Entre andeis

Johannes Gutenberg (c. 1400-1488) revolucionou o mundo da comunicación da súa época cun invento que se mantén con forza nos nosos días: o prelo de tipos móbiles. Consistía o invento do teutón na elaboración dun sistema de pezas de metal nas que se reproducían as letras do alfabeto e outros signos da escrita. Estes elementos de aliaxe metálica chámanse tipos, e o grande achado do alemán foi facelos móbiles, de xeito que cun determinado número deles compoñíase unha páxina que logo se imprimía sobre papel utilizando unha prensa, chamada, tamén, para algúns outros usos: tórculo.

Hoxe a produción editorial é unha das industrias culturais máis poderosas do mundo e o papel o seu principal soporte. Aínda que o libro dixital ou libro electrónico é unha tecnoloxía en ascenso e cun repertorio maior de títulos para ler nas pantallas, o papel segue sendo o soporte maioritario da edición, e o libro o principal símbolo da cultura e do coñecemento.

Historicamente identificamos o libro coa cultura e a memoria histórica, coa sabedoría e mesmo co poder simbólico. As relixións monoteístas son as relixións do libro, tamén chamadas “relixións da palabra revelada”: xudía, cristiá e musulmá. As grandes bibliotecas históricas foron grandes depósitos do poder e do coñecemento. En Galicia, o libro ten dúas festas principais: o 23 de abril, Día Internacional do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Sumémoslle o día das librarías, tamén, 13 de novembro.

1

libro

Conxunto de follas escritas ou impresas, cosidas ou pegadas entre si e encadernadas.

O libro identifícase coa obra impresa, científica, literaria ou sobre outras materias. Hai moitas clases de libros, segundo os contidos, utilidade e natureza (libros de texto, libros de estilo, libros de familia, libros de reclamacións…). A industria editorial é a que atende ás empresas e ás artes de produción, fabricación e comercialización dos libros. Deste substantivo podemos derivar: libreto (que se refire principalmente ao texto para cantar nunha composición musical), libelo (publicación breve, as máis das veces de carácter infamante), librería (lugar onde se expoñen, almacenan ou venden libros; tamén pode referirse a un moble onde se gardan os libros), libreiro, -a (empregado, -a ou responsable dun establecemento comercial de librería) etc. Unha curiosidade é a aparición doutras acepcións non referidas nin á lectura nin ás obras impresas: o libro como parte do estómago dos animais ruminantes, por exemplo.

Etimoloxicamente procede do vocábulo do latín liber que, orixinariamente, se refería á capa interna da codia ou cortiza das árbores, da que se tiraba o material utilizado como soporte da escritura. Dende mediados do século XIX a madeira das árbores volveu ser a materia prima principal para a elaboración do libro. Aínda hoxe a maior parte do papel procede da pasta de madeira. A celulosa, unha substancia abundante nesta materia prima e a responsable da cohesión do papel. Hai autores que consideran que en indoeuropeo, a familia lingüística da que procede o latín, puido existir o termo *leub-ro, co significado de ‘folla’ ou ‘cortiza’.

2

biblioteca

Conxunto ordenado dun número elevado de libros particulares ou destinados á lectura do público.

Máis alá de ser un conxunto ordenado dun número elevado de libros particulares ou destinados á lectura do público, a biblioteca pode ser a peza dunha casa ou dun edificio destinado a gardar os libros para poder lelos (non exactamente coma un almacén), ou o moble onde se colocan os libros. Os libros gárdanse, almacénanse, ordénanse e clasifícanse nas bibliotecas.

Na antigüidade existiron grandes bibliotecas que se consideraron auténticos depósitos da sabedoría, como a Biblioteca de Alexandría (Exipto), que se fundou no século III a C e chegou ter máis de 700 mil volumes; ou a Biblioteca da cidade de Pérgamo, en Asia Menor, considerada un dos maiores centros da cultura helenística do mundo antigo e que gardou os manuscritos de Aristóteles. As primeiras bibliotecas para uso público creáronse na antiga Roma. Daquela o soporte principal das obras escritas era o papiro, sobre todo, en Alexandría; o pergamiño (pel de vitela ou cabra alisada e tratada dun xeito especial para poder escribir nela) comezou a utilizarse e exportarse dende a cidade de Pérgamo ao resto do mundo coñecido fomentando a difusión do saber. O papel é un material que procede da China e entrou na Idade Media en Occidente a través dos árabes.

Hoxe xa non só se fala de bibliotecas, senón tamén de hemerotecas (onde se gardan as publicacións periódicas) e mesmo de mediatecas, nas que se ordenan e conservan para uso público distintos soportes da comunicación (vídeos, casetes, discos, etc.). Existen bibliotecas públicas e bibliotecas privadas. E mesmo as especializadas: escolares, infantís, científicas, de arte, para cegos etc. Etimoloxicamente a palabra entre no idioma a través do latín bibliotheca que tiña unha significación semellante á actual: ‘colección de libros’ ou ‘cuarto para os libros’, mais procede do termo grego biblioteke, palabra composta de biblio, que significa ‘libro’ e teke, ‘caixa’. Literalmente a palabra significaría, pois, ‘caixa de libros’ ou ‘depósito’ onde se gardan os libros.

3

códice

Libro manuscrito en pergamiño no que se recollen obras antigas de importancia histórica ou literaria.

O códice é un libro onde se recollen manuscritos xeralmente da antigüidade clásica ou da Idade Media. Na cultura galega é célebre o Códice Calixtino, composto por cinco libros (neste caso, é o mesmo que dicir que está dividido en cinco partes) redactado inicialmente en latín (século XII) e traducido despois ao galego medieval. O Codex Calixtinus, tamén coñecido como Liber Sancti Jacobi, foi redactado nos tempos do arcebispo Diego Xelmírez, e chámase así porque se atribúe ao papa Calixto II. Segundo a tradición foi o pontífice romano quen escribiu ou mandou escribir o libro, onde se fala dos moitos méritos do apóstolo Santiago e das peregrinacións a Compostela, un dos grandes fitos políticos e relixiosos da época.

Algúns autores consideran que, en realidade, o códice é todo libro manuscrito anterior á invención da imprenta de tipos móbiles (a que enxeñou Gutemberg), aínda que isto non semella moi exacto. Posto que despois da invención da imprenta durante bastante tempo seguiron existindo os scriptorium, que eran os establecementos onde se copiaban libros, principalmente nos mosteiros e nas universidades. Os encargados deste traballo chamábanse copistas.

Etimoloxicamente a palabra códice procede da palabra latina codex, -icis que significaba ‘táboa na que se escribía’, posteriormente no latín medieval acabou adoptando o significado de ‘código de leis’, mais remite a un primeiro termo caudex, que significaba entre outras cousas: ‘tronco da árbore’ do que sacaba o material das táboas para escribir. Neste aspecto a palabra códice ten unha orixe moi semellante á palabra libro referidas ambas as dúas ao material que servía de soporte á escritura.

4

capitular

Letra, carácter maiúsculo adornado e coloreado co que comeza un capítulo, un artigo etc.

O termo capitular ten diversas acepcións. Pero ímonos ocupar da acepción que se refire á primeira letra que inaugura un capítulo no texto (manuscrito ou impreso). Esa letra vai salientada cunha tipografía diferente, normalmente de maior tamaño que o conxunto, nalgúns casos deseñada ou ilustrada dun xeito especial. Xa no Códice calixtinus podemos atopar exemplos destas ilustracións, xa que nunha das letras capitulares do Códice se representa ao propio Papa de Roma sentado no seu escritorio redactando ou repasando o Liber Sancti Jacobi. Tamén Castelao deseñou letras capitulares ilustradas para moitos dos seus libros, igual que moitos outros artistas gráficos.

As artes gráficas son as artes da impresión e o traballo de deseño e elaboración do libro. A tipografía é a técnica dos tipos móbiles cos que se constrúe o texto para a súa impresión. Na actualidade as tecnoloxías dixitais permiten unha ampla variedade de fontes tipográficas, para elixir o deseño ou redacción dos textos, e os novos procesos de impresión apenas utilizan xa os tipos móbiles á maneira de Gutenberg. Unicamente nos textos de bibliofilia (arte ou afección polos libros antigos) ou en edicións artísticas moi coidadas utilizamos as técnicas tradicionais da impresión.

Sempre referíndonos á edición ou organización dos libros, os capítulos son as distintas partes nas que se organiza un texto. De aí deriva o termo explicado: letra capitular, a primeira letra dun capítulo. A súa orixe etimolóxica encontrámola no latín medieval capitulum que significaba ‘capítulo’ ou ‘asemblea de monxes’. Porén, tanto capítulo como capitular, en última instancia remite ao termo clásico caput, -itis, ‘cabeza’ ou ‘parte superior’.

5

incunable

Obra impresa desde a invención da imprenta ata principios do século XVI.

Estamos ante unha palabra culta, como moitas outras que se refiren ao mundo da edición, que identifica aquelas publicacións impresas, coa tecnoloxía Gutenberg, anteriores ao ano 1501 ou 1510, máis concretamente, entre 1450 e a primeira década do século XVI. Non se pode falar de incunables referíndonos a libros moi antigos pero posteriores as datas que sinalamos. O primeiro incunable coñecido é a Biblia de Gutenberg, tamén chamada das 42 liñas. O primeiro incunable galego que conservamos é o Misal Auriense (1494), impreso na vila de Monterrei. Na historia do libro galego temos identificados, polo menos, seis incunables, libros impresos anteriores ao ano 1500. Cinco deles en latín e un en castelán, todos de carácter relixioso. A vila de Monterrei, sede dos condes de Zúñiga naqueles anos, foi un dos primeiros centros da imprenta en Galicia, xunto con Ourense e Mondoñedo.

A palabra procede do latín incunabula, que significaba ‘cueiro’ e, por extensión, ‘berce’ ou ‘comezo’, ‘nenez’, daquela a palabra resultante refírese ao feito de seren libros impresos nos primeiros anos da existencia da nova tecnoloxía da impresión. Naquel tempo os impresores movíanse dun lugar a outro, contratados por obra nos mosteiros, nas catedrais ou nas casas nobres, traballando por encarga para imprimir os libros deixando unha marca propia e cunha tecnoloxía que estaba aínda en cueiros.

6

prelo

Máquina usada en tipografía para imprimir textos.

Este aparello, o prelo, tamén é coñecido como prensa ou imprenta. A máquina está historicamente inspirada nas antigas prensas do viño, e nas que se utilizaban para imprimir gravados antes da invención dos tipos móbiles. Aínda que, na actualidade, a palabra prelo empregámola exclusivamente para a impresión tipográfica. De aí que na fraseoloxía non cheguemos a dicir *unha conferencia de prelo para designar a reunión con xornalistas para informar dalgún acontecemento; dicimos unha conferencia de prensa. Nin *as uvas van ao prelo senón que as uvas van á prensa para facer o viño. Só os libros e os documentos impresos saen do prelo; e de aí que digamos Os libros veñen quentiños do prelo, cando queremos comentar a saída recente de novos exemplares dunha obra literaria ou doutro tipo. E cando están pendente de ver a luz, pero aínda é un inédito dise que un documento está no prelo.

O vocábulo co que estamos a traballar procede do termo latino prelum que significaba ‘prensa’. O prelo tamén pode ser un tórculo, palabra tamén de orixe latina torculum: ‘máquina de espremer’, aínda que, nestes casos, se utiliza para definir a máquina de estampar gravados, imprimir ou cuñar moeda. Os artistas gráficos utilizan o tórculo para gravados de arte ou carteis preferentemente. Na actualidade, os xornais (publicacións periódicas) imprímense en rotativa, máquina que permite unha reprodución moi rápida de exemplares a partir dun sistema de cilindros que se moven a gran velocidade. O nome é o feminino substantivado do adxectivo rotativo, “que ten movemento circular” que chega a nós desde o verbo rotare ‘facer xirar’.

7

gralla

Erro tipográfico nun texto escrito.

Non hai libros sen grallas. Quérese dicir que, por moito coidado que se poña, por moita atención e esmero que os editores e os correctores dediquen á elaboración do texto, sempre hai un descoido, un erro involuntario, un fallo na composición, na dixitalización do orixinal, na disposición das letras ou as palabras que alteran a obra impresa. Chámanse grallas aos erros tipográficos, non intencionados, nun texto escrito. Tamén dicimos erratas, cultismo procedente do latín errata, ‘cousa errada’.

Cando os editores consideran que as grallas ou erratas son importantes ou alteran a significación ou sentido dun texto pode incluírse, no final do mesmo, unha folla ou engadido que chamamos fe de erratas: “listaxe dos erros atopados nun libro, que se inclúen no mesmo xunto coa indicación da corrección necesaria”, que emprega para clarificar os erros. Pero neste caso non podemos dicir *fe de grallas.

No dicionario da RAG a primeira acepción da palabra gralla identifica un paxaro da familia dos córvidos, xeralmente de cor negra, que nalgúns outros lugares de Galicia chamamos choia. A palabra entrou nas artes tipográficas da man do portugués, onde gralha, ademais do paxaro, significa “cousa estraña” ou mesmo persoa que rouba cousas. Neste caso refírese a algo que se introduce no texto por erro e altera o equilibrio ou a significación do orixinal. “Este libro está inzado de grallas!”. Tanto a denominación da ave como o erro remite, en última instancia, ao vocábulo latino tardío: gracula, feminino de graculus, -i, ‘gaio’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir