Que vive ou se atopa nunha situación de coita ou desgraza, vítima da sorte adversa // Que ten pouca iniciativa ou forza de ánimo.
“¿Qué tenía aquel señorito, malpocado? ¿Qué le pasaba, que ni andar podía, sino sostenido por otros?” (Emilia Pardo Bazán: La Quimera, 1905)
Emilia Pardo Bazán, sempre á vangarda, deixa entrever trazos das novas correntes estéticas emerxentes nos seus derradeiros documentos. En La quimera, novela que se publicou inicialmente nas páxinas de "La Lectura. Revista de Ciencias y de Artes" entre 1903 e 1905, incorpóranse pinceladas das tendencias que estaban a xurdir e que pretendían profundar na psicoloxía dos personaxes e o refinamento dos ambientes. Nesta novela achamos, unha vez máis, a galeguidade que estamos a amosar neste setestrelo. Vese, por unha banda, na antroponimia dun dos personaxes, Minia Dumbría. Minia é un nome de orixe xermánica, recoñecido en Galicia grazas ao santuario católico dedicado á mártir-nena, localizado en Brión (A Coruña); e Dumbría é un concello coruñés que naquel momento saltara á fama polo matrimonio de Elisa e Marcela. Detrás de Silvio Lago parece estar un pintor galego, Joaquín Vaamonde Cornide, que amadriña a propia Pardo Bazán, e o escenario do texto é o pazo da Alborada, que resulta ser Meirás.
A autora fai nesta obra unha descrición exhaustiva da psicoloxía do protagonista. Preséntao como vítima do desexo de acadar a fama dos grandes artistas e dunha enfermidade mental, a neurose. Daquela busca adxectivos do ámbito das emocións como é o cualificativo malpocado, -a que “vive ou se atopa nunha situación de coita ou desgraza, vítima da sorte adversa”.
O pintor que lle serve de inspiración pertencía á xeración Doente ou Dorida, integrada por unha serie de creadores galegos moi prometedores que falecen prematuramente vítimas da tuberculose. Este adxectivo emprégase, nesta acepción, con valor interxectivo, para expresar a compaixón ou a mágoa de alguén, como podemos ver na cita coa que nos acompañamos. A etimoloxía do vocábulo fainos ir á expresión mal-pecado! que significaba ‘infelizmente’. Esta xa a podemos localizar nas cantigas do século XIII, e viuse alterada foneticamente na lingua galega dando o actual malpocado, -a co significado de ‘coitado, -a’, rexistrado xa no dicionario de Valladares, publicado en 1884.