En desuso, por culpa do móbil

A primeira persoa que fixo unha chamada desde un teléfono móbil, aló no ano 1973, preguntou —Va que non sabes desde onde te chamo? E aínda que parece unha pregunta de cortesía, é máis que probable que tivese a intención de amolar, xa que se levaba tempo investigando na utilización de sistemas de radio para a comunicación móbil e, con esa chamada, o presidente dunha das compañías que pelexaban por conseguilo demostroulle ao da competidora que gañaran a carreira. Ao pouco desa data, produciríase a presentación do primeiro prototipo de teléfono celular persoal.

Nos cincuenta anos que xa pasaron, este tipo de comunicacións avanzou de tal maneira que as funcionalidades ou o aspecto destes primeiros aparellos provocan en nós a nostalxia das antigüidades. A popularización chegou ao punto en que a metade da poboación mundial ten un móbil, mudando a forma de relacionarnos e dando lugar a trastornos descoñecidos ata agora, coma a síndrome que padecemos cando estamos desconectados.

Por outra parte, o avance das capacidades destes novos teléfonos está a volver obsoletos utensilios e tecnoloxías que formaron parte das nosas vidas e que hoxe esmorecen prematuramente nos rochos. O certo é que cada vez os usamos menos para falar e máis para facer cousas que antes faciamos con outros trebellos, como os que imos repasar neste Setestrelo.

 

1

axenda

Libro ou caderno onde se apuntan cousas de interese como aquilo que se ten que facer, enderezos, números de teléfono etc., e que inclúe tamén informacións útiles

A axenda foi tradicionalmente o auxilio da nosa memoria, acollendo nas súas follas a previsión do que tiñamos que facer, polo que resultaba esencial para organizármonos. A axenda volvíase, evidentemente, máis necesaria canto maior era o nivel de actividade, ata tal punto que algunhas das persoas máis ocupadas tiñan mesmo quen lles “levase a axenda”.

A palabra procede do latín agenda, voz que tiña o sentido de ‘cousas que cómpre facer’, e era en orixe un plural neutro derivado do verbo agere ‘levar a cabo’, presente igualmente na formación doutros termos como axenciar, axente ou axencia. E para nós ten tamén este significado de ‘conxunto de actividades dunha persoa’.

Esta especie de libro en branco da nosa vida podía vir organizado por días ou semanas, diferir en utilidades e tamaño, desde a propia de peto ata a de sobremesa, proporcionar informacións adicionais como mapas ou teléfonos de interese, pero a súa vida útil era limitada, xeralmente prevista para un ano. A súa venda diminuíu porque hoxe preferimos as axendas electrónicas dos móbiles e os recordatorios automáticos que estes nos poden facer.

2

calculadora

Máquina que serve para realizar operacións matemáticas por medio de procedementos mecánicos ou electrónicos

O de contar con axuda para os cálculos é algo que se coñece desde antigo, de feito, o ábaco –que chega aos nosos días– existía desde moito antes do inicio da nosa era e foise espallando e adaptando desde Asia ás distintas culturas. Non houbo un sistema máis avanzado ata o século XVII, cando apareceron as primeiras máquinas de cálculo, pero non chegou a ser un aparello popular ata os anos 70 do século pasado, cando as prestacións das calculadoras electrónicas, o seu prezo e manexabilidade lles outorgaron auténtica popularidade.

A palabra ten orixe latina e formouse a partir de calculus -i, un diminutivo de calx, calcis ‘pedra de cal’, utilizado para denominar unha pedra pequena. Como era típico utilizar estas pedriñas para que os nenos aprendesen a contar, a voz adquiriu o significado de conta, o máis habitual para nós, aínda que tamén se conserva o valor orixinal cando falamos, por exemplo, dos cálculos biliares ou renais, popularmente, as pedras.

Se no século XVII só permitía realizar sumas e restas, a calculadora avanzou ata chegar a resolver complicadas ecuacións. A incorporación das funcións realizadas por estes aparellos nos teléfonos intelixentes trouxo consigo o abandono, case total, das clásicas calculadoras.

3

lanterna

Aparello manual, en forma de caixa pequena ou de cilindro, cunha lámpada no seu interior protexida por un vidro, que produce luz mediante pilas

A lanterna é un recurso para unha situación de necesidade que procurabamos ter sempre á man, polo que facilmente gardabamos distintos exemplares en lugares diferentes para dispor de luz a doután. Realmente, desde que houbo lume, as actividades humanas deixaron de limitarse ás horas de luz, e por aí vai a orixe do termo, xa que procede da forma idéntica latina lanterna, e esta do grego lampter -eros, nome dun recipiente onde se queimaba resina ou madeira, tamén aplicado a un facho ou algo semellante utilizado para alumar. É dicir, que ata o século XX, cando se popularizaron os sistemas de iluminación eléctrica, os nosos devanceiros continuaron expostos aos incendios provocados polas lámpadas coñecidas ata daquela.

As primeiras lanternas que se crearon coñecéronse tamén co nome de “luz de flash”, xa que a súa duración era moi limitada e non proporcionaban un fluxo constante de luz, máis ben un chispazo, pero  nos anos vinte do século pasado xa se anunciaban como “a luz que todo o mundo necesita”, porque non se alteraba polas correntes de aire e podía controlarse cun dedo. Todas as vantaxes da lanterna proporciónanolas hoxe a luz que emite o flash do noso móbil. E que temos máis á man ca o noso móbil?

4

compás

Aparello consistente nunha superficie circular onde están representados os puntos cardinais, cunha agulla imantada que indica a dirección norte

Antigamente, a posición dos astros era a única referencia con que contaban os navegantes no medio do mar, pero isto mudou coa introdución do compás. Considérase que o inventaron os chineses, pero non se sabe con seguridade cando, aínda que a primeira referencia fiable é do século IX; traeríano ata Europa os árabes ou, de preferirmos a versión máis romántica, o aventureiro Marco Polo.

O nome deste aparello remóntase ao latín passus -us ‘paso’, sobre o que se crearía o verbo compassare ‘medir co paso’, que daría en francés compasser ‘medir’. Deste verbo derivaría a denominación aplicada ao instrumento utilizado para medir unha curva, que chegou a nós como compás. Segundo algunhas fontes, aplicouse para este obxecto pola súa forma redonda e por posuír unha punta, a da agulla, igual ca o compás das matemáticas. Con todo, pechar a agulla nunha caixiña con tapa de vidro foi unha mellora introducida, ao parecer, en Italia, porque nun principio a agulla imantada uníase a unha cana que a facía flotar e introducíase nun recipiente con auga. Nós dámoslle tamén o nome de agulla de marear –é dicir, de navegar– e mesmo dicimos que lle sabemos a agulla de marear a alguén cando sabemos como obter algo desa persoa.

No século pasado, este invento coñeceu importantes avances ao tempo que se comezaron a utilizar outros sistemas para localizarnos, como o popular GPS (Sistema de Posicionamento Global). Así, incorporamos nos coches un aparatiño que nos axudaba a chegar aos sitios, aínda que non sabía de todas as aldeas. Hoxe podemos prescindir, case por completo, de todo isto se lle sabemos a agulla de marear ao noso móbil.

5

espertador

Reloxo que, a unha hora previamente determinada, fai soar unha campaíña ou timbre para espertar alguén

Sentímonos con frecuencia asoballados polos horarios e escravos do reloxo, de xeito que, de facermos unha listaxe cos aparellos máis odiados, seguro que o espertador ocupa un lugar destacado, pero, froito da nosa relación de amor-odio, tampouco somos quen de prescindir del.

A invención do aparello atribúeselle a un reloxeiro americano que precisaba erguerse antes de que lle puidesen valer métodos tradicionais como a luz do Sol ou o canto dos galos e argallou a maneira de que o reloxo fixese soar unha campá cando a agulla das horas chegaba a un punto. O nome que se lle deu remite ao latín vulgar expertus, contracción do clásico experrectus, participio de expergisci ‘espertar’ que para nós tivo un descendente patrimonial, esperto, e outro culto, experto.

Moito antes, dise que xa Platón ideara un sistema baseado na clepsidra ou reloxo de auga para que os alumnos non lle chegasen tarde ou que polas rúas das localidades inglesas andaban espertadores humanos nos albores da industrialización petando nas ventás, cando o respecto aos horarios se fixo máis necesario. Nós aínda podemos ter algún modelo analóxico pola casa coroado cunha campaíña ou dúas, deses que nos erguían cunha taquicardia, ou outros máis amables que nos conectaban a unha emisora de radio, pero en xeral hoxe prefírese programar a función do teléfono e confiar na batería para chegarmos puntuais.

6

cámara (fotográfica)

Aparello capaz de rexistrar imaxes para logo ser reproducidas fixas ou en movemento

A cámara fotográfica comezou sendo un caixón de madeira, a principios do século XIX, pero os seus antecedentes remóntanse varios séculos atrás ata a cámara escura descrita por Kepler no XVI, da que hai noticias anteriores á nosa era. O termo cámara procedería da técnica descrita, que tomou o nome do latín e este do grego, que  etimoloxicamente remitiría ao concepto de lugar abovedado.

Contra finais do XIX, o aparello comezou a popularizarse, basicamente ao incorporar unha película fotográfica que os propios fabricantes se ocupaban de revelar. Con iso, ao tempo que se facía máis habitual a realización de fotografías, fómoslles dando usos relacionados con elas a palabras como carrete, revelar, disparo, orla ou álbum; incorporamos outras novas como flash, zoom ou teleobxectivo e incluso chegaron a ter entidade de entradas do Dicionario modalidades de cámaras fotográficas como réflex ou polaroid, esta última unha marca rexistrada que se acabou usando como substantivo común.

A cámara fíxose logo dixital e o termo píxel popularizouse. O posterior desenvolvemento dos teléfonos intelixentes con capacidade de recoller imaxes fixas e en movemento vai facendo innecesario cargar cun aparello extra que de ningunha maneira pode superar a dispoñibilidade do móbil. A combinación móbil e cámara creou ou adaptou novas modas como a do autorretrato, máis coñecido co se nome inglés selfie. E agora que as aplicacións nos permiten enviar unha fotografía como mensaxe poderemos valorar máis ca nunca se unha imaxe vale máis ca mil palabras ou se o facemos para aforrar pulsacións.

7

magnetófono

Aparello que rexistra e reproduce sons mediante unha fita magnética

Desde mediados do século XIX, fóronse sucedendo os intentos para crear sistemas de gravación e reprodución do son, que deron como froitos máis logrados o fonógrafo de Edison e o gramófono de Berliner. Xa avanzado o século XX, os discos de vinilo e o tocadiscos lograron gran difusión como medios de reprodución de música, pero o que permitiu e popularizou a gravación doméstica foi o magnetófono e o casete.

O nome deste aparello compúxose a partir de dous elementos de orixe grega: magneto, tomado de magnes -etos ‘imán’, que achega o significado de ‘magnético’ e fono, de phone -es ‘son’, o que se explica pola utilización dunha fita magnética como soporte de gravación. Malia ser esta a explicación da súa orixe, non é que se crease a palabra na nosa lingua para denominalo, senón que nos chegou como marca rexistrada ao ser o nome dado por unha empresa alemá ao seu modelo e de aí pasou a utilizarse como substantivo común.

Os magnetófonos fixéronse compactos e comezaron a acompañarnos a todos os sitios, pero a grande evolución na gravación e reprodución do son chegou da man da dixitalización, que deu lugar primeiramente aos cedés e logo ao MP3. En pouco tempo todos eses sistemas convivían e mesmo parece que van ser superados polas capacidades dos teléfonos intelixentes, utilizados tamén para almacenar e reproducir música e para levar a cabo gravacións. Claro que a morriña está facendo que volvamos a vista atrás, de xeito que os discos de vinilo, despois de seren case pezas de museo, volven estar de moda.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir