

Especialista en oceanografía

Ángeles Alvariño

Ángeles Alvariño (Ferrol, 1916 – La Jolla, California 2005) foi unha grande investigadora da riqueza biolóxica dos océanos. Pioneira na súa especialidade, descubriu vinte e dúas especies de zooplancto e foi unha auténtica autoridade mundial no estudo de tres grupos de organismos do mar: os quetógnatos, os sifonóforos e as hidromedusas.

Dise dela que foi a primeira científica a bordo dos buques de exploración británicos, unha experiencia tras a cal volveu á súa terra para traballar na sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía. Pero naqueles tempos, cansa da falta de oportunidades para investigar en España, decidiu marchar aos Estados Unidos. Alí desenvolveu unha frutífera carreira, aínda que non se librou de atrancos por ser muller. En 1977 chegou a formular unha denuncia ante a administración do presidente Jimmy Carter da discriminación por motivos de xénero que sufría no laboratorio onde traballaba, segundo desvelou unha recente investigación do seu arquivo persoal. A paixón de Ángeles Alvariño eran os océanos polo que hoxe navega un buque de investigación que leva o seu nome.

Tanto a denominación da persoa especialista en oceanografía como o propio estudo das profundidades mariñas créase sobre a base léxica océano. Os antigos pensaban que este termo de orixe latina oceanus, pero que remite ao grego Okeanos, era un gran río que rodeaba toda a terra coñecida, en oposición ao Mediterraneus, que sería o mar que estaba no centro das terras coñecidas, África e Eurasia. Crese que pode ser un epónimo tomado do nome dun dos titáns da mitoloxía grega, Ώκεανός, fillo de Urano e Gaia, deus das augas correntes e regulador do nacer e o ocaso dos corpos celestes. Sobre esta palabra fórmase oceanógrafa, onde a terminación –grafa/o e tamén –grafía ‘escrita’ produce derivados coa noción de ‘persoa que escribe ou describe sobre algo’. Neste caso é a persoa que describe e divulga coñecementos do océano, como a xeógrafa, -o é a que describe a terra.

6

alxebrista

Persoa versada en álxebra

María Wonenburger

María Wonenburger Planells (Montrove, Oleiros, 1927 – A Coruña, 2014) foi a primeira matemática española que acadou unha das prestixiosas bolsas Fullbright. O goberno dos Estados Unidos concedeulla en 1953 para facer a tese na Universidade de Yale e en diante a súa carreira transcorreu en Norteamérica, apenas cun lapso de tres anos en España, onde a pesar do seu talento nada tiña asegurado. María Wonenburger foi unha grande experta nas álxebras de Clifford e na teoría dos grupos clásicos, e tamén mestra de figuras de prestixio das matemáticas contemporáneas.

A pequena María Wonenburger medrou nun fogar especial para a época. O seu pai tiña unha fundición na Coruña e quería que estudase enxeñaría para continuar co negocio, pero a ela gustábanlle tanto as matemáticas que chegaron ao acordo de que primeiro cursaría a súa carreira favorita e despois a desexada pola familia. A segunda parte do pacto non chegou a cumprirse. Axiña destacou como alumna de Matemáticas na Universidade Central de Madrid e o seu talento fixo que o profesorado lle aconsellase marchar ao estranxeiro nun momento certamente gris para a ciencia peninsular. En Yale fixo a tese xunto ao matemático que deu o seu nome ao radical de Jacobson. Máis adiante pasou a ser a única profesora da universidade canadense de Ontario. A última etapa da súa carreira desenvolveuse na Universidade de Indiana, antes de regresar á Coruña en 1983 para coidar da súa nai enferma. Hoxe o nome de María Wonenburger é tamén o dos premios que concede o goberno galego para distinguir mulleres pioneiras nos campos científicos nos que traballan, igual que o foi ela na álxebra.

A palabra alxebrista é unha creación onde a base é álxebra, a “rama das matemáticas que estuda a cantidade en xeral, as súas estruturas, relacións, operacións etc., utilizando letras ou signos en lugar de números”. Este termo entra desde o latín medieval algebra, mais procede do árabe al djar, palabra que forma parte do título dun tratado de Abu Ja'far Muhammad ibn Musa al-Khwarizmi: al-mukhtasar fi hisab al-jabr wa al-muqabala, onde se explica a redución de fraccións a números enteiros. Ademais temos un sufixo derivativo –ista, que se emprega para formar substantivos que indican ‘o que un fai ou constrúe’, pero tamén suxiren ‘que se adhire a unha doutrina’. Localízase a súa etimoloxía no grego –istes e así son construcións semellantes á alxebrista ceramista, alquimista ou pianista.

A álxebra é unha parte das matemáticas, palabra esta última que nace da frase latina mathematica ars ‘matemática ou astroloxía’ que, á súa vez, bebe do feminino grego mathematiké. A especialista sería a matemática, que xa significaba o mesmo no latín mathematicus e que bebe no grego mathematikós ‘estudoso’, onde máthema é a raíz de todo, ‘coñecemento’.

7

climatoloxía

Ciencia que estuda os diferentes climas da Terra e as súas manifestacións

Aida Fernández Ríos

A de Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015) non foi unha traxectoria científica convencional, pero non lle impediu chegar a ser unha grande experta nos sistemas do carbono na auga de mar e na importancia dos océanos na captación do CO2 atmosférico, unha liña de enorme interese dentro das investigacións relacionadas co cambio climático. Empezou a traballar como auxiliar no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e o que alí se facía gustoulle tanto que decidiu estudar primeiro bacharelato e despois a carreira de Bioloxía. E non perdeu o tempo! Xa como científica, participou en moreas de campañas oceanográficas, chegou a dirixir o mesmo centro onde descubriu a súa paixón e foi a terceira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias. Un atropelo acabou prematuramente en 2015 coa súa vida, pero no seu instituto non esquecen a esta muller vital e amante do seu traballo asociado á climatoloxía.

O vocábulo clima refírese ao “conxunto das condicións atmosféricas, humidade, nubes, vento, chuvia, temperatura etc., que caracterizan un lugar, rexión ou país”. O termo chega a nós desde o seu equivalente francés climat, 'rexión da terra', inda que se supón que bebe do latín tardío clima, ‘rexión na que se dividía a terra segundo a proximidade ou non ao Polo’ e que remite, en última instancia, ao grego klíma, onde era ‘inclinación’.

A ciencia que estuda o clima é a climatoloxía, palabra formada co sufixo que designa as ciencias e o estudo –loxía. Ao par temos unha palabra como meteoroloxía, o estudo dos fenómenos que suceden na atmosfera, e tamén meteoróloga, -o, a persoa especialista. Pero ollo, porque non son sinónimos: cando falamos do meteorolóxico referímonos á concreción do estado da atmosfera nun momento concreto. Quizais por iso, e sen dúbida pola súa presenza nos medios de comunicación acotío, temos unha denominación popular que é as mulleres e os homes do tempo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir